O alcalde admite os problemas en Caldagueiro e Nogueirosa (26-05-06)
Os propietarios das vivendas no edificio de Caldagueiro non teñen a licenza de primeira ocupación, o que os convirte en ilegais e carentes de todo tipo de protección ante as continxencias que poidan aparecer no futuro. Non é posíbel que tal licenza sexa outorgada polo concello mentres pese sobre o edificio unha orde de revisión da licenza e de reposición da legalidade, tal e como afirmamos desde Fusquenlla cando fixemos pública a situación na que se atopaba esta obra (ver na seguinte sección os documentos que o corroboran).Por outra banda, tamén as obras situadas na parroquia de Nogueirosa, que vimos denunciando con insistencia, son ilegais por diversos motivos, fundamentalmente pola situación en zona de protección costeira (ver documento na seguinte sección sobre unha orde da CPTOPV). Debido á nula atención que a Xunta de Galiza fixo sobre as nosas denuncias, optamos por trasladar estas ao Ministerio de Medio Ambiente.
(Ver máis información en LA OPINIÓN)
Sobre as declaracións do alcalde, recollidas polo xornal La Opinión, é preciso destacar o grande descaro do que son capaces certos poíticos cando a realidade os acurrala. Di sobre as vivendas construidas en Nogueirosa que "hai problemas coa Xunta" e que "están en contenciosos e probabelmente se lles anule a licenza". Parece que descoñece o rexedor que a licenza xa está anulada, se ben é certo que só de forma oficial pois el mesmo permitíu que as obras seguesen adiante e se construisen outras vivendas a maiores; vivendas que non só son familiares. Algunhas foron revendidas polo promotor. Outras pertencen aos que están involucrados nas maiores aberracións urbanísticas de Pontedeume.
Pero a "perla" da súa intervención está sen dúbida ao afirmar que "entre lei e lei hai moita ambigüidade. Así estamos, é un problema xeralizado que se dá en toda Galiza". Preguntámosnos se os concellos non serven para evitar estes problemas dos que fala, porque de ser así teríase que plantexar un novo xeito de administración na que non houbese entre leis ningún espacio polo que colarse a ambigüidade.
Como se ve, as xornadas sobre filosofía que todos os anos se celebran nesta localidade en homenaxe a Carlos Gurmendez empezan a dar os seus froitos.
Documentos para incrédulos (21-05-06)
Son moitas as persoas que non acaban de crerse que edificios como o de Caldagueiro teñen sobre as suas costas unhas ordes de paralización que os catalogan indefectiblemente como ilegais. Ofrecemos aquí a posibilidade de ver os documentos orixinais que o atestigua.Edificio de Lagares en Caldagueiro
Sobre este edificio a CPTOPV dictou unha orde de paralización en novembro de 2004 (ver documento en PDF)
Posteriormente, en marzo do 2005 e debido a que o concello non acataba o anterior requerimento en base a informes técnicos do aparellador municipal, a mesma conselleria emite unha orde de paralización na que ademais desmonta os argumentos do Sr. Valiente (ver docuemnto en PDF)
Por fin, o 22 de marzo de 2005, o concello de Pontedeume dicta unha orde de paralización sobre o edificio de Caldagueiro (ver documento en PDF). Como é sabido esta orde asinada polo alcalde foi agochada até o extremo que ninguén a coñecia, nen sequer os mesmos concelleiros do grupo de goberno. Foi o Colectivo Fusquenlla quen a fixo pública.
Ademais de non acatar a orde de paralización o promotor ampliou o edificio aumentando o seu volume en dous bloques máis. O concello admite que se lle deu permiso para esta ampliación, desafiando as instrucións dictadas pola CPTOPV.
Edificio de Lagares na estrada da estación.
Sobre esta obra hai tamén unha orde de paralización dictada a raíz dunha denuncia interposta polo Colectivo Fusquenlla (ver documento en PDF)
Vivenda en Nogueirosa.
Esta vivenda dun dos propietarios da empresa Construeume tamén ten sobre si o estigma da ilegalidade. Como se podeler no documento oficial foi concedida a licenza a pesar de coñecer que estaba en zona de protección costeira e sen contar co informe xurídico favorábel da secretaria do concello. (ver documento PDF)
Non son estas as únicas ordes de paralización que amosan a ilegalidade de certas obras que están a esquilmar a nosa paisaxe e a nosa identidade como vila. Seguiremos dando conta delas e non escatimaremos esforzas para conseguir repoñer a legalidade conculcada por promotores, construtores e políticos desaprensivos.
Fusquenlla en Monteferro (19-05-06)
Podedes ler aquí o comunicado desta asociación que se elaborou co gallo da entrega de sinaturas.
