A Xunta denuncia unha nova ilegalidade en Pontedeume (29-10-06)

A ampliación da obra de Caldagueiro pon de manifesto a conivencia entre os promotores e o goberno local, amais da impunidade coa que actúan.

Despois da denuncia presentada polo colectivo Fusquenlla ante a CPTOPT, esta decidíuse a abrir un expediente informativo a resultas do cal conclúe a consellaría que a ampliación da obra que Lagares e Construeume edifican en Caldagueiro é ilegal.

Como xa sabemos, este edificio contaba cunha licenza concedida en decembro do 2003 para construir 51 vivendas. A raíz dunha denuncia interposta por un particular, a consellaría de política territorial abríu un expediente no que se instaba ao concello de Pontedeume a suspender  a licenza outorgada coa conseguinte paralización das obras.
Posteriormente un novo requerimento obrigou definitivamente ao concello a decretar a paralización das obras, se ben esta orde non foi dada a coñecer, permitindo que o edificio se levantase ata a súa total terminación.

Pero paralelamente, o goberno local xa dera unha nova licenza na que se permitía a ampliación do edificio para construir 29 novas vivendas. Fusquenlla denunciou de novo esta construción por contravir o ordenamento urbanístico que xa a primeira fase conculcaba. A valoración que o noso colectivo facía vese agora ractificada polo informe da inspección urbanística, que declara “radicalmente nula” a licenza concedida.

Neste informe, os inspectores dan conta da apertura do expediente informativo e, como non podía ser doutra maneira, acusan ao concello de non presentar a documentación requerida pola consellaría. Pero isto non é mais que unha nimiedade fronte á conclusión que establece  o expediente.

Para empezar, segundo os inspectores recalcan ata a saciedade, o chan sobre o que se asenta a urbanización non corresponde a solo urbano. Sustenta esta afirmación en sentenzas do Tribunal Supremo e na mesma Lei de Ordenación Urbana de Galiza, e tacha ás Normas Subsidiarias de Pontedeume de nulas de pleno dereito por infracción manifesta do principio de xerarquía normativa ao clasificar como urbano solo que non merece esa consideración.

Outra observación, sobre a que se estende ampliamente o expediente, reside na condición de zona de alto valor paisaxístico, acreditado pola declaración da comarca eumesa como paraxe pintoresco que conserva a condición de Ben de Interese Cultural segundo a lei do Patrimonio Histórico Español. Como tal non se permitirá que as edificacións limiten o campo visual ou rompan a harmonía da paisaxe. Os inspectores conclúen que esta urbanización “constitúe un paradigma dos atentados á paisaxe que a lei proscribe”.

Tamén incumpre esta obra os seguintes parámetros. Constrúense máis vivendas das permitidas na licenza pois habilita a tal efecto os baixos, que supostamente eran comerciais, e os baixos cubertas, non respeitando así a licenza concedida. Ademais abre ocos na fachada posterior do edificio que tampouco estaban contemplados no permiso. Pero o incumprimento da altura é escandaloso na parte posterior do edificio, segundo o informe,  pois cando a máxima permitida é de 12 metros, a obra acada unha altura de 28 metros.

Como resultado de todo o anterior, o informe propón “requerir ao concello de Pontedeume para que proceda a revisar a licenza outorgada pola Xunta de Goberno Local, por ser nula de pleno dereito”, a que cumpra as súas obrigas tal e como establece o artigo 209 da LOUG, é dicir, “o alcalde dispoñerá a suspensión inmediata dos devanditos actos e procederá a incoar expediente de reposición da legalidade”.

Unha constatación máis  das graves infraccións que se cometen en Pontedeume, unha localidade na que se están a dar o maior número de escándalos urbanísticos de entre todas as vilas galegas.

O comportamento desafiante do concello ante organismos superiores xunto coa impunidade na que se desenvolve, crea no sentir dos cidadáns o convencimento de que nada pode evitar os escándalos que salpican á administración local a través dunhas actuacións que non sería descabelado calificar como  terrorismo urbanístico. A corrupción está infectando ao concello de Pontedeume, no que se consinten os maiores abusos por parte dos promotores e construtores. Estas prebendas que se fan aos empresarios do cemento non é posíbel, dada a repugnancia que producen, que sexan desinteresadas; persoas vencelladas ao concello poden estar obtendo beneficios desa neglixencia que amosan os rexedores. A comisión de goberno (PSOE, BNG, IEP) estase situando na ilegalidade máis absoluta.

