Marzo 2007

6 de Maio 31.03.07

A práctica totalidade de organizacións ecoloxistas galegas decidimos convocar unha manifestación o día 6 de maio en Santiago de Compostela. Despois dunha xuntanza celebrada nesta mesma cidade, os grupos participantes acordamos por unanimidade - dous destes colectivos deben someter aos seus órganos de dirección esta decisión - chamar á cidadanía a unha manifestación que sirva para amosar a nosa repulsa pola degradación do territorio, un feito que ameaza á propia identidade de Galiza. Outros grupos que escusaron a súa asistencia, amosaron o seu apoio ás decisións tomadas.

Coincidíuse na necesidade de celebrar este acto reivindicativo e de denuncia dada o estado de deterioración na se atopa o territorio galego, tanto o litoral como o interior. Se o primeiro está ameazado pola construción e as piscifactorias, non o está menos o interior, que sufre a espoliación do Courel e da Terra Cha. Sen esquecer a deterioración dos cascos históricos, a destrución do patrimonio arquitectónico, a desaparición dos espazos públicos e zonas verdes, e a edificación masiva que aporta especulación e depredación da paisaxe.

Existe unha grande sensibilidade social sobre as consecuencias irreversibeis que acarrea o descontrol das actuacións urbanísticas e a impunidade dos empresarios e alcaldes que os apoian. Temos agora a posibilidade de poñer freo á cementación de Galiza, de salvagardar o noso patrimonio natural, que é o mesmo que dicir o noso futuro. 

Escrito dos afectados pola recalificación de EINSA 31.03.07


O goberno deste Concello quere as nosas terras de balde.

Toman decisións sobre as nosas terras sen informarnos, e por unanimidade segundo TINO Regueiro (BNG) .
Din que é un beneficio para o pobo, ¿de onde somos nós ou non estamos no censo?
Señores do goberno nós temos a mala sorte de ter só o vinte por cento da terra que quere EINSA, pero temos familias, amor propio e dignidade que imos defender.
No Agosto do 2000 xa o intentaron, agora apostan máis forte.

Queren facerlle un bo agasallo a EINSA pero que o paguemos nós.
Queren que nós sexamos donantes non donos.
Queren que o pobo medre porque pensan que pobo so son eles.
Queren arrimarlle ao oitenta de EINSA o noso vinte por cento.

OS SEÑORES DE EINSA tamén:

Queren que lles financiemos con cartos e terra as rúas, que de terra non lles valen  
Queren que lles financiemos con cartos e terra os servicios urbanos i equipos
Queren que lles financiemos con cartos e terra o aparcamento do pazo   
Queren que lles financiemos con cartos e terra os xardíns do pazo.
Queren,queren, NON QUEREN FÁBRICAS,  O QUE QUEREN É CHALÉS, PERO DE LUXO.

Despois de tanto pagar, se cadra xa quedamos empufados e non chega o valor dos metros cadrados que nos queden para facer as parcelas que nos prometeron, e cando queiran expropiarnos xa non cobramos nada, sorte se non temos que pagar.

Mais non lles chega porque tamén queren as nosas terras polo JUSTIPRECIO.
Esta ameaza botouna o representante de EINSA na sala de reunións en presencia de BELARMINO Freire,(PSOE) TINO Regueiro(BNG) e os DONANTES, pero nin Deus rechistou, tivemos sorte o señor alcalde animounos moito e dixo: “nosotros hicimos lo que debíamos, si no estáis de acuerdo defendeos”
E nós que somos moi mandados,¡ÍMOLO FACER!Ímonos defender con uñas e dentes ou o que teñamos nas mans.

Recalificación en Andrade 29.03.07

No mes de novembro do 2006, un representante da empresa EINSA presentou un proxecto ao Concello de Pontedeume para recalificar uns terreos na parroquia de Andrade. Previamente un proxecto anterior, basicamente idéntico a este, foi rexeitado pola CPTOPT. 

O Pleno do Concello de Pontedeume, en sesión ordinaria celebrada o 25 de xaneiro de 2007, acordou aprobar inicialmente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Pontedeume para uso terciario-industrial en Campolongo, redactada por Consultora Galega, S.A., e presentada por Joaquín Martínez Pérez-Mendaña, en representación de Ediciones Informatizadas, S.A. Satisfacíase así a pretensión da empresa citada.

O día 6 de marzo do 2007 o DOG publica:

"De conformidade co acordado polo Pleno do Concello e co disposto no artigo 85.2º da Lei 9/2002, modificada pola Lei 15/2004, de ordenación urbanística e de protección do medio rural, sométese o expediente completo á información pública polo prazo dun mes, contado a partir do seguinte ao da última publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia e en dous xornais de máxima difusión da provincia, durante o cal os interesados poderán examinalo nas oficinas xerais municipais, sitas na rúa Real nº 13 deste concello e presentar cantas alegacións e/ou observacións consideren oportunas."

Polo tanto o día 6 de abril remata o prazo para presentar cantas alegacións se consideren oportunas.

As críticas que se poden facer a este tipo de comportamento do goberno local son múltiples e resumirémolas aquí.

Non ten razón de ser unha recalificación de terreos cando está en trámites de aprobación un novo PXOM, a menos que a precipitación desta solicitude esconda uns intereses especulativos que doutro xeito non serían posibeis. Lembremos que hai unhas semanas o concelleiro Manuel Rei declaraba no xornal La Opinión que se estaban a denegar novas licenzas. Segundo destacaba o portavoz nacionalista, o Concello non concedía licenzas dende hai algún tempo. E engadía: "Sopesamos la suspensión de los permisos. Hay gente que se quiere ir a vivir a las parroquias e incluso han amenazado al técnico municipal con recurrir a la vía judicial para obtener las autorizaciones. Pero no podemos someternos a interpretaciones, consultamos incluso con juristas. Se debe avanzar con el plan urbanístico".
Parece que hai distintas categorias de cidadáns para os nosos representantes e que o feudalismo aínda non foi desterrdado deste país.

