Pontedeume, un paraiso para certos promotores (27-08-06)
O Concello debe explicar por que determinadas empresas actuan á marxe da legalidade e se existen responsabilidades por parte dalgunhas persoas vinculadas á institución local
O colectivo Fusquenlla ven de denunciar nos derradeiros meses a
situación ilegal das licencias concedidas aos edificios de
Caldagueiro, Correos, Av. de Ferrol e as vivendas unifamiliares da
ribeira do Eume en Nogueirosa. O colectivo quere resaltar, como
última palabra neste aspecto, que a cuestión da
legalidade nos casos de Caldagueiro e Nogueirosa, non pode atender
á interpretación flexíbel da lexislación,
xa que ésta non deixa lugar a dúbidas sobre a
calificación do solo. Débese tamén facer
fincapé en que non se pode aturar que ningún
representante do goberno municipal defenda nos medios de
comunicación a legalidade dunha destas obras sendo a propia
corporación, cando non o alcalde por si só, a que emitiu
ordes de paralización das obras. Precisamente o feito de que
sobre as obras recaian ordes de paralización ten como
consecuencia que, coas mans atadas, o concello non poida emitir as
licencias de habitabilidade precisas para que os inquilinos poidan
facer uso das vivendas, ou mesmo para que as poidan inserir no rexistro
da propiedade.
A xestión do concello durante estes derradeiros anos forneceu a
aparición de obras de forte carácter que desconfiguran xa
non a paisaxe de tipo tradicional de Pontedeume, senón que
omiten as necesidades de dotación de servicios básicos
(zonas verdes, rúas axeitadas, provisión de augas...)
á periferia da vila. A vila transfórmase así nun
núcleo medieval conxestionado de servicios e con poucas zonas de
esparcemento, e unha periferia con estética de metrópole
desprovista de servicios básicos e zonas verdes. As causas desta
mala prácitca non se deben atribuir só a unha mala
planificación do PXOM actual, senón a unha permisividade
total por parte do concello ás empresas constructoras que
están a levar a bó termo a destrución
irreversíbel da identidade da vila. Entre esta permisividade
cabe resaltar a concesión de licencias ilegais en solo non
urbano ou en solo de protección costeira, a modificación
dos viais públicos segundo os intereses das promotoras, a
negativa a facer públicas as licencias ou informes
técnicos relacionados con certas constructoras, a defensa
intencionada das ilegalidades e a esperanza de legalizar as obras na
elaboración do futuro PXOM. Cando non existe xeito de desatender
aos imperativos legais ou existe unha demanda cidadán forte, o
concello vése na obriga de emitir ordes de paralización.
Lévase a cabo así unha política a dúas
bandas: por un lado aténdese á legalidade cando non
existe máis remedio ou escapatoria, e por outro atúrase
na práctica que as obras se sigan a executar e mesmo a se
habitar como se non houbera problema nin paralización.
Desde hai case dous anos o Concello de Pontedeume está a mirar
para outro lado ante as constantes denuncias de infraccións
urbanísticas que se están a cometer. O Concello ten a
obriga de atender as denuncias de posibeis ilegalidades e de emitir
informes técnicos que certifiquen o estado das obras, así
como de acatar e facer cumprir as ordes de paralización que hoxe
en día teñen pendentes diversas construcións.
Nada de isto sucede. O colectivo FUSQUENLLA ten denunciado ata a
saciedade un conxunto de obras que incumpren a lexislación
urbanística, mais a alcaldía ignorou totalmente estas
denuncias durante meses sen molestarse en enviar aos técnicos a
corroborar o fundamento daquelas. Por se non abondase, tampouco
garantíu que as distintas ordes de paralización que se
dictaron se fixesen efectivas.
Resulta incomprensíbel esta actitude dos responsabeis da
administración local; actitude que pode ser interpretada
como unha defensa interesada das inversións inmobiliarias e que
axuda a fomentar a idea de que as funcións propias dos
representantes electos se estean a corromper ou desvirtuar. A
comisión de goberno, e a alcaldía en primeiro lugar,
teñen a obriga de aclarar cal é o trasfondo deste
cúmulo de irregularidades que cuestionan o carácter
democrático dunha institución como o Concello.
Deben explicar por que non se tramitan as denuncias e non se acatan as
leis.
Unha serie de feitos reforzan esta sensación. Desde que se puxo
a primeira denuncia contra a obra que Promociónes Lagares estaba
a realizar na Av. De Ferrol ata que se dictou a orde de
paralización transcorreu máis dun ano, o suficiente para
levantar a obra ata un punto no que se fai difícil a
súa demolición. Ademais hai que salientar un dato
importantísimo sobre esta construción. A primeira licenza
foi solicitada por un promotor ao que se lle negou a posibilidade de
realizala. Este proxecto foi retomado posteriormente por Promocións Lagares que , coa axuda de Construeume, o materializou.