Tampouco entendemos a actitude da Xunta de Galiza que a pesar das reiteradas denuncias do noso colectivo así como dos informes da inspección urbanística que os avalan, non fai uso dos medios dos que dispón para evitar o desenfreo urbanistico e sancionar aos que, valéndose da súa condición de representantes da cidadanía, cometen os maiores abusos contra o patrimonio  e o medio ambiente. Repetidas veces demandamos da CPTOPT que, en aplicación da lei de ordenación urbanística, se proceda á revogación das competencias delegadas no concello de Pontedeume e que se dea conta á fiscalía do incumprimento dos responsabeis do concello no relativo á protección urbanística.

Ver informe da inspección en pdf.

Ler en La Opinión

Pontedeume seguirá sen ARI (Área de Rehabilitación Integral) (28-10-06)

Segundo informa a Voz de Galicia, Pontedeume non disporá, de momento, do ARI por non contar cun plano de rehabilitación do casco histórico e dunha oficina municipal de rehabilitación, dúas aspiracións do equipo de goberno local que desde hai varios meses veñen utilizando como logro importante fronte ás críticas que se lle fan sobre urbanismo.

Deberíase ter iniciado a súa tramitación ante a Xunta de Galiza. Isto pasaría pola redacción dunha memoria que contería os límites desa área así como a relación das actuacións a executar en diferentes prazos. Mediante esta ARI se podería acceder a unha serie de axudas oficiais, tanto ministerial como do propio Instituto Galego da Vivenda e Sol, para acometer obras de rehabilitación en vivendas, baixos comerciais, prazas públicas e rúas do casco histórico.

Pero sería preceptiva a apertura da oficina de rehabiltación que achegaría aos eumeses toda a información precisa para acollerse ás subvencións. A día de hoxe, segue sen afrontarse en serio este traballo. Ben por desidia, ben por incapacidade, ben porque outras obras merecen máis atención.







A dialéctica dun alcalde (27-10-06)




Recollido de La Opinión: El alcalde manifestó que dará instrucciones a la secretaria para que el COE reciba el informe (que el arquitecto municipal redactó sobre a antiga casa de D. Pablo) y explicó que cuando Fusquenlla solicitó el documento, él todavía no lo había visto. "No lo vi, no me dió tiempo a dárselo y ya dicen que se les deniega el acceso, pues entonces lo que hago es no darlo, que vayan al juez, al fiscal, a donde quieran", recalcó. 

Sr. Alcalde Presidente do concello de Pontedeume:

Hai xa un ano, desde estas mesmas páxinas, un cidadán amosábase desorientado, enoxado e descrido sobre a posición que vostede tiña en relación ao urbanismo. Agora somos moitos máis os que compartimos eses sentimentos e ademais engadímoslles outro: a vergoña. Vergoña de ter como representante alguén que non sabe gardar a compostura nos plenos da que fai gala na rúa; vergoña do cidadán que se sinte defraudado pola esperanza posta nun goberno que prometía un futuro mellor para a vila. 

As súas palabras que se reproducen aquí, son produto, cremos nós, dun estado de intranquilidade que lle impide actuar coa debida mesura. Cando Fusquenlla solicitou o informe do arquitecto municipal foi o 11 de outubro deste ano, e dito informe xa levaba máis de dous meses nas dependencias do concello. Se vostede di non telo visto, haberá que concluir que foi debido a unha desidia tan característica en vostede que lle fixo ignoralo durante todo ese tempo; porque outra posíbel explicación, a simple mentira, preferimos non considerala por non incrementar a sensación da que nos lamentábamos anteriormente.

Se vostede fose máis honesto consigo mesmo, recoñecería que non entra nas súas intencións entregar ese documento como non entregou outros que sistematicamente lle vimos pedindo desde hai  un ano, conculcando así un dereito que obrigou á intervención do Valedor do Pobo. Algo importante deben agochar eses papeis para preservalos das olladas públicas, pero non demostra intelixencia cando esquece que algún día non estará aí para protexelos e entón a cidadanía xulgará criticamente o seu labor e a súa parcialidade. Poderá ter o recoñecemento, e quizais algo máis, daqueles promotores aos que beneficiou, mais non terá o do pobo polo que dixo traballar. 

