FEBREIRO 2007

Política Territorial empraza ao Concello de Ferrol para que paralice as obras da Praza de España (27-02-07)

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes ven de requirir ao Concello de Ferrol a que suspenda as obras de edificación da Praza de España e revise os acordos plenarios adoptados para o cambio de uso dos terreos nese ámbito (en sesión celebrada o 24 de novembro de 2004) e de aprobación definitiva do proxecto de urbanización da zona (sesión plenaria do 16 de marzo de 2005) porque infrinxen o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) vixente no concello no que respecta á edificación sobre a praza.

A raíz dunha denuncia formulada pola Federación Veciñal Roi Xordo, os técnicos da Dirección Xeral de Urbanismo realizaron unha inspección á zona, onde comprobaron que se estaban realizando traballos para a construción dun edificio de cinco plantas de altura e dous sotos.

Esta actuacións execútase en terreos que o PXOM de Ferrol clasifica como “solo urbano, sistema xeral viario”, polo que a edificación e o proxecto de urbanización da Praza de España incumpre as normas relativas ao uso e a edificación que afectan a terreos dotacionais e constitúen unha infracción urbanística tipificada moi grave pola Lei 9/2002, de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia.

Doutra banda, a Dirección Xeral de Urbanismo considera que os acordos adoptados nas sesións plenarias celebradas o 24 de novembro de 2004 e o 16 de marzo de 2005 incorren en nulidade de pleno dereito, xa que non teñen en conta o procedemento establecido na lei 9/2002 (coñecida como Lei do solo) que unicamente permite mediante acordo plenario o cambio de uso daqueles terreos que o planeamento urbanístico reserve para equipamentos públicos, e non aqueles que forman parte do sistema xeral viario, como é o caso. Para facer efectivo ese cambio de usos, o Concello deberá realizar unha modificación puntual do seu PXOM (de feito xa iniciou os trámites pertinentes), e esta deberá ser aprobada definitivamente pola CPTOPT.

A partires de agora, o Concello dispón dun prazo de tres meses para cumprir o requirimento ditado pola Dirección Xeral de Urbanismo.

Noticias de última hora informan que o Concello de Ferrol non atenderá a orde da Xunta ( ver El País)

Política Territorial iniciará a vía contencioso administrativa para que o Concello de Barreiros anule 5 licencias de obra que prevían a construción de 345 vivendas (27-02-07)

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes ven de elevar á Asesoría Xurídica da Xunta a proposta para interpoñer un recurso contencioso-administrativo contra o Concello de Barreiros por non atender os requirimentos da Consellería para anular cinco licencias municipais aprobadas en distintas Xuntas de Goberno Local e que tiñan por obxecto a construción dun total de 345 vivendas nas zonas de San Cosme de Barreiros e San Miguel de Reinante.

Unha vez analizados un por un os expedientes da cada unha destas licencias, a Dirección Xeral de Urbanismo requiriu ao Concello de Barreiros a que procedera a anular as mesmas, xa que os terreos obxecto de urbanización non reúnen os requisitos establecidos pola Lei 9/2002 (Lei do Solo) para ser considerados solo urbano consolidado e, polo tanto, son nulas de pleno dereito. En xeral, as licencias incumpren con requisitos legais como dispoñer de saneamento e abastecemento de auga potable e, ademais, non teñen garantida a suficiencia de caudal e potencia de redes de servizos urbanos, entre outros. Ademais, todas elas foron outorgadas pese a ter informe xurídico desfavorable emitido pola Secretaría do propio Concello.

Unha vez concluído o prazo para todos os requirimentos de anulación e logo de recibir, esta mesma mañá, un escrito do Concello de Barreiros no que se comunica que non vai atender a ditos requirimentos, a CPTOPT tomou a decisión de propoñer o recurso á vía contencioso-administrativa, que terán que emprender os servizos xurídicos da Xunta de Galicia.

Os requirimentos correspóndense con distintos acordos adoptados pola Xunta de Goberno Local, celebrados entre os meses de xaneiro e marzo de 2006, para a construción de 173 vivendas no lugar de Pumarín, 51 vivendas no lugar de Viladaílde, 44 vivendas no lugar de Viladaíde, 48 no lugar de Campos e 29 vivendas nunha rúa de nova apertura en San Cosme.

Hai vida despois do ladrillo? (24-02-07)

A ecología será urbana ou non será. Visto o visto do noso modelo urbano, parece simplemente que non será. Entre 2 e 3 millóns de vivendas, a maioría turísticas ou segundas residencias, están sendo construídas ou están proxectadas en España grazas ao "boom" actual. Con este urbanicidio podemos dicir adeus a calquera propósito serio en contra do cambio climático. Acabamos cuns recursos hídricos escasos, desvirtuamos centenares de espazos naturais singulares e baleiramos de cultura significativa a miles de pobos cohesionados. Ao mesmo tempo, a democracia local foi fagocitada por uns concellos paralelos "na sombra" das construtoras e o interese público substitúese polo principio de que "urbanizar por urbanizar" sempre é bo. Folga dicir que brota por todas as partes a especulación, a corrupción e o branqueo de capitais ilícitos.