Tampouco se contou coa opinión dos propietarios de terreos que se verán afectados pola recalificación. O goberno local ten o deber de consultar cos prexudicados antes de tomar calquera iniciativa neste sentido. Pola contra, os rexedores informaron aos propietarios hai dous días do novo estado das súas propiedades, dificultándolles a posíbel presentación de alegacións.

Entre os terreos a recalificar hainos clasificados como solo rústico de protección forestal, o que debería ser motivo para non proceder á súa modificación.

Dende o Colectivo Fusquenlla imos poñer todos os medios ao noso alcance para impedir esta modificación das Normas Subsidiarias, unha modificación que permitiría alterar a legalidade en beneficio dunha empresa que non aclara a verdadeira intencionalidade deste proxecto. 

Non nos cansamos de denunciar a complicidade do equipo de goberno cos representantes de empresas que fan das recalificacións e da especulación a súa razón de ser. 

Do mesmo xeito criticamos o oscurantismo que amosa o Alcalde e o concelleiro de urbanismo co fin de impedir a participación cidadá naqueles asuntos que lle atinxen directamente, condenando a uns propietarios a contemplar como se desvalorizan os seus terreos. Quizais o seguinte paso sexa a expropiación.

Decálogo urbanístico de Greenpeace 27.03.07

Greenpeace presentou hoxe dez medidas para conseguir un urbanismo sostenible concibido para aumentar a calidade de vida da poboación e o respecto ao territorio onde se desenvolve. A acumulación de escándalos, investigacións e procesos xudiciais relacionados co urbanismo poñen de manifesto que en España o funionamiento efectivo do control da edificación (disciplina urbanística) é a gran asignatura pendente.

Seguir lendo

Nesta mesma páxina publicamos as bases para un urbanismo sostíbel en Pontedeume

POR UNHA GRAN MOBILIZACIÓN

Xa hai data para unha xuntanza preparatoria: sábado 31 de marzo ás 12 na Galería Sargadelos de Compostela, Rúa Nova 16. 

Hai unhas semanas, dende o Colectivo FUSQUENLLA faciamos un chamamento (ver aquí) para organizar unha protesta nacional na que amosar a nosa preocupación e repulsa pola degradación urbanística que estamos a sufrir en Galiza e cuxos síntomas máis evidentes son as agresións urbanísticas no litoral, a edificación masiva e descontrolada, o deterioro dos núcleos históricos das vilas, a destrucción do patrimonio arquitectónico, a perda dos sinais de identidade territorial, a desaparición dos espazos públicos, a ausencia dunha política social de vivendas e a promoción de proxectos especulativos e lesivos para o noso entorno. 

Agora xa podemos fixar unha data para avanzar na formación dunha coordenadora que impùlsde este movimento. Celebraremos unha reunión o sábado 31 de marzo ás 12 na Galería Sargadelos de Compostela, Rúa Nova 16.

Xa está confirmada a asistencia de distintos colectivos como Rede Litoral Vivo, na que están integrados os grupos Asociación O Carballal, Adega, Amigos da Terra, Asociavión pola defensa da ría de Pontevedra, Colectivo Ecoloxista do Salnés, Federación Ecoloxista Galega, Greenpeace, Luita Verde, Verdegaia, Asociación Cultural e Veciñal O Tombo de Ardán (Marín), Anduxía - Plataforma para a conservación e rexeneración do litoral de Bueu, Bouzas Móvete, Comité Cidadán de Defensa Para a Ría de Ferrol , Foro Social de Cangas, Fusquenlla, Ortigueira Sostible, Plartaforma Ártabra 21,Plaforma contra o viaduto e a variante de Outes, Plataforma pola Defensa da Ría (Cíes), Salvemos Monteferro.

Invitámosvos a esta reunión e agradeceríamos trasladásedes este chamamento a todos cantos grupos e particulares queiran sumarse a esta iniciativa.

Fainos chegar as túas propostas e adhesións ao noso correo (preme aquí)

O Concello de Pontedeume acumula infinidade de infraccións urbanísticas 21.03.07

Hai uns días informábamos dun escrito do Director Xeral de Urbanismo, datado o 15 de xaneiro deste ano, no que se emprazaba ao Concello de Pontedeume a suspender as obras de varias vivendas ubicadas na praia de Ber. Estas vivendas foron levantadas sen permiso da Xunta de Galiza, tal e como é preceptivo tratándose dun espazo de protección especial. Tamén se ordenaba nese mesmo escrito a incoar un expediente de reposición da legalidade. 

O Alcalde Belarmino Freire informou deste escrito á Xunta de Goberno Municipal o día 30 de xaneiro nunha reunión na que estaban presentes Manuel Rei, Julio Yáñez, Tino Regueiro e Manuel Agras. (Máis información en La Opinión)

Non é esta a única ocasión na que a CPTOPT actúa nos terreos da zona costeira de Ber. En abril do 2006 o DOG publicaba a orde na que se notificaba a un veciño de Boebre a resolución pola que lle ordenaba demoler a vivenda da súa propiedade. Esta resolución declaraba ilegalizabeis as obras de construción da devandita vivenda unifamiliar, por resultar incompatibles co ordenamento urbanístico vixente e ordenaba a demoliciónda edificación de planta baixa e planta alta, para o que se fixaba un prazo de dous meses.