Pero preocúpanos máis a súa concepción da xustiza que o seu final como alcalde. Esa indiferencia, ou prepotencia, ante a posíbel acción xudicial revela un forte menosprezo da legalidade en quen, por riba dos demais, debería ser o seu valedor. Non seremos nós os que lle aconsellemos  trocar esa actitude presuntuosa ante a  xustiza por unha cualidade merecedora da súa persoa, pois tememos que, ofuscado pola sombra de tanta construción,  se convirta en presunto o que antes era presuntuosa.

Pola nosa banda, e sen deixarnos provocar polo envite da súa proposta, faremos o que, desde a nosa posición de cidadáns respetuosos con Pontedeume, teñamos a ben decidir, sen menosprezar nunca á xustiza e colaborando con ela cando esta o requira.

Un dragado da ría en  Pontedeume pon en perigo o xacemento romano de Sopazos (24-10-06)

Promovido pola dirección Xeral de Costas, vaise efectuar o dragado e aportación de áridos no entorno da praia de Cabanas. Mediante unha resolución de agosto do 2006, non se considera necesario facer un estudo de impacto ambiental ao proxecto mencionado. Aínda así a Secretaría Xeral para a Prevención da Contaminación e o Cambio Climático aconsella unha serie de medidas para evitar posibeis prexuizos e unha maior protección da biodiversidade. Entre estas medidas a "Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia manifesta en informe do 7 de xuño de 2006 que a actuación de dragado pode afectar ao xacemento romano de Sopazos (GA15069007) e que hai unha posíbel presenza de restos arqueolóxicos vencellados ao porto marítimo medieval de Pontedeume. Para valorar o impacto sobre o patrimonio cultural débese facer un estudo específico que inclúa una prospección arqueolóxica na zona en que se proxecta o dragado do canal, en coordinación con esa Dirección Xeral."

Informado o promotor destas consideracións, este contesta que "no que se refire á protección do patrimonio cultural, o promotor manifiesta que procederá a unha prospección arqueolóxica, unha vez delimitada a zona do porto marítimo medieval de Pontedeume e a súa área de protección. "

Novamente alertamos desde aquí sobre as posibeis actuacións que se pretenden desenvolver na zona de Sopazos na que se descubriron restos arqueolóxicos dunha vila romana, e da que xa demos conta nesta mesma páxina.

Parece que todas as institucións coñecen o valor do xacimento arqueolóxico agás o concello de Pontedeume que decide encargar un proxecto de paseo marítimo sen ter en conta o posíbel impacto ambiental da obra. Desde Fusquenlla demandamos do concello de Pontedeume unha actitude clara na defensa do patrimonio por riba de intereses particulares

Pódese descargar aquí en formato pdf a resolución do Ministerio de Medio Ambiente
Máis información en La Opinión

O PSOE di que vai prescindir nas súas listas de persoas sospeitosas de actividades irregulares en urbanismo (23-10-06) 

O secretario de organización do PSOE di que o seu partido pretende un compromiso para eliminar das candidaturas aquelas persoas sobre as que pesen indicios racionais de "criminalidade", en clara referencia ao urbanismo. Segundo publica La Voz de Galicia, Xosé Blanco fixo esta petición en rolda de prensa tras a reunión da Comisión Permanente do PSOE na que se aprobou un decálogo «Por unha nova política urbanística e do territorio», que recolle medidas para garantir a transparencia, o crecemento ordenado e a loita contra a especulación e as recualificacións indiscriminadas.
Mái sadiante anunciou o compromiso do PSOE de expulsar a calquera cargo público ou militante sobre o que pesen «indicios racionais de criminalidade ou sospeitas fundadas de actividades irregulares» no exercicio do seu cargo, e a non incluír nas súas listas electorais a ningunha persoa «cuxa conduta pública expoña algunha dúbida».
Como xa sabemos a praxe e a retórica necesitanse. Esta para ocultar a aquela. En Pontedeume non se tomaron medidas para expulsar ao alcalde despois de tantas ilegalidades e prevaricación cometidas no exercicio do seu cargo. Prefiren esperar ás novas eleccións para apostar por outra persoa que, paradoxal, está involucrada nunha acusación da fiscalía como membro do equipo de goberno que concedeu licenzas de obra en zonas de protección costeira. Non parece este o xeito de demostrar sinceramente que se está disposto a erradicar a corrupción das nosas vilas e cidades.