Tamén se pode visitar a páxina deste colectivo: Salvemos Monteferro
O axente urbanizador (13-05-06)
A figura de axente urbanizador, que a lei recolle como tal, supón un dos maiores desvarios da política urbanística que nunca antes se deu neste pais. seguir lendo
Similitudes con Pontedeume (10-05-06)
A Xunta de Galicia investigará a situación legal e administrativa na que se atopa un edificio de Arteixo
A oposición reprochou ao alcalde que mantivese oculta a situación durante todo este tempo e non informase aos grupos municipaies do que estaba a suceder e, sobre todo, aos veciños, xa que todas as vivendas están vendidas e ocupadas.
Na xuntanza o alcalde informou que o goberno local encargou un informe xurídico ao ex rector da Universidade de A Coruña José Luis Meilán Gil.
Tamén en Pontedeume, o alcalde encargou un informe semellante a este ilustre personaxe do Opus Dei e mantivo en segredo a situación do edificio de Caldagueiro.
Seguir lendo en La Opinión.Pontedeume, onte e hoxe (06-05-06)
Fotocomposición de P. Leira
Presentado o novo Plano Xeral de Ordenación Municipal (05-05-06)
Onte foi presentado á corporación municipal o novo PXOM. Aínda que é pouco o que se sabe, si parece confirmar que está prevista unha estrada que comunique a zona de Caldagueiro coa saída de Pontedeume á Coruña. A xustificación desta travesía non é outra que desconxestionar o tráfico que vindo desde Centroña teña que pasar polo casco urbano. A falacia desta argumentación é clara. O que se pretende con esta nova estrada é urbanizar a parte alta de Pontedeume. Sábese xa que os especuladores (algún concelleiro entre eles) empezaron a mercar terras aos propietarios.
Por outro lado, non é certo que o novo PXOM non poderá ser visto por ninguén, tal e como afirma o concelleiro de urbanismo. De feito xa circula algunha copia en poder de certos promotores. Unha proba? A urbanización de Anduriña-Ber da que tanto presumía algún rexedor local que non se levaria a cabo, ten vía libre co novo plano. Iso si, algo modificado o proxecto pero con vía libre.
Desmesura (05-05-06)
O lema de Promocións Lagares é "Que poco cuesta tenerlo todo". Suponse que llo aplícan a eles mesmos. Contando co beneplácito do Concello pretenden levantar un muro fronte ao mar.
Para levar a cabo semellante proxecto precísase dalguén que saiba vender o cemento. Atopouno en Inmobiliaria Eume, que se anuncia así no xornal El Mundo.
Salientar entre tanta propaganda o alto nivel de coñecementos do que se fai gala: Galiza ten aceptación porque cada vez chove menos. Tamén resulta interesante saber que o 90 % dos seus clientes proceden de Madrid.
Estamos prostituindo esta terra?
Salvemos Monteferro (05-05-06)
Desde Monteferro envíannos a seguinte mensaxe:Si, somos máis de 9.000 @s que asinamos o documento en defensa de Monteferro. Máis de 9.000 persoas que consideramos unha desfeita o que se está facendo e o que se quere facer neste derradeiro espacio verde da nosa Ría.
SÁBADO 13 DE MAIO ÁS 12,00 CONCENTRACIÓN NO CONCELLO DE NIGRÁN
Queremos que todos e todas participemos no acto de entrega das firmas e do Proxecto Alternativo no Concello.
"Pedimos a retirada do proxecto actual de mellora do vial, a paralización da corta inxustificada da masa forestal protexida, así como a realización dun estudio alternativo menos agresivo e máis respectuoso". Así remata o documento masivamente asinado, e ese final resume perfectamente todo o seu contido.
Retirada do proxecto, paralización das cortas e Proxecto Alternativo.
Este último (porque non agardamos por ninguén) xa o fixemos nós, e imos presentalo tanto no Concello como en tódalas institucións implicadas.
E non esquezades as tortillas e empanadas, que se o tempo non o impide faremos unha Comida de Irmandade!!!
Convocatoria (01-05-06)
O colectivo Fusquenlla, consciente de que o problema do urbanismo en
Pontedeume esixe unha participación social o máis
ampla posíbel, invita ás asociacións, colectivos e
partidos que se citan máis abaixo a unha xuntanza que se
celebrará o xoves día 11 de maio ás 20:00 h. na Casa da Xuventude de Pontedeume.
O motivo desta reunión será propoñer a todos os
grupos presentes a organización conxunta dunha charla-debate
sobre o urbanismo e as súas implicacións na vila de
Pontedeume, procurando buscar respostas aos grandes problemas
urbanísticos que nos afectan.
AA.VV. de Andrade, Boebre, Campolongo, Centroña, Nogueirosa, Olmo, Ombre
Asociacións: A Macuca, Ateneo, Círculo Filatélico, Orballo, Treme a Terra
Partidos ou Grupos políticos: BNG, COE , Independentes por Pontedeume, PSOE, PP, XX.SS.
Esta invitación faise extensiva a calquer outro grupo ou asociación eumesa que queira participar.
Agardando a vosa imprescindíbel colaboración, recibide un cordial saúdo.