Novembro 2006


Novo escrito da Xunta contra o edificio de Caldagueiro. E van... (30-11-06)

Despois da última visita dos inspectores da CPTOPT a Pontedeume, a raíz das denuncias presentadas por Fusquenlla, o director xeral de urbanismo, basándose no informe que ditos inspectores elaboraron, exixe ao alcalde de Pontedeume, Belarmino Freire Bujía, que proceda á revisión da licenza concedida á empresa Lagares Álvarez, S.L. para construir 29 vivendas no que sería a segunda fase do edificio de Caldagueiro; unha obra que xa acumula tres requerimentos do director xeral declarando nulas de pleno dereito as licenzas concedidas, amais da forzada e ignorada orde de paralización decretada polo alcalde.

O escrito da consellaría de Política Teritorial incide unha vez máis nos aspectos polos que xa se declarada nula a primeira licenza concedida. A modo de resumo:

O solo non pode ser declarado urbano por non estar integrado na malla urbana e non posuir un grao de urbanización efectivo.

A construción incumpre diversos parámetros respecto do proxecto: planta baixa e baixo cuberta adicada a vivendas, ocos na fachada posterior, a cumbreira excede a altura permitida...

O proxecto aprobado incumpre as Normas Subsidiarias de Pontedeume ao acadar unha altura de 28 metros na fachada posterior correspondentes a baixo e 7 plantas

Incumpren a lei que prohibe construir onde se limite o campo visual dunha paraxe pintoresca, impedindo contemplar as belezas naturais ou rompan a armonía da paisaxe.

Por todo isto, a consellaría declara nula de pleno dereito a licenza concedida, e insta ao concello a suspender de inmediato as obras e a incoar expediente de reposición da legalidade, revisando de oficio a licenza outorgada.

Non hai palabras para describir a insultante actitude do equipo de goberno co seu alcalde á cabeza que, menospreciando ás institucións que detentan a salvagarda das leis, é capaz de infrinxir estas con absoluta impunidade. Igualmente, o seu comportamento é un insulto á dignidade do pobo de Pontedeume ao que ignora e mantén á marxe de decisións que comprometerán o seu futuro como vila.

Pontedeume merece un respecto, unha defensa da súa paisaxe hoxe en perigo, unha institución na que confiar, un estilo de vida acorde coa súa historia e cunha maior calidade, un futuro esperanzador...O que non se merece é o que lle están a dar.

O texto completo da CPTOPT pódese descargar aquí

Ler en La Opinión

O alcalde decreta a paralización da antiga casa de D. Pablo (29-11-06)

Segundo publica onte o boletín oficial da provincia, Concello de Pontedeume ordenou a paralización desta obra que leva máis dun ano denunciada polo colectivo FUSQUENLLA  e distintos particulares. Asemade decrétase incoar un expediente de reposición da legalidade.

Nin sequera o pleno foi informado desta iniciativa do alcalde tomada o 23 de outubro. Ademais o informe elaborado polo arquitecto municipal ten data de 14 de xullo cando, como anunciabamos nesta páxina, o documento dado a coñecer pola alcaldía á oposición aparece datado o 30 de outubro. A razón é que este documento non se corresponde co primeiro informe técnico que daba conta das ilegalidades, senón cun segundo que tiña por obxecto decidir se as mesmas permitían legalizar ou demoler as obras. Unha burla máis do alcalde aos concelleiros da oposición.

Se ben é positivo que esta decisión se tomase, non debemos esquecer que se produce demasiado tarde e obedece á presión social que existía sobre esta colosal obra no centro de Pontedeume.

Salientar tamén o ton do decreto do alcalde no que advirte que de non acatar a resolución por parte do promotor, "procederase á adopción das medidas cautelares previstas no artigo 209.2 da LOUPMR e artigo 52 e 53 do RDUG e que o incumprimento polo infractor da orde de suspensión poderá dar lugar a que pola Alcaldía se poña en coñecemento do Ministerio Fiscal para a depuración das responsabilidades penais á que puidese haber lugar." Este comportamento da alcaldía debería facerse extensivo á obra que Lagares levanta en Caldagueiro á que, a pesar da orde de paralización emitida polo mesmo alcalde,  lle foi permitida a súa total execución.

O decreto completo da alcaldía pode verse aquí

Máis información en La Opinión


Aquagest (27-11-06)

Hoxe, gran parte do centro urbano de Pontedeume estivo sen auga ata as 15 horas. Que Aquagest non ofrece un servizo adecuado aos tempos que corren e ás taxas que pagamos, é unha obviedade. Que hai serias dúbidas de que Aquagest cobra por unha depuración moitas veces inexistente, tamén é certo. Que estas dúbidas poden deixar de selo, seguramente pronto.