Unha nova bitácora sobre Pontedeume. E van...(23-10-06)

A ninguén se lle escapa que o urbanismo en Pontedeume é un problema dos máis graves que padece esta vila e que está origando a tomar conciencia a moitas persoas que noutra época nin coñecían o que se agochaba baixo esa palabra. Debido a este descontento están a aparecer numerosas páxinas na Rede nas que se aborda a problemática urbanística e as súas consecuencias. A última é unha bitácora que atoparedes no enderezo http://urbanismoeumes.blogspot.com/

Paralizadas as obras no Couceiro Freixomil (21-10-06)

O concello de Pontedeume paralizou as obras que estaban a levantar o novo colexio Couceiro Freixomil. A razón é que non se lle deu licenza ao non dispor do preceptivo permiso de costas que a consellería de educación tiña que ter tramitado. 

Ata aquí a historia. A lectura que se fai dela é esperpéntica, digna de unha comedia municipal. O concello non dá licenza porque se necesita un permiso de costas que ainda non o ten; o concello dá licenza para unhas vivendas en zona de protección cando Demarcación de Costas non o permite. Un paradoxal no que se perxudica ás obras públicas e beneficia aos intereses privados.

O concello laméntase da actitude da consellería que non atendeu as peticións daquel: "a consellería fixo caso omiso e seguíu como se nada". Non parece este texto sacado dunha das múltiples denuncias presentados polo colectivo Fusquenlla? Como se pode establecer distinto raseiro segundo quen cometa as ilegalidades? Estamos ante un goberno con trastorno bipolar?

Ofrecemos desde aquí unha solución para desbloquear este conflito: déanselle as obras á empresa Construeume.

Ler en La Voz de Galicia

Demandamos da Consellería de Política Territorial a aplicación estricta da lei (20-10-06)

Dadas as continuas infraccións do concello, agora coa antiga casa de D. Pablo, exiximos a actuación da fiscalía 

Máis dun ano transcorreu desde que se puxeron as primeiras denuncias contra o edificio da Av. Dr. Villanueva nº1 e só agora o concello pretende calmar o malestar enviando ao arquitecto municipal a elaborar un informe no que se constatan as múltiples ilegalidades que o técnico atopou. Aínda así este traballo resulta inaccesíbel para os cidadáns que denunciamos a obra, contravindo a lei que regula o acceso aos documentos públicos. O colectivo Fusquenlla solicitou coñecer o informe técnico así como os posibeis acordos adoptados polo goberno local para evitar este tipo de infraccións, no suposto que se tomasen tales acordos. Unha vez máis négasenos o dereito a acceder a este tipo de documentación.

Tendo en conta a lexislación sobre ordenación urbanística, o concello de Pontedeume ten a obriga, unha vez detectadas irregularidades nunha obra, de incoar un expediente e paralizar os traballos ata que se repoña a legalidade. Non é así neste caso e as obras seguen o seu curso normal. Sería desexábel, por hixiene política, que se desmentise desde o concello se hai intereses persoais que expliquen esta permisividade.

O concello conculca a lei novamente ao non dictar as medidas oportunas para impedir o desenvolvemento dos traballos e ao non poñer os medios para que os construtores acaten a regulamentación urbanística. Exiximos que o alcalde paralice inmediatamente esta obra pois xa non hai escusa para a dilación.

Son moitos os casos nos que o rexedor e o concelleiro de urbanismo ignoraron a lei de ordenación urbana, beneficiando con iso aos promotores que construen sen control mentres o entorno se deteriora e se modifica a face dunha vila como Pontedeume.

Consideramos que o problemas urbanísticos da nosa vila exixen unha urxente solución dada a veloz carreira do cemento. Por iso tamén demandamos da Consellería de Política Territorial e Urbanismo que aplique a lei dun xeito inmediato e con todo rigor. Segundo esta, a CPTOPT ten a obriga de informar ao ministerio fiscal das infraccións cometidas polos concellos en materia urbanística dado que o concello non respetou a legalidade e iso a pesar dos múltiples requerimentos feitos pola propia Xunta. Lembremos que hai ordes de paralización dictadas sobre obras como o edificio de Caldagueiro e sobre vivendas construidas en zona de protección costeira, que se permitíu a ocupación de vivendas cun expediente aberto sen o correspondente certificado de primeira ocupación, que se concederon  licenzas para construir en zonas protexidas, que se permitíu ampliar unha urbanización como Caldagueiro previamente declarada ilegal, que se tolerou unha segregación do chan a pesar do informe negativo da secretaria co obxecto de beneficiar a un coñecido construtor, que non se respectan os dereitos cidadáns ao negarlles a información requerida sobre documentos públicos, e que se  consente aos construtores non axustar as obras ás licenzas concedidas.