Agora denunciar a corrupción urbanística está de moda. Pode ser utilizada máis como arma arreboladiza que como o reflexo dunha convicción noutra forma de facer o hábitat urbano. As fiscalías espertaron do seu letargo, o fisco parece descubrir de súpeto unha evasión colosal de impostos e ata, fálase da perda de moitas paisaxes naturais valiosos. Xa veremos se segue a preocupación logo das próximas eleccións municipais...

Desde o Parlamento Europeo convertemos o escándalo urbanístico español nun asunto europeo importante e notorio. Primeiro enfocamos a atención da Comisión de Peticións (da que eu son titular) na Lei Urbanística Valenciana. Nunha acción moi pouco habitual aprobamos no pleno do Parlamento un demoledor informe sobre o urbanismo valenciano, o que desembocou nun procedemento de infracción en contra da lei e puxo ante a opinión pública europea a famosa "Valencian Land Grab" (o roubo de terras valenciano). Ademais presentamos ducias de preguntas parlamentarias e axudamos presentar peticións europeas sobre casos concretos desde o Cabo de Gata ata Tarifa; desde Fuerteventura ata Murcia; en Castilla con San Glorio chegando ata Mallorca, iso si, pasando antes por Segovia e a Sierra Norte de Madrid.

Coa lexislación europea na man, intentamos frear moitos proxectos e en ocasións, con algún éxito moitas veces grazas á axuda os cidadáns. conseguimos crear máis presión popular no sistema de xustiza, nos distintos gobernos e na sociedade en xeral co obxectivo de defender a vida ante o avance incesante do ladrillo.

Pero o noso empeño non se queda na protesta senón tamén na proposta dunha nova urbanidad ecolóxica e democrática. Poida que non haxa vida logo da ditadura do ladrillo pero si hai unha vida vibrante nas miles de comunidades que aman e defenden cada palmo da súa contorna construída e natural. Elas marcan o camiño para superar os abusos urbanísticos e tecer un futuro máis vivo e feliz.

David Hammerstein, Eurodiputado dos Verdes

Política Territorial iniciará a vía contencioso-administrativa para que o Concello de Foz anule as licenzas de obra outorgadas o 29 de marzo pasado (24-02-07)

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes iniciará os trámites para elevar ao Consello da Xunta a proposta para que o Goberno galego emprenda os trámites pertinentes co obxecto de interpoñer un recurso contencioso-administrativo contra a desestimación do Concello de Foz de non proceder a anular as licencias municipais outorgadas o pasado 29 de marzo.

O pasado 11 de xaneiro, a CPTOPT, a través da Dirección Xeral de Urbanismo, requiriu a este concello da Mariña luguesa a que anulara as 40 solicitudes de licencias municipais para a construción dunhas 1.350 vivendas, xa que a súa concesión “infrinxía o ordenamento xurídico vixente” .

Logo de que concluíra o prazo dun mes dado por Política Territorial para que o Concello acordara proceder a dita anulación, e sen que se teña constancia de que o goberno municipal de Foz dera cumprimento a dito requirimento, a CPTOPT tomou a decisión de propoñer o recurso á vía contencioso-administrativa, que terán que emprender os servizos xurídicos da Xunta de Galicia. Ler en Xunta.es

Cremos que esta debe ser a forma de atallar as imnumerabeis vulneracións do ordenamento urbanístico que levan a cabo os concellos. En Pontedeume hai varios requerimentos da Xunta de Galiza para que Belarmino Freire revogue diversas licenzas concedidas. Algún destes requerimentos xa teñen unha antigüidade de máis de dous anos, sen que ata o momento se decidise plantexar un contencioso administrativo por parte dos responsabeis de Política Territorial. Este é o caso do edificio de Caldagueiro sobre o que pesan tres ordes para proceder á revisión de oficio das licenzas concedidas. A situación real é moi diferente: as obras foron rematadas e as vivendas están ocupadas polos compradores.

Compromiso informativo (22-02-07)

Que a coherencia e o compromiso son valores alleos ó periodismo que practica La Voz de Galicia é algo de sobra coñecido. Este periódico non tivo reparos en censura-las voces críticas de Ignacio Ramonet e Ramón Chao. Tampouco mostrou recato en desvela-los intereses que lle vinculaban a Caixa Galicia para o mantemento da planta de celulosas na ría de Pontevedra. Por iso arremeteu contra la decisión do Concello de Pontevedra, que mostrou unha vontade decidida de aparta-la planta da ría. Este periódico está a practicar unha censura absoluta en relación coas múltiples ilegalidades da planta de gas de Reganosa na ría de Ferrol, o cal non lle impediu o sr. Rey Latorre acudir ó Concello a recolle-la medalla de fillo predilecto da cidade. Tratamento similar reciben as noticias relacionadas coas ilegalidades urbanísticas que a cotío se suceden nos nosos concellos. Por iso resulta escandaloso a aparición nas súas páxinas de noticias como a seguinte, recollida dun exemplar do 8 de febreiro, que se refiren á corrupción urbanística nun contexto tan alleo e singular que parece destinado

a provoca-la risa.