Máis grave é o caso de megaproxecto de Caldagueiro. O
alcalde, a instancias da CPTOPV dictou unha orde de paralización
sobre esta obra (orde oculta para os concelleiros da
corporación), pero sen facela efectiva, permitindo non só
que as obras continuasen senón dando permiso posterior para
ampliar a urbanización nunha segunda fase. Unha vez
máis, as mesmas empresas construtoras que parecen beneficiadas
polo estrabismo do Concello.
Precisamente, o dono desta empresa levantou unha vivenda familiar, con
licenza concedida polo alcalde na que, sen pudor, se outorga permiso
para construir en zona de protección costeira. Tamén
sobre esta construción hai ditada unha orde de
paralización que nunca foi respectada. E como demostrando que a
lei non atinxe a estes empresarios, construen unha segunda vivenda nos
mesmos terreos.
Tamén Construeume
é a empresa construtora do edificio situado na Av. Dr.
Villanueva (antiga casa de D. Pablo) e tamén esta obra acumula
un feixe de denuncias nunca atendidas polo concello. Despois de dous
anos de silencio o edificio emerxe omnipotente sobre a vila.
Recentemente o arquitecto municipal elaborou un informe que se
mantén en segredo no despacho do alcalde.
A cidadanía ten o dereito a coñecer se hai persoas dentro
da institución local que poidan ter interese en beneficiar a
determinadas empresas da construción ou se teñen
algún vínculo con elas.
Admitindo o feito de que detrás das maiores ilegalidades que se
están a cometer en Pontedeume apareza a mesma empresa, agardamos
que non sexa preciso concluir que o goberno municipal ven
posicionándose ao marxe da lei na xestión
urbanística; non xa pola súa propia integridade
ética, senón polo ben común polo que se
supoñen teñen que velar. Sería desexábel,
por hixiene democrática, que se disipase esta idea cunha
actuación firme do goberno. Non se pode alegar, chegados a este
punto, que a desidia é a causante destes problemas xa que
é moito o que o alcalde e concelleiros teñen que perder.
A transparencia axuda a esvaecer as dúbidas que o oscurantismo
fomenta. Apelando a ela, esiximos que os concelleiros fagan unha
declaración pública dos seus bens e neguen calquer
relación mercantil coas empresas da construción.
Máis información en La Opinión 
A inspección da CPTOPV visitou onte Pontedeume (24-08-06)
Por fin, e despois de numerosos escritos, os inspectores da Consellería de Política Teritorial estiveron onte na vila para tomar nota da situación na que se atopan as obras denunciadas polo noso colectivo. O obxecto é elaborar un informe no que se detalle que as obras sobre as que pesa unha orde de paralización seguiron adiante e, como no caso de Caldagueiro, están sendo habitadas polos propietarios ainda cando mon hai a oportuna licenza de primeira ocupación. Tamén tiñan previsto pedir ao alcalde o informe que o arquitecto municipal elaborou sobre a obra sita na antiga casa de D. Pablo.
Esperemos que, conforme ao Regulamento de Disciplina Urbanística, a CPTOPV opte por poñer en mans da fiscalía todos os informes elaborados nos que se recollan as graves actuacións do concello de Pontedeume en materia urbanística.
Polo que parece non debemos deixar de seguer na liña de denunciar ante todas as institucións o repetido desatino da corporación local.
A rehabilitación do mercado municipal destapa o patrimonio intelectual dos concelleiros. (15-08-06)
Para os estudosos en interpretar os vaivéns ideolóxicos dos concelleiros de Pontedeume:
Decembro do 2003:
Manuel Rei:"Resulta curioso que a
Dirección Xeral de Patrimonio se quedara soa na
xustificación de protexer o edificio (...) Esta visión
coincide tamén coa do portavoz local, Celestino Sardiña".
Dende o punto de vista de Manuel Fraga, o inmóbel non é
tan singular para ser un ben a protexer. Manuel Rei lembra que
tanto Manuel Fraga como o conselleiro de Comercio, Juan
Rodríguez, se amosaron receptivos a construir un novo mercado.
Agosto do 2005:
Manuel Rei:"Débese inverter
nunha rehabilitación tan custosa se o edificio ten un claro
interese cultural e é un ben a protexer, pero neste caso o
informe di todo o contrario"
Novembro do 2005:
O Concello de Pontedeume, a través da Concellaría de
Comercio, presentou a súa proposta para a non inclusión
do mercado municipal de Pontedeume como ben de interese cultural, nun informe encargado polo Goberno local
ao aparellador municipal. O pleno aprobou o pasado mes de febreiro os
trámites para descatalogar o edificio e poder así
derrubalo, outorgando a unha empresa privada a execución das
obras e a súa posterior explotación durante 50 anos.
Agosto do 2006:
Manuel Rei: "Cremos que ésta
pode ser unha peza emblemática para a localidade, xa que
é un dos poucos mercados con atractivo que quedan".
Ogallá tamén evolucione ideoloxicamente, dun polo a outro, no tema urbanístico: da presunción continua da legalidade subxectiva, ao recoñecemento final da ilegalidade manifesta.
