O mesmo que Greenpeace, Ecoloxistas en Acción denuncia a situación do litoral. (31-07-06)
Nin un ladrillo máis. O urbanismo desaforado e incontrolado, a proliferación de portos deportivos, e o insuficiente tratamento das augas residuales, son os principais problemas detectados. Como solución inmediata proponse unha moratoria urbanística.
Descargar o informe completo en pdf
Unha nova páxina que pretende denunciar as situacións ilegais ou desagradabeis de Pontedeume (27-07-06) :
http://preguntome.blogspot.com/
Costas proxecta demoler dous locais na praia de Ber (27-07-06)
Nunha sabia decisión o ministerio de medio ambiente vai expropiar os locais do hotel Mar Molino e da cafetería Anduriña na praia de Ber. A finalidade é proceder logo á súa demolición. Estes edificios invaden a zona de protección costeira, como moitos máis.Podemos afirmar que toda a urbanización de Ber é paradigma do feísmo causado pola invasión de edificacións en zonas costeiras. O Concello de Pontedeume non debe ter conciencia deste feito e permitirá construir unha nova urbanización 'abeira da existente. Unha decisión contraditoria coa política que segue o ministerio de medio ambiente empeñado en preservar o litoral.
Ler máis en La Voz de Galicia
España conta con 23,2 millóns de vivendas, unha por cada dous habitantes (22-07-06)
Segundo o informe do Minissterio da Vivenda, en España hai unha por cada dous habitantes. A terceira parte delas son consideradas segunda vivenda.Ademais Galiza encabeza o maior aumento do prezo da vivenda nova no último trimestre.
España continua sendo un paradigma mundial da vivenda en propiedade xa que se mantén en marxes superiores ao 81%.
Seguir lendo en El País

Datos oficiais na páxina do Ministerio da Vivenda
Tamén o PXOM de Ares é rexeitado pola Xunta (20-07-06)
Un novo varapao para o concello de Ares. A CPTOPV desestima o novo planeamento urbanística por non respetar zonas de protección costeira, clasificar como urbanos terreos que non son máis que rústicos e aumentar innecesariamente a superficie de terreo edificábel.Todo isto nos resulta xa coñecido por canto o PXOM de Pontedeume adoece dos mesmos defectos. Precisamente son nestes puntos nos que nos baseamos para solicitar á Xunta que rexeite inicialmente o plano de urbanismo de Pontedeume.
No noso concello téntase aumentar a edificabilidade nun 200%; recalificar como urbanos terreos que non o son para dar carácter legal a obras xa construidas, léase Caldagueiro; e considerar urbanas zonas de protección costeira.
Seguir lendo en La Voz de Galicia
O PXOM de Cambados non é aceptado pola Xunta (17-07-06)
A xustificación de Urbanismo para non aceptar o plano de ordenación municipal pasa, principalmente, pola contradición que supón pretender aumentar considerablemente o chan edificábel cando non hai tal necesidade.
Lembremos que en Pontedeume o novo PXOM pretende triplicar o solo urbanizábel a sabendas de que o crecemento demográfico deste concello é negativo. Esta e outras razóns fixémosllas saber desde FUSQUENLLA ao director xeral de urbanismo para que non tolere a aprobación dun PXOM que choca cos intereses e as necesidades de Pontedeume.
Ver máis información en La Voz de Galicia
O Director Xeral de Urbanismo responde ás criticas do alcalde de Cambados
Participa neste debate no foro desta mesma páxina.
As infraestruturas de Pontedeume son obsoletas e non admiten máis urbanizacións (12-07-06)
Segundo publica hoxe La Voz de Galicia, numerosos veciños da Av. Dr. Vilanova (onde se atopa a urbanización ilegal de Caldagueiro) e Centroña quéixanse da falta de auga nas súas vivendas. Segundo a empresa Aquagest, o motivo é que as infraestruturas quedáronse obsoletas nos lugares nos que se incrementa a poboación en época estival.Este problema xa o denunciamos desde aquí en numerosas ocasións. Que pasará cando estas urbanizacións se incrementen por mor do novo PXOM? Non se pode pretender aumentar o chan edificábel sen solucionar a enorme carencia de servicios que actualmente ten Pontedeume. Non só é un problema de falta de auga, senón de alcantarillado, de verquidos ao mar, de contaminación, de aparcadoiros, de tráfico, de zonas verdes...