Una mujer, condenada a muerte por corrupción urbanística
Una mujer ha sido condenada a muerte y un funcionario a cadena perpetua por su implicación en un caso de corrupción urbanística. El juez del Tribunal Popular de Ciudad Ho Chi Minh explicó que la mujer adquirió en el 2000 diez hectáreas de suelo agrícola en Go Vap, y luego vendió los terrenos como suelo residencial a una inmobiliaria para sacar un beneficio de 16 000 millones de dong (unjos 800 000 euros)”.

Compradores estafados (21-02-07)

Dende Fusquenlla queremos advertir a todos os particulares que non confien en vendedores que, será por aproveitar estas datas, se disfrazan de legais para vender pisos, casas e outros bens inmobiliarios que carecen das condicións para cumprir a legalidade vixente. Tense dado o caso (ler aquí) de falsear documentos para convencer aos posibeis compradores. Se a isto lle engadimos o feito de que técnicos ou concelleiros de certos concellos nos que se dan licenzas ilegais, aseguran (nunca por escrito) que todo é correcto, xa se conseguíu convencer aos particulares (que non están ben asesorados) a comprar con moito esforzo uns bens que poden perder se se aplica a lei. Cando , por algunha causa, isto sucede, estes particulares síntense maltratados e opoñense á demolición das vivendas adquiridas, sen importarlles que o resto dos cidadáns teñan que aturar coas aberracións que destrúen o seu entorno. E a culpa non é máis que duns poucos -presuntos- delincuentes.

Non pensemos que isto ocorre lonxe, ao peor está máis preto do que pensamos.

Incoherencia (20-02-07)

A coherencia non é desde logo un valor en alza, en menos en partidos que como o PSOE ou o BNG manteñen neste momento responsabilidades de goberno, tanto na Xunta como en moitos dos concellos de Galiza. A cercanía das eleccións activa os discursos demagóxicos na procura dos desexados votos. Non debe resultar estraño polo tanto escoitar a concelleiros do PSOE en concellos como o de Vilanova de Arousa afirmar, con respecto ás múltiples ilegalidades urbanísticas, que: "hai denuncias de particulares e sentenzas xudiciais que recoñecen claramente que se dan licenzas urbanísticas en contra dos informes dos técnicos", polo que entende que a Fiscalía debe velar polo cumprimento da legalidade". Segundo conta a axencia Europa Press “o PSOE de Vilanova de Arousa está a preparar un informe no que se recollen denuncias e informes nos que se constatan algunhas irregularidades urbanísticas cometidas no concello e que pretende presentar no seu día ante a Fiscalía, aínda que o voceiro socialista matizou que ten que notar que a Fiscalía vai en serio e engadiu que lle molestaría facerlle chegar unha documentación e que non se actuase". Para quen coñeza a situación que se está a dar en concellos como Cabanas ou Pontedeume estas declaracións resultan do máis chocante. Pero aínda hai máis. Como na nosa vila, o retraso na aprobación do PXOM no concello arousán está a causar un gran malestar. Para este voceiro vilanovés "o Goberno local está a atrasar deliberadamente a entrega desa documentación", e continúa : "É produto dunha estratexia política, moito me temo que o están a facer deliberadamente e que non van entregar esta documentación ata as eleccións", concluíu. Sería interesante preguntarse por qué os responsables deste partido non trasladan feitos coma este a concellos
onde gobernan eles, como sucede en Pontedeume. 

O caso do BNG é dunha desfachatez moi similar. O escándalo urbanístico de Gondomar lévalle ao portavoz parlamentario Carlos Aymerich a demandar do PP unha “limpeza interna” nas súas listas para impedir o desembarco de persoas involucradas en casos de corrupción. Afirma tamén que a súa formación constata que existen “moitas ilegalidades urbanísticas” na comarca, e exixe do PP que condene as actuacións de corrupción que tan frecuentemente se producen no partido. Pola súa banda, o senador e coordenador da executiva nacional do BNG, Francisco Jorquera,  nunhas declaracións a Radio Nacional este domingo, condenaba o urbanismo devastador e o sistemático incumprimento por parte do PP da lexislación en materia urbanística, ó tempo que facía un encendido discurso en defensa do
territorio, que considera un dos nosos principias sinais de identidade. Ou ben estes conspicuos membros do BNG non se enteran do que fan os seus concelleiros en concellos como o de Pontedeume, ou ben éstes están desoíndo as directrices do partido. Por salubridade política, preferiamos quedarnos con ésta última resposta.

Fusquenlla confirma máis infraccións: 8 licenzas concedidas a pesar dun informe xurídico desfavorábel (17-02-07) 

Lugar de BoebreO Concello de Pontedeume concedeu no ano 2002 licenzas de obra en Centroña e Boebre a pesar de que o informe xurídico era desfavorábel. Tal e como recolle a Lei de Ordenación Urbanística para o outorgamento das licenzas, son preceptivos os correspondentes informes técnicos e xurídicos sobre a súa conformidade coa legalidade urbanística. Se ben o informe técnico era favorábel non así o xurídico asinado pola secretaria do Concello. A vulneración desta normativa noutro caso semellante levou á Fiscalía a acusar ao alcalde dun delito de prevaricación.