Nun escrito enviado á Consellería de Poítica Territorial e Urbanismo exiximos que esta adopte definitivamente unha posición clara respecto ao ocurrido en Pontedeume, dando  conta ao fiscal dos feitos comprobados. Cremos que non abonda coa acusación que se fixo sobre dúas vivendas particulares en Nogueirosa soslaiando outras actuacións ilegais moito máis graves e daniñas desde o punto de vista urbanísitco. A Xunta ten o compromiso moral e legal de facer que se repecte o estado de dereito, máxime cando os que o infrinxen son os poderes públicos, neste caso o concello de Pontedeume, sen dar motivos para pensar que hai neglixencia en quen ten que velar, na súa condición de máxima autoridade, polo total acatamento da legalidade. Por esta razón, tamén daremos conta ao presidente do executivo do escrito enviado á CPTOPT.

Ler en La Opinión

A propósito do paseo marítimo de Sopazos (19-10-06)

Como xa dixemos moitas veces nestas páxinas, parece haber un grande descoñecemento por parte dos rexedores locais non só en cuestións políticas senón tamén culturais, sobre todo no que atinxe á historia de Pontedeume. Lendo a Antonio Couceiro Freixomil, do que este concello sempre se vanagloriou aínda que sen facerlle demasiado caso, podemos comprender a importancia que o litoral, desde Pontedeume ata Perbes, ten desde o punto de vista patrimonial. Tanscribimos un parágrafo da súa "Historia de Pontedeume":

La comarca eumesa debió romanizarse de modo análogo al resto de Galicia, pues no le faltan recuerdos de tan remota época.

En este orde de cosas merece citarse, en primer término, el descubrimiento, al explotar una cantera, de restos de edificaciones romanas en el lugar de Sopazos, por debajo de la estación de ferrocarril de Puentedeume, en unos terrenos que declinan hacia la orilla de la ría. Da cuenta de la aparición de dichos restos don Ángel del Castillo , y dice que son «como de un lugarcito formado, hasta ahora, por unas siete casas pequeñas, de forma rectangular y muros de mampostería, todas con escaleras de entrada, la que más con tres peldaños, algunos de 1,45 metros de largo y todos de cantería labrada. Entre los escombros de estas casitas -agrega- aparecieron sillares (alguno de 0,36 metros de ancho), la clave de un arco con la batiente para la hoja de la puerta, una piedra de hogar aún con ceniza de vidres (según quien la halló), una especie de base de semicolumna adosada, restos de ánforas romanas y numerosísimos trozos de cerámica sencilla y de tejas de reborde con diversos trazos digitales, así como ladrillos cuadrados, unos de 19 centímetros de lado por 6 de grueso y otros de 28 por 5,2»

Os máis vellos da vila lembran que estes achados foron depositados na casa do concello e que  cando foi demolido para logo reconstruilo, desapareceron sen deixar rastro. Como se pode ver, o concello de Pontedeume ten tras de si unha longa historia de despropósitos.

Celebrouse unha reunión entre Fusquenlla e diversas asociacións de veciños (19-10-06)






A reunión que o Colectivo Fusquenlla mantivo o pasado martes con representantes dalgunhas das asociacións de veciños do concello serviu para constata-la xeral preocupación que se está a vivir na vila polo proceso de tramitación do novo PXOUM. O plano, que xa é coñecido por algúns promotores e particulares, segue sendo unha incógnita para moitos veciños. A posibilidade sinalada no avance do Plan de que se amplien as superficies das chamadas zonas residenciais a costa de reducir as áreas de expansión natural dos núcleos rurais, impendíndolles aos veciños a urbanización das parcelas máis próximas aos núcleos, consagrando desta maneira o papel urbanizador-especulador das promotoras, foi un dos aspectos maís salientados.
Os participantes tamén coincidiron na defensa do carácter tradicional dos núcleos fronte ó modelo de urbanismo que representan as promotoras: estandarizado, uniformador, despersonalizador, agresivo paisaxísticamente, escasamente integrado arquitectónicamente e alleo ás formas locais de urbanismo. Sen esquecer o aumento desmesurado da vivenda que a fai inaccesíbel á unha meirande parte da poboación.