Os actuais medios dos que dispón o concello non abondan para dar unha calidade mínima á poboación actual. Non se trata de medrar por medrar; hai que paliar as innumerabeis deficiencias que existen na vila e nas comarcas. Queremos un entorno habitábel e cómodo para a vida diaria, un estilo de vida que escollimos en oposición á das grandes urbes.
E unha vez máis as intervencións dos rexedores locais son dignas das máis rotundas reprobacións. O Concello comprometeuse a vixiar os fogares con maior consumo e «advertirlles de que non ou poden facer». O que non poden facer eles é condear a esta poboación a padecer restricións de auga para que determinados especuladores podan incrementar as súas plusvalías pola venda de vivendas que Pontedeume non necesita. Pontedeume esixe unha maior calidade de vida.
O Valedor do Pobo admite a trámite as denuncias de Fusquenlla (09-07-06)
Para disipar todas as dúbidas sobre o fundamento das nosas denuncias, o Valedor do Pobo acaba de admitir a trámite o escrito enviado por este colectivo (ver máis información aquí) sobre ás numerosas ilegalidades urbanísticas que se estaban a dar neste concello, así como a falta de transparencia que amosa o goberno local ao impedir o acceso público á documentación relativa a ditas obras. Por todo o anterior este colectivo decidíu presentar, no mes de abril, ante esta institución unha queixa baseada na indefensión provocada nos cidadáns pola inhibición e pasividade das administracións, local e autonómica, permitindo que se demore a resolución dun problema que acarrea enormes prexuizos imposibeis de reparar no futuro.
Lembremos que o edificio de Caldagueiro ten pendente unha orde de paralización que non foi acatada polos construtores, e que ademais, con total desprezo pola legalidade, ampliaron a obra en dous bloques de vivendas despois de coñecer o mandato da Xunta de Galiza.
Tamén o edificio situado á beira da oficina de Correos foi obxecto de innumerabeis denuncias que non foron atendidas polo concello, permitindo, con absoluta premeditación e alevosía, que as obras continuasen ata o seu remate final cando resulta máis difícil conseguir a demolición deste xigante encravado nunha vila declarada conxunto histórico-artístico.
O concelleiro de Urbanismo, Celestino Regueiro, afirma que a obra de Caldagueiro está en solo urbano. "Quen decide se a licenza é ou non legal é o Concello, non a Xunta" (07-07-06)
Seguir lendo en La OpiniónE chegou o día no que os concellos se erixiron en dogma e os partidos en igrexa, mais a xustiza segue a ser universal e a lei, estatal. A política do grupo local do BNG está clara neste aspecto, ao igual que a do PSOE, que evita calquera declaración pública ou plenaria sobre o tema. O BNG, pola contra, e en prexuízo propio, sae na contestación en absurdo de calquera denuncia cidadán ou política; inmerso nun quebradeiro de testa con difícil solución, que se ven agrandando polo mal carácter e desatención co que tomaron inicialmente as críticas e denuncias de FUSQUENLLA, non ten máis remedio que aguantar ata as vindeiras eleccións cos problemas legais no caixón e tentar pasar as hipotecas indemnizatorias aos novos inquilinos. Esta covardía transforma, conscientemente, a ignorancia en necedade: omitindo unha ollada ás leis superiores que rexen os planeamentos de ordenación municipais, e por rápido emprego da lóxica simple, o terreo no que se ubica o devandito edificio branco de crítica foránea e autóctona é urbano. Non depende, a calificación do solo, da lei que se teña en consideración. Dende o BNG e PSOE, se nas normas subsidiarias o solo é urbano (por certo, non consolidado, o que impide do mesmo xeito edificar) pois palabra consistorial (palabra de deus). Non estaría mal saber se, facendo gala da vasta cultura lectiva dos concelleiros, ollaron algunha vez o artigo 11 da Lei 9/2002, que anula de iure a calificación urbana municipal de calquera solo que fisicamente non o sexa. E non, non hai xeito de omitir unha lei, a conta e risco da soberanía que lles otorgou o posto de representación, do mesmo xeito que o ignorante omite, a risco propio, a cultura. Porén os ignorantes non soen ser concelleiros, non si? ...