A finais de 2001 diversos promotores solicitaron licenza para poder construir 8 edificacións en zona rural de Centroña e Boebre, algunhas en primeira liña de costa.  A motivación do Concello residía na aplicación das Normas Subsidiarias que permitirían o uso do solo como urbanizábel, se ben estas mesmas normas exixían a aprobación do correspondente plano parcial, algo que non se realizou.

Pero amais disto o informe da Secretaria alega razóns moi convincentes para non permitir a concesión das licenzas: os artigos das Normas Subsidiarias que xustificaban estes permisos quedaban derogados pola posterior Lei do Solo de Galiza e pola LRSV de ámbito estatal dos anos 1997 e 1998, respectivamente.

Por se non abondase, a Secretaria recorda que o futuro PXOM, que o Concello xa tiña aprobado inicialmente naquelas datas, consideraba estes terreos como zona de alto valor paisaxístico de especial protección. Por todo isto, a Secretaria conclúe que “non procede a concesión das licenzas urbanísticas solicitadas, toda vez que os proxectos presentados correspóndense a vivendas unifamiliares illadas sen vinculación á explotacións agropecuarias de ningún tipo, polo que se informa DESFAVORABLEMENTE as solicitudes enumeradas no punto primeiro do presente informe”

A concesión das licenzas foi outorgada pola comisión municipal de goberno sobre a que estaban delegadas as competencias urbanísticas. Dita comisión estaba formada, amais do alcalde, por Manuel Allegue, Agustín Vilariño e Manuel Rei, estes dous últimos cabezas de lista nas vindeiras eleccións municipais polo PSdeG e BNG respectivamente.

Cabe lembrar que nesas mesmas datas foron concedidas outras licenzas en Nogueirosa en zona de protección costeira. A raíz destes permisos a CPTOPT denunciou ao Concello de Pontedeume ante o Xulgado do Contencioso, que xa dictaminou a anulacióin de dúas destas licenzas e está a dilucidar o destino doutras seis. Ademais a Fiscalía acusou aos rexedores dun delito de prevaricación.

Esta dilixencia en permitir construcións en zonas de especial protección paisaxística amosa a escasa sensibilidade do goberno local á hora de preservar  o noso patrimonio natural máis valioso: a paisaxe. Tamén pon de manifesto a xa habitual práctica de conceder licenzas á marxe da legalidade, carecendo do máis elemental pudor á hora de asegurar publicamente que as concesións se axustan á lei, ignorando os dictames da Secretaria, da CPTOPT e dos mesmos xuices.

Fusquenlla considera que o sistemático incumprimento da lexislación por parte do Concello, exixe a inmediata actuación da Consellaría de Política Territorial. Dende este colectivo imos exixir á Consellaría que interveña do mesmo xeito que o fixo en Nogueirosa e poña estes feitos en coñecemento da xudicatura. A concesión de licenzas en solo rústico de especial protección convertíuse nos últimos tempos nunha práctica habitual por parte dos responsabeis municipais. Estas actuacións demostran a súa complicidade na destrucción das áreas de maior interese paisaxístico da nosa costa, e o lonxe que está na actualidade o Concello da política que inspirou a lei de medidas urxentes de ordenación do territorio e do litoral de Galiza. Ante a proximidade das eleccións, a estratexia dos partidos parece encamiñarse a unha especie de lei de punto final para legalizar, através do novo PXOM, casos semellantes ao de Caldagueiro e o da antiga casa de D. Pablo.
As accións irresponsabeis do goberno local, amais de favorecer a particulares, están a devastar un territorio que exixe unha defensa vehemente por parte de todos os cidadáns que se sinten preocupados polo futuro.

Ler en La Opinión (17-02-07)

Ler en La Opinión (18-02-07)

Os concelleiros de Gondomar ían recibir 50.000 euros. Tamén están inculpados un arquitecto e a compañeira dun edil (16-02-07)

A comisión de 50.000 euros que Mosquera e Gómez ían cobrar do promotor demostraría un delito continuado de pagos ilegais a cambio de conceder licenzas urbanísticas e outros favores . A investigación que desencadeou a súa detención e a do arquitecto Francisco Javier Borja Ramilo, remóntase varios meses atrás, cando a Fiscalía de Vigo incoou dilixencias previas seguindo unha das moitas denuncias que se presentaron por supostos pagos ilegais en Gondomar.

Ler en El País

Nace unha nova plataforma cidadá en Ortigueira (14-02-07)



Unha plataforma irmá nace en Ortigueira para a defensa dun modelo racional e sostíbel de desenvolvemento urbanístico. Entre os obxectivos que figuran no Manifesto de Ortigueira Sostíbel está a defensa dun modelo de desenvolvemento sustentábel, a posta en valor do medio rural e o apoio a unha política urbanística social e non especulativa que protexa o pasado, a identidade do noso país e a paisaxe. Desde Pontedeume o colectivo Fusquenlla saúda esta nova iniciativa tan necesaria nun espazo natural de enorme importancia que nos últimos tempos está a sufrir a devastadora política caciquil dos irmáns Campos.