Tamén en Centroña e Boebre foron concedidas licenzas de obras a pesar do informe negativo da Secretaria do Concello. A concesión das licenzas foi outorgada pola comisión municipal de goberno sobre a que estaban delegadas as competencias urbanísticas. Dita comisión estaba formada, amais do alcalde, por Manuel Allegue, Agustín Vilariño e Manuel Rei, estes dous últimos cabezas de lista nas vindeiras eleccións municipais polo PSdeG e BNG respectivamente. (Para máis información sobre estas licenzas, consultar aquí)

Cabe lembrar que nesas mesmas datas, ano 2002, foron concedidas outras licenzas en Nogueirosa en zona de protección costeira. A raíz destes permisos a CPTOPT denunciou ao Concello de Pontedeume ante o Xulgado do Contencioso, que xa dictaminou a anulacióin de dúas destas licenzas e está a dilucidar o destino doutras seis. Ademais a Fiscalía acusou aos rexedores dun delito de prevaricación.

En Caldagueiro, o chamado "mamotreto" acumula dúas ordes de paralización ditadas pola CPTOPT que non foron atendidas polo Concello de Pontedeume. Esta obra, paradigma das aberracións que asolan a nosa paisaxe, foi rematada e actualmente está habitada a pesar de non contar coas preceptivas licenzas de primeira ocupación.

Tamén na Av. do Ferrol unha obra promovida por Lagaresy Álvarez, S.L. foi paralñiazada polo Concello por non respectar a licenza outorgada. As vivendas construidas triplicaban o número concedido.

Na antiga casa de D. Pablo a empresa Progasa 2000 víuse obrigada a suspender as obras despois das innumerabeis denuncias presentadas polo colectivo Fusquenlla.

Semellante morea de infraccións concentradas en Pontedeume, aproximadamente 200 vivendas,  converten a este concello nun dos que teñen a triste condición de non repectar a lexislación urbanística e contribuir ao deterioro da paisaxe e do medio ambiente. Por esta razón o Colectivo Fusquenlla dirixíuse á Consellaría de Política Territorial para demandar desta institución a adopción de medidas tendentes a facer respectar a lexislación e a repoñer a legalidade alterada polas obras citadas, propoñendo á CPTOPT que interpuxese ante o Xulgado un contencioso administrativo contra o Concello de Pontedeume e os promotores como única forma de garantir o acatamento das leis.

Patrimonio paraliza a construción de vivendas na Praza de España en Pontedeume (18.03.07)


Os restos achados nas excavacións da Praza de España poden pertencer á antiga rede de canalizacións da vila medieval. Por este motivo o proxecto que Lagares pretendía desenvolver no lugar que ocupa unha parte importante da fachada marítima de Pontedeume vese abocado ao fracaso.

A Dirección Xeral de Patrimonio non permite levantar ningún edificio. E a prohibición é por tempo indefinido.

O promotor presentou un proxecto que incluía unha edificación acorde co entorno. A pesar diso, Patrimonio considera que os restos achados poden ter un valor histórico que impediría a construción de calquera edificio.

O concelleiro Manuel Rei, de novo exercendo como titulasr de urbanismo, se amosa partidario de construir para tapar o que el considera un "punto negro" da fachada marítima. Facendo gala unha vez máis do seu desprezo polo patrimonio histórico de Pontedeume, lembremos a súa posición con relación ao Mercado Municipal, avoga por edificar a zona coas mesmas fachadas de orixe. Non era o único pois o alcalde Belarmino Freire dicía que se trataba de restos pertencentes a unha taberna.

No mes de outubro do ano pasado, Fusquenlla exixía  que se faga o estudo das excavacións co máximo rigor e sen presións dos promotores da obra. De se atopar restos arqueolóxicos deberían conservarse e expoñerse ao público nun espazo aberto desde o que reflexionar sobre o valor patrimonial que Pontedeume posúe e que se atopa en perigo de extinción.

Ler en La Voz de Galicia

Cidades sostibeis (17-03-07)

Últimamente estase a converter nun lugar común entre os nosos políticos a infeliz expresión de urbanismo sostíbel. E anque apreciamos o esforzo que os partidos realizan en período preelectoral para recolle-las crecentes demandas da cidadanía en favor de modelos urbanisticos racionais e sostíbeis, non deixa de resultar insólito escoitar en boca de políticos como Manuel Rei ou Agustín Vilariño propostas que abogan por un crecemento urbanístico acorde coas necesidades reais e respetuosas co entorno paisaxístico.

Pero vivimos tempos confusos. O veciño concello de Miño acaba de recibi-lo premio á cidade sostíbel na categoría “Ordeación do territorio e conservación dos recursos naturais”, que concede anualmente a Fundació Fòrum Ambiental y Ecocity. Este fallo sorprendente coincide coa recente decisión da Consellería de Pesca de catalogar como “C” o banco marisqueiro -o cal supón, como en Pontedeume, que os moluscos non poderán venderse como productos frescos–  pola contaminación que sofre a ría e que os mariscadores atribúen ós verquidos de arxila provocados polos desmontes na construcción de urbanizacións. 

O avance do ladrillo acabou con todo resto da arquitectura tradicional. Hoteis e apartamentos salpican caóticamente o espacio urbano nun perfecto exemplo de anarquía constructiva. O proxecto estrela neste concello sostíbel é a urbanización Costa Anácara  promovida por FADESA e que contará con 1300 vivendas e un campo de golf nos terreos da antiga fraga de San Xoan. As augas residuais que xenere a urbanización van seren bombeadas ata a praia de Perbes ó non dispoñer dunha estación depuradora, mentres que as de escorrentía do campo de golf, que conteñen perigosos herbicidas, verterán ó río Xarío e á praia grande de Miño.