Outro caso escandaloso de axentes urbanizadores (06-07-06)
Media ducia de veciños da rúa Ínsua do Ferrol serán desaloxados nos próximos días por orde xudicial para tirar as súas casas. «Son as casas de toda a nosa vida, ou as dos nosos antepasados, e esperabamos que a administración nos facilitase unha vivenda nas condicións que sinala a lei, que se buscase un aloxamento para os moradores desas casas»
Son parte dos afectados pola construción dunha urbanización á que non quixeron vender as súas vivendas. Agora se lles pagará entre 3.500 e 40.000 euros, unha cantidade insuficiente para atopar unha nova vivenda.
"En todo este proceso estase cumprindo a legalidade de forma escrupulosa", explicaba onte o concelleiro de Urbanismo, Francisco Pita-Romero . A lei de chan galega permite a un promotor, con máis da metade do chan adquirido, iniciar unha promoción inmobiliaria, se hai acordo cos propietarios do resto de leiras ou chega a un justiprecio con eles. No caso desta promoción, o Concello autorizou unha expropiación sobre unha vintena de propietarios, os que non acordaron coa empresa a venda das súas parcelas.
Seguir lendo en La Voz de Galicia
Ver máis información en La Opinión (11-07-06)
Ver máis información en La Opinión (13-07-06)
Greenpeace denuncia que en Pontedeume se pretende triplicar o chan urbanizábel (05-07-06)
No informe que Greenpeace (ver documento pdf) adica a Galicia sobre a catastrófica situación do litoral galego, denúnciase que localidades como Pontedeume van triplicar a súa edificabilidade se se aplica o novo PXOM.
Este informe corrobora o que o Colectivo Fusquenlla ven de criticar ao plano de ordenación municipal, catalogándoo como unha ferramenta ao servizo dos promotores inmobiliarios á vez que desatende ás necesidades reais de Pontedeume e dos seus veciños.
O informe
repasa as principais ameazas, destacando a
saturación
urbanística, o aumento do número de campos de
golf, os numerosos casos de
corrupción asociados ao urbanismo, o incremento de novos
portos
deportivos e os graves problemas de contaminación
debido
á escasa
depuración das aguas residuais.
Entre Perbes e San Xoán de Vilanova, as obras de construción dun campo de golf e 1.500 vivendas que realiza Fadesa ocasionaron a morte dos bancos de ameixa e berberecho da desembocadura do río Xarío, na praia Grande de Miño, debido ao gran volume de áridos verquidos durante la construción do complexo urbanístico.