A federación Ecoloxista Galega denunciará ante a Unión Europea o trasvase do Eume para crear un lago artificial na mina das Pontes (13-02-07) 

O proxecto que vai tapar o burato da mina das Pontes coa auga do río Eume non é aceptado pola Federación Ecoloxista Galega. En opinión deste colectivo o trasvase da auga dende o río que alimenta as Fragas do Eume poñerá en serio perigo non só o equilibrio dos ecosistemas das propias fragas senón tamén o das marismas e da ría en Pontedeume.

Esta medida obrigará a unha estiaxe  prolongada do Eume durante varios anos, sumándose aos xa nocivos efectos producidos polo encoro e saltos no seu curso.

Pero amais dos prexuizos para o río están os derivados do propio lago, unha enorme extensión de auga estancada con efectos impredecíbeis e cun alto custo de mentemento. Entre os efectos pódense mencionar a posíbel contaminación das augas, o trasvase indefinido, e seguros cambios climáticos coa apración de néboas.

Remata o colectivo ecoloxista dicindo que "a FEG empraza á Xunta de Galicia a que non se embarque nunha aventura que pode pesar coma unha lousa económica e un gravísimo problema a solucionar no futuro, pedindo que estude outras alternativas reais e factibles, incluso a de non intervención de xeito xeral con control do depósito de augas de precipitación, e no que ata pode ser posible adecuar coma grande espazo ao aire libre para a interpretación da evolución xeomorfolóxica e mineral."

Máis información en Federación Ecoloxista Galega

Carta enviada á Voz de Galicia (que, por suposto, non publicou)

É de sobra coñecido e de gran actualidade o crecemento da especulación urnbanística por todo o estado (Ávila, Marbella, Valencia...e por suposto tamén Galicia), aparecendo de cotío novas alusivas nos xornais locais, comarcais e nacionais; pero, curiosamente, as moitas novas de Pontedeume non saen no xornal La Voz de Galicia. Iso que dun tempo a esta parte na vila eumesa sucédense os escándalos urbanísticos un tras outro. Deben ser novas pouco importantes para os redactores de "La Voz de Galicia" ou, estes supoñen, sen interese para os lectores, xa que moi pouco aparece no citado xornal. Permítaseme recordar algunhas delas (que non son rumores, hai documentos que as avalan):

a) Denuncia da Xunta da obra de Caldagueiro (edificio coñecido popularmente como "O mamotreto") b) A Xunta require ao Concello que paralice ditas obras. c) O Alcalde dita unha orde de paralización que non se fai pública e tampouco se respecta. d) A Xunta decide recorrer ante o tribunal Contencioso Administrativo licenzas de obra outorgadas en Nogueirosa. e) O chamado edificio de Correos, que acumula infinidade de denuncias e que rompe tódolos rexistros de inmoralidade e ilegalidade en materia urbanística.

Gustaríame que esta modesta carta supuxese un punto de inflexión no trato deste xornal cara ás novas urbanísticas que aparecen nesta vila. De non ser así empezariamos a preguntarnos se, facendo tanto ruído con outras novas do pobo e silenciando estas, o que se pretende é facer algún favor, a modo de despiste da opinión pública, ao goberno municipal.

Máis información sobre o urbanismop eumés en www.sospontedeume.com que, por certo, está batendo marcas de visitas nas últimas datas.

Eduardo (Colectivo Fusquenlla)

Nace Rede Litoral Vivo. 

18 colectivos, entre os cales está Fusquenlla, únense para defender o litoral galego (11-02-07)


Entre as medidas que propugna esta plataforma de colectivos ecoloxistas debemos citar as seguintes:

  • Prohibición dos desenvolvementos urbanísticos e industriais naqueles lugares onde non estean garantidos a depuración completa de augas residuais, o subministro enerxético e de auga ou que a sua construcion provoque un impacto ambiental ou paisaxístico negativo.

  • Posta en marcha inmediata dunha moratoria que deteña as agresións no espazo marítimo-litoral e que permita a realización dunha Planificación Integral dos Usos do litoral no que se recollan todos os aspectos derivados da ocupación humana, do uso do medio mariño e dos seus recursos así como a previsión sostible da ocupación do mesmo.

  • Saneamento integral das Rías contemplando mecanismos de depuración separada de augas industriais e urbanas para facilitar a reciclado das lamas e apostando por unha rede de depuradoras de tamaño reducido e situadas preto dos lugares de xeración das augas residuais.

  • Aplicación de amplos recortes nos desenvolvementos previstos polos Plans Xerais de Ordenación Urbana, os Plans Parciais e as modificacións de Normas Subsidiarias municipais.

  • Derribo sistemático de toda construción ilegal.

  • Moratoria na construción de paseos marítimos, portos deportivos e recheos fora das rías ate avaliar a súa necesidade, emprazamento e deseño. Prohibición da realización de ningún tipo de recheo dentro das rías xa que son ecosistemas moi fráxiles

Manifesto de Rede Litoral Vivo
Ler en El País

A Audiencia Nacional absolve aos tres eumeses condenados por desordes públicas durante o desafiuzamento de Pilar Castro (10-02-07)

Os tres implicados, Gloria Mantecón, traballadora de Servizos Sociais, e os concelleiros Manuel Rei e Emilio Salorio, foran condenados a unha multa de 120 euros polo Xulgado de Inastrución nº1 de Betanzos. A pena foilles imposta despois de ser acusados dun delito de desordes publicas que supostamente tería ocorrido durante o desafiuzamento de veciña Pilar Castro. 