Outra vila galardonada en anteriores edicións foi a de As Pontes de García Rodríguez -cuia central térmica emitiu en 2004 case 11 millóns de toneladas de CO2-, que obtivo un accésit á cidade máis sostíbel polo desenvolvemento, entre outras, dunha actuación ambiental innovadora, a promoción das enerxías renovables e a recuperación do entorno ambiental. Quizáis non sexa alleo a concesión deste premio o feito de que a empresa ENDESA forme parte desta fundación.

Está clara a intencionalidade de políticos e empresas coma éstas: a manipulación interesada para tratar de convencernos de que comparten con nós a mesma sensibilidade. Pero é evidente que están moi lonxe de conseguilo.

A Xunta ordena paralizar varias vivendas na praia de Ber (16-03-07)

O Concello de Pontedeume recibíu un escrito do Director Xeral de Urbanismo, con data 15 de xaneiro do 2007, no que ordenaba ao Alcalde a inmediata suspensión das obras de construción de varias vivendas na praia de Ber, Centroña, por carecer da preceptiva autorización autonómica e obriga asemade á retirada dos materiais preparados para ser utilizados nas obras. Tamén se ordena incoar expediente de reposición da legalidade urbanística.

O Alcalde Belarmino Freire informou deste escrito á Xunta de Goberno Municipal o día 30 de xaneiro nunha reunión na que estaban presentes Manuel Rei, Julio Yáñez, Tino Regueiro e Manuel Agras.

Bases para un urbanismo sostíbel en Pontedeume (14-03-07)

Achegámonos ás elección municipais e os partidos políticos publicitan o seu programa de cara a conseguir votos dos cidadáns. E o urbanismo está condenado a ser o eixo central da campaña. Xa algún grupo local amosou interese en coñecer a opinión do Colectivo  FUSQUENLLA sobre o que deberían ser as bases para acadar un urbanismo sostíbel para Pontedeume.

Dende esta páxina dirixímonos a toda a cidadanía para facerlle chegar o noso parecer do que debería recoller unha ordenación urbanística, e emprazamos aos partidos políticos a que asuman e defendan estes principios mínimos para garantir un futuro mellor en canto a habitablidade e respecto ao medio ambiente.

1. Redacción dun PXOM adaptado á realidade física, histórico-artística e demográfica do concello de Pontedeume, potenciando os valores de Pontedeume como vila tradicional, e promovendo un modelo de desenvolvemento sostíbel en contra dos modelos importados de crecemento incontrolado. Un PXOM que non contemple un crecemento do solo urbanizábel superior ao 20 %. Exposición pública do PXOM nun periodo de 2 meses, faciltar toda a documentación en CD ou descargas web. Compromiso de atender as alegacións presentadas por tódolos cidadáns. Firme compromiso de modificar o PXOM se a cidadaníia o require nas súas alegacións. Compromiso de adaptar as edificacións ao planeamento; non a tendencia actual de adaptar o planeamento ás edificación ilegais. Non ás legalizacións sistemáticas a calquer prezo. Non a unha lei de punto final para as edificacións ilegais.

2. Establecemento dun modelo de crecemento baseado nunha optimización dos servizos básicos e na reordenación e rexeneración das zonas urbanas actuais, antes que na recalificación indiscriminada de terreos rústicos coa conseguinte devastación da paisaxe. Política de infraestruturas, depuración das augas e saneamento integral da ría.

3. Cumprimento estrito da legalidade urbanística: cumprimento do Regulamento de Disciplina Urbanística no referente a expedientes de ilegalides urbanísticas,  obligatoriedade de informes técnicos e xurídicos para tódolos expedientes sometidos a licenza urbanística, resposta aos expedientes de licenza dentro dos plazos máximos contemplandos na lexislación. Funcionamento efectivo da policía urbanística. Adhesión á futura Axencia da Legalidade Urbanística da Xunta de Galicia.

4. Publicidade dos acordos adoptados nos plenos e comisións de goberno, (creación dunha páxina web real,..), cumprimento escrupuloso da lexislación de Rexime das Administración Locais  e en especial o Regulamento de Participación Cidadá aprobado polo Concello de Pontedeume. Apertura e transparencia da xestión municipal dacordo coa lexilación vixente. Participación cidadá nas propostas de intervencións públicas. Non á opacidade da xestión local.

5. Rehabilitación e peatonalización inmediata do casco vello. Adopción dunha estrita normativa construtiva tanto para edificios como para a renovación de rúas.

Promover accións culturais encamiñadas a divulgar e valora-lo núcleo histórico da vila. Eliminación de barreiras arquitectónicas, progresivo enterramento de servizos aereos sobre as fachadas como electricidade e telefonía.

6. Mellora da movilidade, medidas de accesibilidade e potenciación do transporte público municipal e comarcal, potenciación do transporte ferroviario, cumprimento da normativa municipal en canto a aparcamento, creación de carrís-bicis. Estudo da conversión do tramo de autopista entre Cabanas e Miño nunha ronda de circunvalación para facilita-la desconxestión do tráfico no centro da vila e na ponte.

7. Defensa dos espazos públicos, posta en valor dos edificios singulares. Catalogación e protección dos lugares de interés arqueolóxico.

8. Acondicionamento e mantemento axeitado dos centros escolares e axilización das obras no colexio Coucerio Freijomil.

9. Medidas para fomenta-la habitabilidade e e mobilidade das áreas en expansión (beirarrúas, iluminación, recollida de lixo) (R. Sánchez, Av. de A Coruña, etc..). Non ás privatizacións indiscriminadas de servizos, revisión exhaustiva das prestacións dos servizos xa privatizados exixindo o cumprimento das cláusulas das concesións.

10. Potenciación das enerxías renovables e posta en marcha de  medidas reais de aforro enerxético. Cumprimento da normativa referente  á contaminación acústica e lumínica.