A Xunta informará nun mes sobre o plano urbanístico de Pontedeume (15-08-06)
Seguir lendo en La Opinión
Unha reportaxe do canal cuatro sobre o urbanismo en Galiza (14-08-06)
Premer aquíRehabilitación do mercado municipal (13-08-06)
É convinte facer un pouco de historia e retroceder dous anos para se decatar do inevitábel deterioro memorístico que se sofre co paso do tempo, polo menos así sucede cos nosos concelleiros. Segundo pulicaba La Voz de Galicia o día 05/10/2004, o goberno local quería reservar unha partida dos presupostos do 2005 para acometer este traballo, ademais de adxudicar este proxecto ao arquitecto municipal para aforrar gastos. Polo que parece as arcas do concello deben estar moi saturadas e precísase botar lastre.
O mesmo xornal publicaba o 18/02/2005 que a comisión de urbanismo, co apoio de todos dos grupos PSOE, BNG, PP e Independentes (o COE non asistira) decidira pedir a Patrimonio a descatalogación do edificio para poder derrubalo e construir un novo mercado. "Por que? Pois porque desta maneira teriamos un mercado máis funcional e moderno" explicaba o edil Constantino Regueiro.
Sabemos que posteriormente esta petición foi desbotada por Patrimonio e só se aceptou a rehabilitación do edificio deseñado polo arquitecto Antonio Tenreiro.
Agora, nun alarde de adaptación ás circunstancias ou de mera hipocrisía política, o concelleiro Manuel Rei destacou que “cremos que esta pode ser una peza emblemática para a localidade, xa que é un dos poucos mercados con atractivo que quedan"
Hai actuacións que non necesitan comentarios aclaratorios.
Só queda por saber a resposta a unha pregunta non menos importante: que empresa construtora vai ser adxudicataria da obra?
La Xunta insta al Ayuntamiento a suspender las obras de Caldagueiro (08-08-06)
La dirección Xeral de Urbanismo solicita al Concello información sobre
las resoluciones adoptadas y el estado en el que se encuentra el
expediente de reposición de la legalidad.
Despois de múltiples denuncias, o Concello inspecciona a obra da Av. Dr. Villanueva (05-08-06)
Pasou
moito tempo desde as primeiras denuncias que se fixeron
demandando a paralización deste aberrante edificio situado no
centro de Pontedeume. Tanto que deu ocasión aos promotores a
levantalo na súa totalidade. Era o que se pretendía;
é máis difícil demolelo cando xa está
practicamente rematado. Unha política de feitos consumados
á que xa nos teñen acostumados os mandamases deste
concello.
Segundo as Normas Subsidiarias do concello de Pontedeume, no lugar no que se levanta esta construción só é posíbel edificar nunha profundidade de 15 m e cunha altura de non máis de 9 m. correspondentes a planta baixa e dúas altas. No seu lugar aparece unha obra de 20 m de profundidade e 5 plantas máis das permitidas. Todo un paradigma dos despropósitos que sufrimos en Pontedeume.
Era tan flagrante a ilegalidade desta obra que o alcalde non tivo máis remedio que enviar ao arquitecto municipal a levantar acta do que alí se estaba a construir. Iso si, despois de varios meses desde a primeira denuncia que FUSQUENLLA presentou no rexistro do concello. E o informe do técnico municipal corrobora o que xa todo o mundo sabía: a obra non se axusta á legalidade.
Mais este informe non se fixo público por parte da
alcaldía nen da concellería de urbanismo.
Coñecemos este xeito de actuar. O precedente témolo no
edifico que LAGARES S.L. construíu en Caldagueiro sobre o que
pesa unha orde de paralización desde o ano 2004 e que sen
embargo non foi dada a coñecer co obxecto de deixar construir as
vivendas e así evitar un prexuizo aos promotores. Non é
tolerábel o escurantismo con que actúa o goberno local
manténdose á marxe da legalidade. O noso colectivo
solicitou repetidas veces os expedientes destas obras, solicitude
ignorada polo Concello de Pontedeume. Esta negativa a acatar as leis
que defenden o dereito cidadán ao coñecemento dos
documentos públicos levounos a elevar unha queixa ao Valedor do
Pobo, sendo admitida a trámite por esta institución.
E precisamente para acatar a lei faise preciso emitir unha orde de paralización desta obra, dispoñendo a suspensión dos decretos da licenza. De acordo coa lexislación urbanística débese incoar expediente para a reposición da legalidade, sendo esta posíbel só coa demolición do construido ilegalmente. Non abonda con demoler unha planta do edificio, tal e como apuntan desde o goberno local para contentar a uns e outros. A lei hai que acatala na súa totalidade. Tamén é a mesma para todos.
Por último, sería lamentábel que esta decisión, tardía, de inspeccionar as obras obedecese á grave ameaza que supón para o equipo de goberno a recente acusación dun delito de prevaricación por parte do Ministerio Fiscal; que as actuacións da alcaldía veñan dadas polo temor ás dilixencias xudiciais cando o motivo único debería ser a defensa dos intereses cidadáns fronte aos dos especuladores inmobiliarios.Ler en La Opinión