Un comunicado dos Verdes de Ferrolterra sobre Reganosa  (19-10-06)

Ler aquí

A voltas cun novo paseo marítimo desde Sopazos ata a Macuca (18-10-06)

Polo visto o proxecto dun novo paseo marítimo que partindo da ponte de ferro chagaría ata a Macuca segue o seu curso. Non debemos esquecer que os paseos marítimos son unha agresión á costa que non debemos xustificar polo poder de atracción que exercen sobre os cidadáns. Supoñen unha transformación do litoral que implica a súa degradación tanto polas actuacións que se precisan para a súa construción como pola inxente cantidade de persoas que poden percorrelos. Ademais agochan unha finalidade que merece a nosa crítica: son un reclamo para os clientes das empresas inmobiliarias que ofrecen unhas paraxes marabillosas das que disfrutar. É urxente un debate a fondo sobre esta cuestión.

Por outra banda, foi presentado o proxecto dos novos locais qu ese instalarán no porto para dúas entidades deportivas

Ler en La Opinión

Reunión coas asociacións de veciños (17-10-06)

Hoxe martes o colectivo Fusquenlla celebrará unha reunión coas asociacións de veciños do concello de Pontedeume para falar sobre o vindeiro plano xeral de urbanismo. Será a partir das 20:00 horas na Casa da Xuventude.

Incendio na planta de Reganosa en Mugardos (16-10-06)

O pasado día 14 tivo lugar un incendio na planta de Reganosa en Mugardos, incendio que a empresa tentou quitarlle importancia pero qu edeixa ben claro a peligrosidade de ter unha industria como esta nas proximidades de núcleos urbanos. Hai que salientar que os bombeiros non forn avisados ata moito despois do siniestro e que cando chegaron á planta non lles foi permitido entrar ata que a dirección o considerou oportuno. Totalmente criticábel esta actitude da empresa que prima os seus intereses por riba da seguridade pública.

Hai que lembrar que unha sentenza do TSXG anula por segunda vez a tramitación ambiental realizada por Reganosa aprobada pola Consellería de Medioambiente en xuño do ano 2001.

Máis información en Ártabra 21 e no xornal La Opinión

Pontedeume visto desde Madrid (15-10-06)

Unha páxina feita en Madrid fai un comentario moi acertado sobre a corrupción urbanística. Acompaña dito escrito cunhas fotografías de aberracións urbanísitcas de Pontedeume sacadas da nosa páxina. Asemade, na sección de ligazóns que enlazan con páxinas que denuncian a corrupción urbanística en distintos lugares, aparece Pontedeume ocupando un triste lugar ao carón de Marbella, Alacante ou Murcia. 

Ver páxina en http://bitaquique.blogspot.com/ 

Os maiores terán que desprazarse a Vidrieiro en Taxi (14-10-06)

Segundo publica hoxe o xornal La Opinión, o futuro centro de maiores será construido no polígono de Vidrieiro, a pesar de que os socialistas propoñen un solar no centro urbano propiedade do concello. O concelleiro Manuel Rei amósase contrario a esta proposta e insiste na ubicación do polígono de Campolongo.

Evidentemente o lugar escollido non parece o máis adecuado para desprazar a persoas maiores. Por outra banda, a proposta alternativa condenaría a ese solar da rúa Cabanas a unha infrautilización que os políticos locais non desexan: a imposibilidade de ceder o terreo a un promotor para construir  bloques de vivendas. Unha práctica habitual no concello pola que este obtén, a cambio, algún local (agás cando o promotor non cumpre o pactado e compensa ao pobo de Pontedeume  cunha cantidade ridícula).

Nova bitácora sobre Pontedeume (13-10-06)

Dámoslle a benvida a esta nova páxina titulada Pontedeume, retrato dunha vila que a modo de presentación escibe:

Sexamos autocríticos ainda que non estea ben visto. Os eumeses necesitamos unha cura de modestia para poder ver os problemas que existen nesta vila. Non negamos que o atractivo de Pontedeume creou en nós unha especie de autocomplacencia que nos impedía ver os nosos fallos ou erros...

Non temamos criticar(nos)...

É hora de levantarse.

En Sada, nas vivendas en zona de costas non se poderá realizar obras, se lles outorga unha concesión de 30 anos aos propietarios, e non poderán vendelas (12-10-06)

Unha decisión do Ministerio de Medio Ambiente que afecta ás vivendas construidas despois da entrada en vigor da lei de costas do ano 1988. Se ben os 30 anos de concesión son prorrogabeis outros 30, a medida condena á desaparición a longo prazo das vivendas en zona costeira. Quizais sexa unha decisión salomónica que se implantará noutros concellos ante a dificultade de expropiar ou demoler milleiros de vivendas.