Como se lembrará, esta muller foi vítima dunha presunta estafa que lle acarreu a perda da súa vivenda. Porén os responsabeis deste delito non foron xulgados e o seu caso atópase en periodo de instrución nas dependencias do xulgado á espera de que un xuíz dite a apertura do xuizo. A demora deste proceso foi denunciada por unha comisión cidadá que se personou como acusación particular contra o actual propietario da vivenda de Pilar e o intermediario na fraudulenta venda. Esta comisión denunciaba "a inxustificábel demora coa que o xulgado está a resolver a acusación que se tramitou contra o comprador, José Manuel González Casas, e contra Jesús Manuel Graña García, axente inmobiliario que fixo de intermediario. Despois de seis anos desde que se producíu o desafiuzamento de Pilar, a instrución do caso está paralizada sen causa algunha que o xustifique"

Ler máis en La Opinión

A XUNTA APROBA O PROXECTO DE LEI DE MEDIDAS URXENTES EN MATERIA DE ORDENACIÓN DO TERRITORIO E DO LITORAL DE GALICIA (08-02-07)

Unha vez que entre en vigor suspenderanse todos os novos desenvolvementos  urbanísticos na franxa dos 500 metros da liña litoral de xeito transitorio mentres os concellos non adapten os seus planeamentos á normativa vixente ou non entre en  vigor o Plan de Ordenación do Litoral
A lei permite á Xunta utilizar os plans de incidencia supramunicipal para promover  vivendas protexidas
O texto inclúe unha modificación da actual Lei do solo para permitir a construción de instalacións de produción de enerxía renovable en solo rústico
Créase o Instituto de Estudos do Territorio para prestar asesoramento e asistencia  aos concellos para a elaboración dos seus planeamentos

O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de Lei de medidas urxentes en materiade ordenación do territorio e do litoral de Galicia, que agora será remitido ao Parlamento autonómico para a súa tramitación e aprobación.

O principal obxectivo deste anteproxecto é o de preservar os valores paisaxísticos e a riqueza natural da costa galega mentres non sexa aprobado o Plan de Ordenación do Litoral que está elaborando a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, ou ben os concellos costeiros non adapten os seus planeamentos urbanísticos á normativa actual.

Protección dos 500 metros
Precisamente, para facer cumprir este extremo, o proxecto de lei recolle as medidas en materia de ordenación do territorio polas que –  unha vez que a lei entre en vigor- se suspenderán de xeito cautelar todos os novos desenvolvementos urbanísticos de terreos situados a menos de 500 metros do mar naqueles concellos que aínda non adaptaron o seu planeamento á lexislación urbanística vixente. Están afectados por esta medida todos os concellos do litoral, é dicir, un total de 87 (48 na provincia da Coruña, 30 en Pontevedra e 9 en Lugo), xa que non só se inclúen os costeiros, senón aqueles que lindan con ríos afectados pola interacción das mareas.

Para todos os concellos do litoral, esta suspensión afecta os terreos situados dentro da franxa dos 500 metros clasificados como solo urbanizable, apto para urbanizar ou rústico apto para o desenvolvemento urbanístico. Ademais, no caso dos municipios costeiros con poboación inferior a 50.000 habitantes, estas limitacións estenderanse aos terreos que, malia estar clasificados como solo urbano, non reúnan os requisitos de solo urbano consolidado e, en todo caso, aos terreos incluídos en polígonos, unidades
de actuación ou de execución.

Trátase dunha suspensión que terá carácter transitorio, xa que estará vixente mentres os concellos non adapten os seus planeamentos á normativa actual, ou ben non entre en vigor o Plan de Ordenación do Litoral (que establecerá os criterios, principios e normas xerais para a ordenación urbanística da zona litoral). Segundo o anteproxecto de Lei de medidas urxentes, as determinacións do dito Plan serán directamente aplicables e prevalecerán de forma inmediata sobre as do planeamento urbanístico.

Reaparición do concelleiro de urbanismo que se destapa cunha visión mercantilista do PXOM (07-02-07)

Hoxe publica Diario de Ferrol unha declaración de Tino Regueiro, concelleiro de urbanismo de Pontedeume ao que xa dabamos por desaparecido.

Nunhas escuetas palabras, como no podía ser doutra maneira, o concelleiro lamenta que a Xunta non envía ao Concello o PXOM para poder seguir coa súa tramitación antes da aprobación definitiva. Achaca este retraso ao caos admistrativo  que impera na consellaría, algo que pode ser certo se temos en conta a cantidade de despropósitos con que os concellos galegos, entre eles o de Pontedeume, "obsequiaron" aos técnicos da xunta que agora deben supervisar para evitar un maior desenfreo da construción dentro das nosas vilas. Por experiencias anteriores podemos afirmar que non é doado que a Xunta consinta aprobar un plano de urbanismo que aumente escandalosamente o chan edificábel, ou que recalifique como urbanizábel terreos que gozan de especial protección.