11.Protección dos espazos singulares: o monte Breamo, a franxa  costeira dende as as ribeiras do Eume pasando por Centroña e Boebre, evitando as  accións agresivas no seu entorno, non aos novos paseos marítimos. Protección dos monumentos  verdes da comarca.

12. Supresión das chamadas áreas residenciais e da figura do axente urbanizador. Estudo das caracteristicas particulares de cada núcleo rural existente potenciando a suas características identificativas e permitindo a  ampliación do solo edificábel nos núcleos tradicionais con criterios de crecemento racional,  potenciando estes mediante o incremento de servizos, infraestruturas, e a extensión da  recollida selectiva de lixo.

Informe de Greenpeace sobre o proxecto de Endesa para crear un lago artificial (11-03-07)

Endesa acaba de suscitar un proxecto para crear un enorme lago artificial (811 hectáreas, 15 km de perímetro e profundidades máximas de ata 200 m) aproveitando o oco dunha antiga mina nas Pontes (A Coruña). A empresa, co beneplácito da Administración, pretende trasvasar a auga para o enchido desde o río Eume e outras canles menores da contorna. A empresa vende que deste xeito a auga será de calidade, o lago encherase en só catro anos (cando de forma natural tardaría case tres décadas) e que é unha forma de recuperar para a cidadanía unha zona degenerada pola actividade minera. Con todo, o trasvase desde os ríos próximos causará unha importante detracción de caudales que causarán un grave impacto río abaixo, entre eles a ecosistemas como As Fragas do Eume, tanto por falta de auga como pola disminución da calidade da mesma. Ademais, o lago nunca conseguirá uns bos niveis de calidade de auga, posto que se tratará dunha represa sen corrente que fará necesario o trasvase constante de recursos hídricos para conseguir un mínimo osixenamento.
Por outra banda, a recuperación ambiental de calquera área pasa por rexenerala da forma máis parecida posible á orixinal.

A voltas coa orografía (10-03-07)

Os nosos concelleiros a teñen emprendida coa orografía. Nunhas recentes declaracións, o tenente de alcalde e concelleiro de urbanismo en tempo libre, Manuel Rei, xustifica-la desacertada política urbanística que está a desenvolve-lo Concello en supostos problemas orográficos. Non lle imos lembrar ó iluminado concelleiro o valor que a accidentada e abrupta paisaxe de Galicia ten como elemento definidor da súa identidade, anque non estaría de máis que releera algúns dos nosos clásicos . Esas inapropiadas verbas quizáis vos lembren os comentarios do alcalde cando expresaba a súa consternación polas peculiaridades dun relevo que misteriosamente transmutaba en sete ou oito as obrigadas tres alturas en edificios como o de don Pablo ou Caldagueiro, e que él atribuía á excesiva pendente da vila. Ó final vai ser certo aquelo que contan daquel emigrante que, embobado polo que vira facer nas grandes urbes europeas, abogaba por achanza-la cima do Breamo para así poder construir enriba.

A complexidade xeográfica contra a que clama o concelleiro foi históricamente a razón de ser desta vila, ubicada nunha estratéxica encrucillada de camiños, a carón da protectora sombra do monte Breamo -sobre quen pesa a ameaza dunha absurda estrada-. E a accesibilidade segue a ser na actualidade un factor fundamental de atracción económica.

Laiábase ademáis o tenente de alcalde da escasa superficie do concello (“é a milésima parte de Galicia”). E sen querer abondar nunha discusión acerca das bondades do tamaño, volvemos a insistir en que no existe ningunha presión demográfica que xustifique a necesidade de amplia-lo solo urbanizable. É máis, a realidade é outra:  abandono do casco histórico, existencia dun elevado número de vivendas abandonadas, presencia cada vez maior de segundas residencias,... O que compre, polo tanto, é recuperar ese centro e apoia-la rehabilitación a través das oportunas axudas públicas antes de emprender unha irresponsable fuga cara adiante, promovendo proxectos urbanísticos de carácter especulativo ou fomentando a ocupación das áreas litorais  protexidas do Concello.

O paseo marítimo de Sopazos

Recollemos a noticia publicada hoxe no Diario de Ferrol na que se dá conta do proxecto de paseo marítimo que o Concello de Pontedeume promove en Sopazos:

"Unha pasarela de madeira de case un quilómetro de longo, máis dun merendeiro, accesos ás praias e a recuperación dos bosques de cereixos que adornan a fachada marítima entre Pontedeume e A Macuca son aspectos do proxecto que o arquitecto Anturo Franco Taboada entregará en cuestión de días aos responsables da Demarcación de Costas en Galicia.

A actuación implicará un gasto que se aproximará aos 1,5 millóns de euros e a intervención dara pé ao uso e goce dunha das zonas máis potencialmente atractivas da costa eumesa, pero que actualmente está pouco aproveitada.

O financiamento do proxecto correrá a cargo do Ministerio de Medio Ambiente, a través da Dirección Xeral de Costas e, segundo o responsable da idea que se prevé materializar, a solución pasa por intervir o mínimo posible, pero se o suficiente para que a xente da zona e posibles visitantes teñan a posibilidade de pasear prácticamente ao bordo do mar e percorrer a distancia que existe desde a vila dos Andrade ata asentamientos poblacionales como Sopazos e Centroña, entre outras."

Hai algúns meses, cando se fixo pública a primeira nova deste proxecto, advertiamos dende Fusquenlla que na zona de Sopazos existe un xacemento arqueolóxico que provén dunha antiga vila romana formada por sete casas. No lugar atopáronse restos destas edificacións, algúns dos cales foron "extraviados" cando se realizaron as obras de rehabilitación da casa consistorial, onde permanecían depositados.