Máis información en La Opinión

Obras de rehabilitación no convento de S. Agustín e en dúas rúas de Pontedeume (12-10-06)

Vaise  sustituir o tellado da Casa da Cultura e tamén se acondicionará un tramo da rúa Pescadería (agardemos que poñan a mesma pedra que no resto da rúa; estamos fartos de ver as rúas a "dúas cores") e a  da Roda.
Como escribimos nesta páxina, o deterioro de certos lugares do casco histórico é escandaloso. Urxe que se tomen medidas de inmediato e que se obrigue aos propietarios dos edificos ruinosos a rehabilitalos, acompañadas dunha política de subvencións nos casos que se precise.
Ler en La Opinión

Casco vello (09-10-06)

Para cando a tan anunciada rehabilitación do casco vello?

É esta a defensa que está a facer o concello do noso patrimonio?

Cando estará en funcionamento a oficina de rehabilitación, cando xa non exista nada que rehabilitar?

É posíbel que as nosas autoridades permitan semellante deterioro?

Existe detrás de todo isto un intento deliberado de degradación para despois, ante o feito consumado, permitir novas e agresivas edificacións?

             

 
  

    

 


O TSXG rexeita o recurso do concello de Cabanas e obriga a derrubar o edificio Elpidio (08-10-06)

Despois de numerosos intentos por parte do concello de Cabanas para evitar o derrubamento do edificio Elpidio, os xuices non aceptan o argumento do goberno local segundo o cal a sentencia sería non executábel polo enorme custo que suporía ás arcas do concello. O TSXG entende que o único desproporcionado era a concesión da licenza municipal a edificios que requerían agora de semellante desembolso sen ter tido en conta as consecuencias.

Desde Fusquenlla insistimos en que actualmente a única solución aos problemas derivados da aberrante política urbanística dos concellos vén dada pola actuación xudicial, constatando a case nula implicación do poder político, neste caso da Xunta de Galiza.

Máis información en La Opinión

Excavacións na Praza de España (05-10-06)

Debido ao inicio das obras para levantar un edificio na Porta da Ponte, apareceron restos que, ante a posibilidade de posuir algún valor arquitectónico, están a ser estudados por unha arqueóloga dependente da Xunta de Galiza. Non sería estrano que os restos descubertos teñan relación coa antiga muralla que pechaba Pontedeume ao exterior. Desde Fusquenlla exiximos que se faga o estudo co máximo rigor e sen presións dos promotores da obra. De se atopar restos arqueolóxicos deberían conservarse e expoñerse ao público nun espazo aberto desde o que reflexionar sobre o valor patrimonial que Pontedeume posúe e que se atopa en perigo de extinción.

Por outra banda, nunhas declaracións ao periódico La Opinión o noso alcalde Belarmino, que nunca deixa de sorprendernos, afirma que os restos arqueolóxicos que nestes momentos están saindo á luz no solar onde Lagares -¿para cando fillo predilecto?- pretende construir un edificio de vivendas que esperemos non rivalice co Mamotreto, pertencen a unha vella taberna. Acostumados a unhas mensaxes que os veciños de Pontedeume pouca veces alcanzamos a entender, quizáis asistamos nesta ocasión ó anuncio da declaración de zona protexida para un solar onde se atopa o vestixio máis antigo dunha actividade de gran raigame na vila: a hostelería. Creo que todos deberiamos estar dacordo en protexer esta primeira taberna eumesa. Certo é que o proxecto do sr. Lagares quedaría paralizado. Quizáis unha compensación económica ou un reparto dos beneficios que poidese reportar a construcción dun museo dedicado o chateo medieval lle compensara as pequenas perdas que supondría non poder construir algún desmesurado edificio de vivendas. En todo caso a cultura saldría gañando.

Máis información en La Opinión

A alcaldesa de Cabanas dimitirá nos vindeiros días (02-10-06)

O PSdeG convenceu a Modesta Anca para que presentase a dimisión despois de ser condenada a 8 anos de inhabilitación e unhamulta de 5400 euros por un delito de prevaricación, e dicir, por dictaminar unha resolución a sabiendas da súa ilegalidade. Neste caso, conceder unha licenza de obras nunha parcela de especial protección.