Fusquenlla solicita ao director xeral de urbanismo que se estude con rixidez o PXOM de Pontedeume
O PXOM debería cumprir unha serie de condicións antes da súa aprobación (04-07-06)
Nun escrito enviado ao director xeral de urbanismo, o Colectivo Fusquenlla explica a anómala situación urbanística que se está a dar en Pontedeume. Nos últimos meses cometéronse diversas infraccións urbanísticas que foron denunciadas por este colectivo, algunhas delas con propostas de paralización por parte da CPTOPV, sen ser acatadas polo concello de Pontedeume. Entre outras cabe destacar as que seguen:
- Obra no lugar de Caldagueiro, de promocións Lagares e construida por Construcións Construeume. Sobre esta obra pesa unha orde de paralización decretada polo concello de Pontedeume a instancias da CPTOPV, con data 15-03-2005. A pesar disto, a obra continuou até o día de hoxe, ampliando o volume permitido na licenza nunhas 40 vivendas máis
- Con data 02-02-2006 o alcalde de Pontedeume resolve a suspensión inmediata das obras de construción dun edificio de 18 vivendas que se estaba a construir na Av. de ferrol pola entidade Promociones Lagares Álvarez, S.L. (Empresa construtora, Construeume) por non se axustar á licenza municipal. Esta obra foi denunciada polo colectivo Fusquenlla por estar construindo unha edificación de 55 vivendas (un volume dobre do permitido na licenza), en solo non urbano e modificando os viais proxectados nas Normas Subsidiarias do Concello de Pontedeume.
- Obra que se está a contruir na Av. Dr. Villanueva, nº1 (Empresa construtora, Construeume) que vulnera as Normas Subsidiarias do Concello de Pontedeume ao tratarse dun edificio de máis de 15 m. de profundidade e que rebasa a altura permitida: en lugar de baixo, 2 plantas e baixo cuberta, ten unha altura de baixo, 6 plantas e baixo cuberta .
- Con data 14-04-2004 expide-se un informe proposta do servizo de urbanismo e inspección territorial da Coruña no que se propón requerir ao Concello de Pontedeume a revisión da licenza concedida nº 260/2001 e a inmediata paralización das obras dunha vivenda unifamiliar en solo rústico no lugar de Nogueirosa sendo propietario da obra D. José María Rodríguez Feal.
- As consideracións xurídicas baseabanse nunha segregación expresamente prohibida pola Lei do Solo e tipificada como infracción urbanística moi grave, na construción en zona rústica de protección de costas, e por non se axustar ás condicións da licenza concedida.
- Desde a data de emisión do anterior informe non se levou a cabo a paralización da obra, consentindo rematala e permitindo a construción doutras vivendas das mesmas características na mesma zona de protección costeira.
- Máis recentemente, o día 7 de xuño do 2006, faise pública, a través da prensa, a acusación por parte do ministerio fiscal contra o alcalde, arquitecto técnico e diversos concelleiros da comisión de goberno por un posíbel delito de prevaricación ao conceder licenza de obra en zona de protección costeira para unha vivenda familiar propiedade de José González Abella.
Entendemos que estes feitos revisten a suficiente gravedade como para sospeitar, dunha forma fundamentada, que o novo Plano Xeral de Ordenación Municipal que o concello de Pontedeume está a punto de remitir a esa consellería pode non estar adecuado ás necesidades reais deste concello en canto á consecución dun urbanismo racional e sostíbel para Pontedeume. Baseámosnos en informes que se filtraron do novo PXOM e que amosan unha continuidade na proliferación de construcións en zonas que deberian ser protexidas polo seu valor paisaxístico e por estar en contradición coas normas emanadas da Lei do Solo.
Estes son os aspeitos que deberían ser tidos en conta, como salvagarda dos intereses da cidadanía desta vila, antes de dar o visto bo ao novo PXOM de Pontedeume.
a) Non se debería contemplar a
posibilidade de que o
PXOM dese carácter legal ás innumerabeis
ilegalidades
cometidas no pasado por diversos promotores e construtores.
b) O PXOM debe adecuarse ás necesidades reais do crecemento
demográfico de Pontedeume. Sabido é que esta vila
ten un
crecemento negativo durante os últimos anos o que fai
innecesário un grande aumento da edificación e do
chan
urbanizábel. Se se permite aumentar considerablemente, como
se
pretende, o chan para edificar atoparemo-nos cunha vila chea de
vivendas que permanecerán desertas a maior parte do ano
creando
unha situación que, ademais de non sostíbel pola
inxente
cantidade de servizos cos que hai que dotar as novas
urbanizacións, resultará intolerábel
para os
habitantes desta vila.