A importancia deste achado é salientada polo historiador D. Antonio Couiceiro Freixomil, que na súa "Historia de Pontedeume" escribe:

"La comarca eumesa debió romanizarse de modo análogo al resto de Galicia, pues no le faltan recuerdos de tan remota época.

En este orde de cosas merece citarse, en primer término, el descubrimiento, al explotar una cantera, de restos de edificaciones romanas en el lugar de Sopazos, por debajo de la estación de ferrocarril de Puentedeume, en unos terrenos que declinan hacia la orilla de la ría. Da cuenta de la aparición de dichos restos don Ángel del Castillo , y dice que son «como de un lugarcito formado, hasta ahora, por unas siete casas pequeñas, de forma rectangular y muros de mampostería, todas con escaleras de entrada, la que más con tres peldaños, algunos de 1,45 metros de largo y todos de cantería labrada. Entre los escombros de estas casitas -agrega- aparecieron sillares (alguno de 0,36 metros de ancho), la clave de un arco con la batiente para la hoja de la puerta, una piedra de hogar aún con ceniza de vidres (según quien la halló), una especie de base de semicolumna adosada, restos de ánforas romanas y numerosísimos trozos de cerámica sencilla y de tejas de reborde con diversos trazos digitales, así como ladrillos cuadrados, unos de 19 centímetros de lado por 6 de grueso y otros de 28 por 5,2"

Mais esta importancia non é salientada só por Couceiro Freixomil. A propia Dirección Xeral do Patrimonio recoñece o valor patrimomial deste lugar que está catalogado por esta institución. Así, cando se presentou un proxecto de dragado da ría, esta dirección xeral advertía dos posibeis riscos que estas actuacións poderían ocasionar. Nun informe elaborado a tal fin, lembraba:

"La Dirección General de Patrimonio Cultural de la Xunta de Galicia
manifiesta en informe de 7 de junio de 2006 que la actuación de dragado
puede afectar al yacimiento romano de Sopazos (GA15069007) y que hay
una posible presencia de restos arqueológicos vinculados al puerto marítimo
medieval de Pontedeume. Para valorar el impacto sobre el patrimonio
cultural se debe hacer un estudio específico que incluya una prospección
arqueológica en la zona en que se proyecta el dragado del canal, en
coordinación con esa Dirección General." (BOE 24-10-2006)

Como sempre que se presentan eleccións, os políticos tentan vender un programa que en moitos casos contén ideas aberrantes como a que aquí se cita, a urbanización, a través dun paseo marítimo, dun espazo protexido rico en historia e patrimonio. Todas as actuacións sobre o litoral adoecen do mesmo defecto: o reclamo turístico a expensas do deterioro da costa. Os promotores coñecen moi ben o valor destes paseos marítimos que sobrevaloran as súas urbanizacións, incorporándoos á súa publicidade.

Unha actuación como esta debe ir acompañada do preceptivo permiso de Patrimonio, para o cal débese enviar un informe detallado das obras que se pensan realizar. Non nos faltan razóns para temer que unha vez máis o Concello de Pontedeume pretenda soslaiar estes requisitos e se tome a liberdade de actuar á marxe da legalidade. Pola nosa banda imos dar conta tanto á Dirección Xeral de Patrimonio como a Demarcación de Costas do perigo destas obras innecesarias e contraproducentes. Consideramos que o sendeiro natural que existe hoxe en día dende Sopazos ata a Macuca ( na foto ) xa é unha paraxe inigualábel que non necesita da man do home para melloralo. Sobre todo cando esa man está contaminada polo cemento.

Por unha gran mobilización (07-03-07)


O colectivo Fusquenlla de Pontedeume diríxese a todos cantos grupos ecoloxistas, colectivos cidadáns e persoas en xeral, que teñan como denominador común a sensibilidade pola defensa do territorio, para propoñerlles a formación dunha gran coordenadora galega.
A finalidade desta coordenadora sería estudar a posibilidade de organizar algunha forma de mobilización - que podería materializarse nunha gran concentración en Santiago de Compòstela - para amosar a nosa preocupación e repulsa pola degradación urbanística que estamos a sufrir en Galiza e cuxos síntomas máis evidentes son as agresións urbanísticas no litoral, a edificación masiva e descontrolada, o deterioro dos núcleos históricos das vilas, a destrucción do patrimonio arquitectónico, a perda dos sinais de identidade territorial, a desaparición dos espazos públicos, a ausencia dunha política social de vivendas e a promoción de proxectos especulativos e lesivos para o noso entorno.

Para comezar deberiamos celebrar nas próximas semanas unha reunión previa de tódolos colectivos, asociacións e plataformas interesadas coa finalidade de:

a) Estudar a posibilidade de impulsar esa mobilización.
b) preparar a convocatoria.
c) fixar as datas e atender a tódolos aspectos organizativos.

Esta reunión previa poderiase celebrar en Santiago, a ser posíbel nos primeiros días de abril.

Cremos que se dan as condicións para poder afrontar esta mobilización pola elevada sensibilidade social que existe hoxe en día.

Asemesmo, e dado o elevado número de organizacións involucradas, pedímosvos que trasladedes esta invitación a cantas asociacións vecinais, grupos ecologistas e entidades do voso entorno poidan estar interesadas. Xa creamos unha lista de correo para poder contactar entre todos os participantes.