Cremos que as penas que se impoñen aos alcaldes por este tipo de delito son insuficientes, sendo este un factor que propicia aínda máis a causa da corrupción. Un escaso prezo que se paga por unhas accións que poden reportar pingües beneficios.

O dano que se produce por este tipo de actuacións á marxe da lei sobrepasa o ámbito dos partidos políticos - uns partidos que deberían ser unha referencia na loita contra a especulación e o deterioro do medio ambiente - e alcanza a toda a sociedade, degradando a paisaxe, encarecendo a vivenda e fomentando a corrupción.

En Pontedeume non se tardará moito en producirse unha situación semellante á de Cabanas, se ben as causas son moito máis escandalosas na vila dos Andrade. Como exemplo lembremos algunhas das actuacións do goberno local en materia urbanística, todas elas constatabeis.

Dase licenza de obra para unha vivenda unifamiliar en Nogueirosa co informe favorábel de Valiente no que fai constar que se atopa en zona de protección costeira. Ademais se concede permiso para unha segregación do chan. En situación parecida atópanse outras sete vivendas en zona de protección costeira.

En Caldagueiro non se atende o requerimento da Xunta de Galiza para paralizar a obra que Lagares, S.L. está a levantar. A CPTOPV aduce a ilegalidade da construción. Por se non abondase, meses despois o ocncello concede un novo permiso para ampliar a urbanización. Cando ao alcalde non lle queda máis remedio que proceder á paralización, esta non pasa de ser un acto meramente protocolario sen repercusión algunha. O edificio remátase e actualmente está habitado sen a licenza de primeira ocupación.

O concello non ten en conta as denuncias que se presentaron contra o edificio que Lagares, S.L. constrúe na Av. de Ferrol. Só cando transcorre máis dun ano desde a primeira denuncia decreta a súa paralización; cando a obra está nunha fase de difícil demolición.

Tampouco atende o concello as denuncias contra a obra sita na Av. Dr. Villanueva, nº1. Este rañaceos eumés levantouse a pesar da manifesta ilegalidade que arrastra, ata o punto que o arquitecto municipal así o constata nun informe que permanece segredo para os cidadáns deste concello. Tamén aquí o dictame chega a destempo. Agora quérense parar as críticas procedéndose a pequenos retoques, pequenos cambios para que nada cambie.

En fin, unha mostra inacabada das infraccións cometidas polo equipo de goberno do concello de Pontedeume á que habería que engadir a conculcación da legalidade ao negar o acceso aos documentos públcos solicitados polo noso colectivo. E sen esquecer unha razoábel sospeita que é preciso aclarar: o por que todas estas obras ilegais están realizadas pola mesma empresa construtora.

O desafiuzamento de Pilar (01-10-06)

Quen non lembra o caso de Pilar Castro? Esta veciña de Pontedeume foi desafiuzada da súa vivenda na Av. Lombardero porque uns desaprensivos especuladores enganárona e "mercáronlle" a súa casa a un prezo irrisorio, aproveitándose da incapacidade que naquel intre padecía Pilar. Todo o pobo de Pontedeume sabía das artimañas das que se serviran os amigos do alleo, quen eran e o seu pasado delictivo. Por iso cando os funcionarios do xulgado de Betanzos se presentaron, acompañados da Garda Civil, para proceder a desaloxar a Pilar, o pobo de Pontedeume manifestouse diante da casa desta para expresar o seu desacordo coa decisión tomada pola xustiza, unha xustiza que non entraba no fondo do asunto e pasaba por alto o proceso fraudulento de adquisición do inmóbel. A resultas desa concentración, que os xuices agoran consideran unha alteración da orde pública - ¿non soa a pasadas épocas nas que imperaba o Tribunal da Orde Pública? -, son condenados Manuel Rei, Emilio Salorio e Gloria Mantecón. Outros tres veciños son absoltos dos delitos imputados. Desde aquí queremos manifestar a nosa solidariedade con todos eles e esixir que se investigue e xulgue aos verdadeiros culpabeis que non son outros que os que estafaron a Pilar. Cremos necesario que a comisión cidadá que se formou para denunciar ante o xulgado este caso, custeando os servizos dun avogado, debe retomar as iniciativas para resarcir a Pilar da súa perda.

Desde que comezamos a informar nesta páxina dos problemas urbanísticos non deixamos de constatar que os delitos relacionados coa especulación son impermabeis á acción da xustiza. A sociedade debe tomar conciencia deste grave problema e avanzar na consecución dun estado de dereito no que os delincuentes de guante branco non queden impunes.