Pero o que máis chama a atención dos comentarios de Tino Regueiro, que sutilmente deixa caer que existen outros concellos con problemas máis graves que os de Pontedeume, é esa forma mercantilista de entender as funcións dun PXOM, chamando a atención dos efectos económicos que pode ter o retraso na aprobación do planeamento. Nunca pensamos que o concelleiro tivese claro que un PXOM servese, sobre todo, para reorganizar o urbanismo das vilas e acadar un mellor espazo para a habitabilidade, o medio ambiente (por certo, algo que Consultora Galega esqueceu incorporar ao plano como era preceptivo e motivo do retraso), a conservación do casco histórico, a reordenación do rural e dos espazos protexidos, etc. Mais tamén é certo que nunca pensamos que se atrevese a avogar claramente polos intereses económicos dos promotores. Porque, sen a menor dúbida, os efectos económicos derivados dos planeamento surbanísticos van parar na súa totalidade aos petos dos construtores, promotores e, quizais, dalgúns políticos ou técnicos. Aos xornais de cada día nos remitimos.

A Fiscalía do Tribunal Superior investiga un presunto delito contra a ordenación do territorio no caso do edificio da Porta Nova (05-02-07)

O edificio que o Concello de Ferrol pretende levantar na Porta Nova xa acumula máis de cincocentas denuncias. Un vello proxecto do goberno anterior formado por BNG e PSOE é revitalizado polos partidos hoxe no poder, PP e Independentes, cunhas características máis voluminosas se cabe. Hai que salientar que a día de hoxe os únicos que apoian tal proxecto son os grupos que forman o goberno local.

Tanto la Consellaría de Política Territorial, a través da inspección urbanística, como a propia Fiscalía teñen no seu punto de mira esta colosal obra que invade terreos públicos, uns terreos que o Concello se atreveu a recalificar nunha operación de dubidosa legalidade. Un informe do servizo de inspección da CPTOPT pide a paralización inmediata das obras por entender quese asentan sobre un solo calificado como sistema xeral viario. 

Trátase dunha parcela de case 8.000 metros cadrados, na que se instalarán oficinas, baixos comerciais e un centro de saúde privado. Pola súa explotación, a construtora ABECONSA pagará un canon mensual de 2500 euros, durante 70 anos. Todo un agasallo pola adxudicación dun edificio de 5 plantas e 2 sotos adicado á explotación comercial.

Ler en El País

Máis información en El País

A feira da especulación (04-02-07)

Un ano máis os mercaderes de solo, os traficantes de terras, os destructores da paisaxe danse cita en FITUR, a feira anual do turismo. Miles de empresas relacionadas co sector reúnense en Madrid para exhibir o que eles que denominan “productos turísticos”.
Entre elas tamén, como non, construtoras e inmobiliarias, cuxa presenza denuncian grupos ecoloxistas porque promoven un modelo destrutivo do territorio e do medio social baseado no consumo voraz de espazos, de auga, de recursos, que provoca a destrución dos modos tradicionais de vida, a banalización da cultura e a perda de identidade. Non esquezamos que os espazos teñen uns límites de acollida e que a Organización Mundial do Turismo prevé para o ano 2010 o desprazamento de 1000 millóns de turistas.
Unha das empresas presentes na feira é FADESA, expoñente destacado deste modelo turístico depredador. No ano 2005 obtivo uns beneficios de case 1000 millóns de euros. Cunha “carteira de solo” de máis de 20 millóns de metros cadrados,  os seus tentáculos esténdense  por España, Portugal, Romanía, Hungría, Polonia, Francia, México, Bulgaria e Marrocos. Neste país desenvolve proxectos como o “resort” Mediterrania Saïda, un xigantesco complexo turístico que ocupa 6 kms. de litoral e conta con 3000 vivendas, 3 campos de golf e un porto deportivo para 800 amarres, unha obra de forte impacto ambiental semellante á que está a levar a cabo no concello de Miño.  Velaí cómo actúan, en boca dun inversor, estas compañías en cidades como
Bucarest: “O mercado da construcción é tan excitante como o era en España hai cinco anos (…) No pasado sairon á venta 6.000 pisos en Bucarest (…) Agora estou edificando na zona dos lagos, ou sexa, como quen di, en medio do parque do Retiro; pero qué demo, é legal (…) Qué ía a facer? Deixalo intacto e vir de vez en cando a botarlle pan ós patos? Ise non é o meu traballo!  (El País).
Outro encontro interesante é o que ten lugar estes días na illa da Toxa, onde, á iniciativa da patronal hosteleira galega, os metereólogos debaten baixo o
título “O valor turístico da información metereolóxica”, cómo ofrecer unha imaxe máis “benigna” do clima de Galicia e demostrarnos que nesta terra –cousa que, por outra parte, cada vez parece maís certa- xa non chove tanto como din. Semella que tratan de conxurar o tempo adverso e convencer aos turistas recelosos das bondades dun clima que está a mudar e que promete as mesmas posibilidades turísticas  de sol e praia que nas xa ateigadas costas de Levante. Nos vos lembra isto a publicidade dunha inmobiliaria de Pontedeume que empregaba o mesmo argumento para estimular a compra de pisos neste concello?