Pero o que resulta máis lamentábel
é o enorme
incremento de zonas residenciais á vez que as mallas urbanas
non
chegan a ampliarse nos 200 metros que a lei do solo permite. Esta
aparente contradición denota un afán por
favorecer os
intereses dos promotores inmobiliarios en detrimento dos pequenos
propietarios con terreos lindantes cos núcleos urbanos.
c) De igual forma hai que esixirlle ao PXOM que sexa totalmente
respetuoso coa franxa costeira de Pontedeume, sendo esta un dos
principais valores do noso património. O certo é
que as
intencións dos redactores do novo plano van por
camiños
opostos pois pretende-se conceder a posibilidade de crear unha nova
urbanización en Ber, cando a realidade é que o
actual
complexo urbanístico xa foi un dos maiores
despropósitos
desde o ponto de vista da agresión medio ambiental.
d) Preténdese facer urbanizábel a ladeira do
Monte
Breamo, na parte superior de Pontedeume, a través dunha
vía que, baixo o pretexto de desconxestionar un
tráfico
inexistente, poñería en perigo o entorno
paisaxístico non só do monte Breamo,
senón da
estrutura medieval da propia vila de Pontedeume.
e) Este deberia ser outro dos fundamentos do plano de urbanismo, a
protección dos lugares máis representativos e
históricos do noso património; un
património que
vai máis aló do que é o casco
histórico da
vila, xa que , afortunadamente, posuimos unha grande cantidade de
lugares que hoxe están ameazados polos intereses
inmobiliários, como poden ser toda a zona costeira, o
entorno
das Fragas do Eume, Breamo e o Castro de Centroña.
Por todo o anterior solicitamos da Consellería de
Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda
que sexa
estricta e conforme á lei na valoración que faga
do PXOM
de Pontedeume antes de proceder á súa
aprobación,
buscando a mellor solución para acadar un urbanismo racional
e
sostíbel para Pontedeume.
O COE solicita a anulación da licenza do edificio de Caldagueiro (01-07-06)
Seguir lendo en La OpiniónCun pouco de retraso os partidos politicos do concello toman conciencia do problema e se suman ás iniciativas do Colectivo Fusquenlla. Como se sabe, este colectivo solicitaba á CPTOPV no mes de marzo deste ano (ver documento) que "en virtude do Art. 68 do decreto 28/1999, do 21 de xaneiro, proceda a dar conta ao Ministerio Fiscal do incumprimento por parte do Concello de Pontedeume das obrigas que lle incumben en materia de protección urbanística e se proceda por parte desa Consellería á revogación das competencias urbanísticas delegadas no Concello de Pontedeume"
Confirmase unha vez máis que as formacións políticas con representación no concello actúan a remolque da sociedade. Desde que o Colectivo Fusquenlla fixo públicas as ordes de paralización sobre o edificio de Caldagueiro decretadas tanto pola CPTOPV como polo propio Concello de Pontedeume - increiblemente descoñecidas polas formacións políticas con representación no concello - pasaron varios meses nos que o promotor do edificio de Caldagueiro continuou coas obras e conseguíu que algúns compradores ocupasen as súas vivendas a pesar de non ter o permiso de primeira ocupación.
Cremos que o labor de oposición ao goberno local en materia urbanística por parte dos grupos municipais non é serio e carece de auténtica vontade de traballo. Pola súa condición de representantes legais nas institucións públicas teñen a responsabilidade e os medios para opoñerse á conculcación das leis por parte do goberno local. Non só non se investigan a fondo as ilegalidades senón que non se afronta con determinación a resolución do problema. Son estes grupos políticos os que deberían acudir de inmediato á vía xudicial se, como neste caso, hai probas da prevaricación na salvagarda da legalidade urbanística. Sen embargo, aproveitan o descontento social para aparecer, só propagandisticamente, como defensores da legalidade. Esiximos desde aquí que os partidos políticos actúen con determinación e premura na defensa dos intereses colectivos ameazados polos promotores inmobiliarios.