Comunícate con  FUSQUENLLA enviándonos un correo ao noso enderezo (preme aquí)

Urbanismo exacerbado: danos sociais e ambientais por Dr. José Galindo, Profesor da Universidade de Málaga  (05-03-07)


Podería dicirse que en todo o mundo está tendo un gran auxe o sector da construción, coas súas vantaxes e inconvenientes, chegando a cualificarse como índice do desenvolvemento ou como o maior problema ambiental. Pero é en España onde o problema é tan esaxerado que pasa os límites do tolerable. Hai quen afirma que para constatar que hai "burbulla inmobiliaria" ten que explotar, pero outros aseguran que é mellor desinflala que explotala. Sen ánimo de escribir un volume, imos a sintetizar as causas deste problema, as súas consecuencias e ata as súas solucións e riscos asociados.
seguir lendo

As Encrobas, trinta anos despois. “A terra é nosa e non de FENOSA” (05-03-07)


Cúmplense estes días trinta anos dos sucesos das Encrobas, aquela movilización popular que tivo como protagonistas ós veciños desta aldea do concello de Cerceda que se opuñan ós propósitos de FENOSA de apoderarse das súas terras para construir unha central térmica, aproveitando o rico filón de lignito escondido nas entrañas daquel val. A intención da empresa, que se amparaba nun decreto de expropiación dictado polo goberno de Franco, pasaba pola expulsión dos centos de familias que alí vivían a cambio dunhas
ridículas indemnizacións. Nos tempos da nacente democracia, cando os tradicionais poderes fácticos facían e desfacían ó seu antollo, aquelo parecía tan doado como quitarlle a un neno un caramelo. Por iso sorprendeu dunha aparente pasiva cidadanía aquela masiva contestación. Espoloneados pola rabia e animados por un crego de verbo encendido e apaixoado –un crego como Deus manda-, Moncho Valcárce, o “crego das Encrobas” como se lle coñeceu a partir de entón, aquelas xentes, mulleres, homes e vellos, enfrontáronse aquel 15 de febreiro de 1977 cuns douscentos gardas civís que, finalmente, lograron reducilos. Pero a empresa non tivo máis remedio que atender ás xustas demandas dos veciños, que lograron un sustancial aumento das compensacións. Trinta anos despóis naquel oco que as máquinas abriron na terra para explotar aquela riqueza maldita xa non queda carbón, no seu lugar preténdese crear unha lagoa e un porto deportivo. Paradoxas da Historia.

A campaña electoral de Manuel Rei (03-03-07)

As declaracións ao xornal La Opinión de Manuel Rei, concelleiro do BNG, nas que defende o urbanismo que se desenvolve actualmente en Pontedeume serían motivo de preocupación se non fose pola proximidade das eleccións municipais; preocupación pola saúde do concelleiro, enténdase.

Pero se ben podemos disipar un problema de saúde, non así outro de coñecementos sobre os que o Sr. Rei parece estar escaso, salvo que o xustifiquemos polo excesivo tempo de alonxamento das áulas ao que se víu obrigado. Dende confundir terreos urbanizados con terreos urbanizabeis, ata pretender que “as obras se adecúen á licenza de primeira ocupación”, resolvendo a conxetura da obra posterior á licenza de ocupación, todo parece indicar que ao concelleiro nacionalista quédalle grande a responsabilidade de urbanismo que antes ocupaba outro dos seus correlixionarios, Tino Regueiro. Non sabemos se tal cambio é produto da defenestración deste último ou se o traspaso só é momentáneo.

Propio de quen vende un produto en período electoral, afirma que en Pontedeume néganse licenzas por estar en fase de aprobación o novo PXOM, mais esquece dicir que hai dúas semanas o pleno, a proposta do seu grupo, aprobou unha recalificación de terreos en Campolongo a instancias da empresa Ediciones Informatizadas S.A., algo que a propia Consellaría de Política Territorial denegou inicialmente. Só nos cabe pensar que a prohibición de novas licenzas resérvase para os cidadáns que buscan facer unha casa na que vivir.

Coincidimos si co Sr. Rei en que Pontedeume é diferente ao resto das vilas que nos rodean, pero esta diferencia non está dada como el di polo feito de ter menos solo “urbanizábel”, senón pola enorme cantidade de infraccións que os promotores cometen e o Concello consinte. Lembremos que hai licenzas concedidas en zonas de protección, outras en solo non urbano, acusacións fiscais de prevaricación – ás que o Sr. Rei non é alleo – licenzas revogadas por orde xudicial, e ordes de paralización que non foron acatadas pola inestimábel colaboración do alcalde que se encargou de ocultalas ante a opinión pública. Todo unha morea de despropósitos que agora o concelleiro do BNG, nun exercicio de desmemoria, pretende obviar. Como tamén esquece que formaba parte da comisión de goberno que, na pasada lexislatura, concedeu licenzas hoxe nos tribunais, e que achaca ao PSOE a responsabilidade dese mal goberno. Unha desleal falta de repecto polos seus socios de goberno.

Insistindo na particularidade de Pontedeume fai mención do alto valor paisaxístico que posúe este concello e, unha vez máis, pasa por alto as pretensións do PXOM, encargado polo seu goberno, que no seu avance admitía a construción de urbanizacións en Ombre, ás portas das Fragas do Eume, en Breamo e na costa de Boebre, triplicando a superficie de solo urbanizábel. Unha total falta de sensibilidade polo que máis apreciamos os cidadáns eumeses e unha entrega absurda aos intereses depredadores dos promotores inmobiliarios. Aínda así non é capaz de asegurar que na costa non vaian existir urbanizacións nas que o topoderoso axente urbanizador, cuestionado pola Unión Europea, se enriqueza a expensas das leiras da veciñanza. Quizais nesta falta total de sensibilidade por parte dos creadores do PXOM, haxa que buscar as razóns da tardanza da Xunta en proceder á súa aprobación inicial. Unha demora que impide ao noso concello emprender o camiño cara a un urbanismo axeitado ás necesidades reais de crecemento e salvagarda do patrimonio paisaxístico. Un planeamento urbanístico que leva 20 anos de retraso pola incompetencia dos responsabeis locais, que, como o Sr. Rei, teñen a vista posta nos intereses particulares dos empresarios da construción.