Unha lonxa será construída a carón dos almacéns e do edificio de actividades acuáticas (02-02-07)

O edificio ocupará dúas plantas cunha superficie total de 340 mettros cadrados. Demarcación de Costas, propietaria dos terreos, xa deu o seu consentimento para esta obra que, xunto cos futuros almacéns para pescadores e o edificio que disfrutarán o Firrete e o Clube de Vela, formarán parte da nova fachada marítima de Pontedeume.

Ler en La opinión

O espolio (02-02-07)

A piques está de producirse unha nova agresión cara o noso patrimonio natural: o traslado do centenario teixo ubicado no Parque de Sarmiento.  A intención é a de colocar unha das rotondas coas que o Concello pretende desconxestionar o tráfico rodado na confluencia entre as avenidas de Ricardo Sánchez e da Coruña. A ninguén se lle escapa que unha acción desta natureza significará a desaparición do exemplar, que, xunto ao do asilo e o da Casa Tenreiro, representan tres maravillosas mostras desta especie. A práctica da tala indiscriminada e a poda frenética (obsérvese o estado lamentábel no que se atopan os plátanos da alameda de Raxoi, reconvertida en céntrico aparcamento), sumado ao estado case agónico do valioso conxunto de árbores do amor do xardín de Lombardero, atestiguan a pelaxe arboricida da concellería de servizos e o desprezo dos seus responsabeis respecto aos nosos monumentos verdes, feito especialmente incomprensíbel nun concello que presume de ter un dos parques naturais máis singulares de Galicia.


Os problemas que actualmente xenera o tráfico de vehículos nesta área da vila, que é a que actualmente rexistra un maior número de residentes, teñen a súa orixe na súa deficiente urbanización; os seus sinais son manifestos: ausencia de beirarrúas, carencia de servizos, conxestión, crecemento desordenado e alta densidade de construccións. As solucións, polo tanto, non poden ser únicas nin improvisadas. Pero existen interesantes opcións. En primeiro lugar, o rescate da concesión da estación de servizo, cuxa ubicación
presente representa un estorbo para a circulación e un perigo constante para os traseúntes. A apertura de novos viais, alternados con áreas verdes e de esparcimento, que faciliten a conectividade e alivien a circulación, é outra posible alternativa.

Sirvan de reflexión aquelas palabras que a principios do século XX Antonio Tenreiro, o arquitecto que firmou a obra dese Mercado municipal que a punto estivo de desaparecer pola furia da piqueta,  lle adicaba ó teixo da Casa Tenreiro, onde amosaba o seu desexo de que o insigne exemplar fose conservado para as xeracións futuras:

“Y vivirá el árbol para entonces? Esperemos que Dios
hará que así sea y que la propiedad del árbol se
transmita a manos tan cuidadosas y que tengan por el
mismo tanto interés y cuidado como hasta ahora cupo la
suerte que así fuese, a través de sus varios siglos de
existencia. Pueden vivir estos árboles de mil
quinientos a dos mil años, y ello hace esperar que el
de Pontedeume pueda aún seguir admirando a muchas
generaciones sucesivas. ¡Así sea!”

A Xunta suspende as normas de planeamento urbanístico de Barreiros (01-02-07)

Despois de suspender a concesión de licenzas neste concello, a Xunta decide agora suspender as normas de planeamento urbanístico, normas que databan de 1996 e Touriño considera obsoletas. Barreiros visou o ano pasado máis de 6000 vivendas algo que o executivo galego considera un crecemento desorbitado.

As normas subsidiarias de barreiros contraviñan a lei do solo e "se estaba perpetuando un modelo territorial obsoleto que convertía as estradas en rúas, que determinaba como solo urbano zonas de importantes valores naturais, colindantes e se estaban clasificando como solos urbanos, zonas que non reúnen os requisitos legais porque non tiñan acceso por vía pública pavimentada, carecían de redes de saneamento e depuración de augas residuais”

Esta decisión sigue a outras similares tomadas nos concellos de Tui, A Estrada, Viveiro e Sada, nos que se implantou por parte da Xunta unhas normas provisionais mentres non se aproben os respectivos PXOM.

Ler en Xunta.es

Por outra banda, na Estrada o colectivo veciñal AEDRU demandará á Xunta polas normas provisionais que se ditaron despois de suspender o planeamento urbanístico deste concello. Máis información en Aedru.org

Apagón contra o cambio climático (01-02-07)

Hoxe está previsto un grande movimento cidadán en todo o mundo para protestar contra o abuso das enerxias como causa do cambio climático que estamos a padecer. A Alianza Polo Planeta chama a todos os cidadáns do mundo a apagar as luces durante 5 minutos, dende as 19:55 ata as 20 h, como unha forma de demostrar aos dirixentes políticos que a sociedade está por modificar os hábitos consumistas en materia enerxética.

É hora de pasar á acción e darlle cinco minutos de respiro ao planeta.