As paisaxes iluminadas (02-03-07)

A última iniciativa do Concello en materia de promoción turística vai consistir na iluminación nocturna do castelo de Andrade. Semella que a intención dos responsables municipais é a de converter a torre nun reclamo turístico nocturno. Pero, ó marxe da confusión que poder provocar entre o persoal asiduo ós locais de alterne, este espectacular despliegue lumínico, sumado o  xa instalado na ponte sobre o Eume, suporá un notable aumento do consumo enerxético que en nada vai a contribuir a palia-los efectos do irreversible cambio climático, ademáis de favorece-la contaminación ambiental. Este derroche por parte da entidade municipal tampouco será un bo exemplo para suscitar na cidadanía uns hábitos de consumo enerxético responsables e ecolóxicos. Por outra banda, os beneficios de todo orde que esta estratexia de marketing poden xerar son moi discutibles.

A medida sorprende cando as necesidades reais no concello apuntan cara outro lado; en moitas zonas hai que supli-las deficiencias dunha rede eléctrica obsoleta, os problemas de suministro son contínuos e aínda se mantén un antiestético cableado ó ar.

Accións coma esta responden a unha visión desenfocada do desenvolvemento turístico da vila, ademáis de perniciosa desde o punto de vista medioambiental, e mostran ás claras a cegueira de quen procura o crecemento das edificacións pero non prevé a mellora das infraestructuras. Aínda lembramos as carencias no abastecemento de auga que se rexistraron este verán coa chegada dos novos inquilinos de Caldagueiro.
 
E mentres o Concello prepara, como si das festas das peras se tratara, un dispendioso espectáculo de luces, máis propio de novo rico que dun ente público responsable, o último informe do Observatorio da Sustentabilidade en España (OSE), “Sostenibilidad en España 2006”, suliña o alonxamento cada vez maior de Galicia dos criterios de sustentabilidade ecolóxica, situándonos nos postos máis baixos do conxunto do Estado en canto ó grao de cumprimento. Os datos amosan a escasa  eficiencia no uso dos recursos naturais, con perdas de ata un 20% de auga na redes de abastecemento, a insuficinte depuración de augas residuais, o mantemento de sistemas de transporte altamente contaminantes, o incremento constante na emisión de gases contaminantes, a degradación do territorio, a diminución da biodiversidade (cunha das máis elevadas proporcións de mamíferos ameazados de extinción) e o aumento da producción e da incineración de lixo. Como se con estes  datos non abondase, Galicia é tamén unha das comunidades do Estado que posúe un maior número de expedientes abertos por incumprimento da normativa mediambiental europea.

Sabemos que a falta de luces foi un dos tradicionais problemas para os nosos munícipes (ata as farolas lles desaparecen das rúas). Por iso, propostas deste tipo parécenos perigosas boutades.

Desacato (01-03-07)

Nun só día foi posíbel ler nos xornais tres distintas noticias cun denominador común. En Ferrol, o Concello anunciou que non está disposto a paralizar as obras que a CPTOPT lle obriga a suspender. En Barreiros, unha vez concluído o prazo para todos os requirimentos de anulación expedidos pola CPTOPT, esta recibíu un escrito do Concello no que lle anuncia que non vai atender ditos requerimentos. En Sada, a mesma consellaría decidíu acudir ao xulgado pola negativa do Concello a anular unhas licenzas que a Xunta declaraba ilegais.

Tres casos simultaneos de desacato por parte de tres concellos ante as ordes ditadas por un organismo superior como é a Consellaría de Política Territorial. 

A gravidade destes feitos trascende á propia política municipal e ten múltiples connotacións. 

A confianza que os cidadáns depositamos nunha institución como o Concello, vese menoscabada por estas actitudes antidemocráticas dos alcaldes, que emulan aos rexedores dun pasado de triste recordo. Nada estraño, por outra parte, se temos en conta que algúns concelleiros hoxe en activo, proveñen do antigo réxime.

Esa mesma desconfianza corre o perigo de trasladarse ao conxunto de institucións que deberían garantir o cumprimento da lei por parte de todos os estamentos públicos: Xunta, Parlamento e Xudicatura. As medidas disuasoriasen moitos casos non se materializan ou tardan demasiado en facelo, provocando un dano de imposibel reparación.

É precisamente este tempo transcorrido ata que se dita unha resolución xudicial - a única que pode frear os delitos dos alcaldes - un hándicap que se volve en contra dos intereses da sociedade. Se a resolución xudicial pasa por demoler as obras ilegais, o erario público, é dicir, os nosos impostos, será o encargado de sufragar os gastos derivados da irresponsabilidade de certos alcaldes, cando en moitos casos estes se enriqueceron coas prebendas dos promotores.

Máis difícil de entender é o por que os encargados da administración local non teñen temor das resolucións xudiciais e optan por continuar coa política de gobernar exclusivamente para o mundo da construción. Tal grao de  ousadía precisa dunha total falta de respecto  polos veciños que un día confiaron  nas súas promesas electorais, e un afán desmesurado polos beneficios obtidos como contrapartida polo seu comportamento.

Se hai algunha solución a este problema, debe vir dada por unha actuación rápida e severa do poder xudicial. Só demostrando que os alcaldes poden pagar con fortes penas, como calquera outro cidadán, polos delitos urbanísticos cometidos, sería posíbel atallar esta continua depredación do territorio no que nos asentamos. Só deste xeito lograríase equiparar os deberes dos alcaldes cos do resto dos cidadáns. A realidade demóstranos que poucas veces isto sucede.