Nos últimos días non se fai máis que falar do penoso servizo que esta empresa ofrece aos usuarios de Pontedeume. Os cortes do suministro son constantes, a calidade das augas son tercermundistas, os verquidos á ría son permanentes, e a conseguinte contaminación que provocan nos bancos marisqueiros, está avalada pola prohibición de mariscar decretada polas autoridades. Sen esquecer que en moitas ocasións as augas verquidas á ría desde a depuradora de A Macuca aínda hai que catalogalas como augas residuais. O que non é óbice para que paguemos este servizo como un servizo prestado. 

Pero se xa é grave a contaminación que estas actitudes empresariais provoca, tamén o é o que se agocha detrás das cuotas que Aquagest cobra aos veciños e aos concellos aos que ofrece os seus servizos.

O BNG de Cabanas elaborou un estudo do que deduce que esta empresa cobrou a este concello 462.000 euros de máis pola depuración das augas residuais durante o período 2001-2003. Segundo este informe, a cantidade cobrada coresponde a un consumo de auga moi superior ao xenerado polos veciños do concello. O biólogo Xosé Fernández Argibay di que Aquagest cobrou o auga pluvial que circula pola rede de saneamento como se fose residual, suliñando que as elevadas tarifas aplicadas só poderían xustificarse cun informe de custos da planta depuradora, pero a empresa non entrega os datos que avalarían este sobreprezo.

Dado que Aquagest reclama ao concello de Cabanas o cobro de 142.000 euros pola revisión das taxas, o BNG presentou este informe para rexeitar a petición da empresa. Agora Aquagest solicita ao xuíz que non teña en conta o informe presentado polo BNG alegando que foi redactado por un familar do representante político desta agrupación. 

Cremos que estas sospeitas de comportamento irregular por parte da empresa deben ser aclaradas por cantos informes sexan precisos, e que ante todo debe ser defendido o interese dos concellos por riba das plusvalías das empresas que tan xenerosamente se ofrecen a estes para dotalos duns servizos que, cando non son inexistentes, son deficientes. E sobre todo, agresivos co medio ambiente. Quizais se faga imprescindíbel unha revisión dos acordos que os concellos de Cabanas e Pontedeume asinaron con Aquagest.
Máis información en La Opinión

...e outra de area. Touriño tenta calmar aos empresarios da construción (27-11-06)

O presidente e a conselleira de Política Territorial mantiveron esta mañá unha xuntanza de traballo co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontela, e responsables da CEG para expoñerlles o contido da Lei de medidas urxentes de ordenación territorial
Explica que a lei só afecta a 30 dos 600 millóns de metros cadrados situados a menos de 500 metros do mar
A norma implica só o 13% da superficie urbanizable dos territorios costeiros
Ler en Xunta .es

A obra opaca (26-11-06)

Sábese agora que o informe que o arquitecto municipal, Ricardo Beltrán Pedreira, elaborou sobre o edificio que Progasa 2000, S.L. está construíndo na Av. Dr. Vilanova, nº1 (antiga casa de D. Pablo) constata algunhas das ilegalidades que vimos denunciando desde hai moitos meses. Pero hai unhas valoracións urxentes que merecen un tratamento profundo.

A primeira é a relativa á data que figura no informe, o día 30 de outubro do 2006. Como se lembrará, nesta páxina dabamos conta da existencia dese informe o día 5 de agosto do 2006, e ese mesmo día o xornal La Opinión recollía unhas declaracións do concelleiro de urbanismo no que un día antes admitía a súa existencia. O concelleiro e o arquitecto municipal deben responder por que se asina o informe tres meses despois da súa elaboración, evitando así a sospeita razonábel dunha reelaboración intencionada do documento inicial.

A segunda consideración atinxe ao feito de que a pesar de que o informe, máis ben escaso, avala ilegalidades na obra, o concello non ditou ningunha orde de paralización das actuacions que se levan a cabo tal e como recolle a LOU. E se tal orde está ditada, o concello non fixo o posíbel por ser acatada, como é doado comprobar.

Máis información en Urbanismo en Pontedeume

O Concello de Pontedeume rectifica e valora o  edificio do mercado municipal (24-11-06)

Despois de moitos intentos por parte do equipo de goberno para demoler o mercado municipal, este reconsidera a súa actitude e recoñece o valor patrimonial deste edificio construido polo arquitecto Antonio Tenreiro. Se hai uns meses xa desistiran da demolición pola negativa de Patrimonio a acceder a esta pretensión, agora o Concello mesmo recoñece o valor desta emblemática edificación do ano 1952. E faino solicitando a Patrimonio a declaración de Ben de Interese Cultural. 

En  numerosas ocasións denunciamos desde Fusquenlla os intentos do concello para derrubar o edificio. Noutras salientabamos ironicamente as viravoltas ideolóxicasdos responsabeis municipais á hora de criticar e logo defender, cando os feitos eran incontestabeis, a importancia da obra de A. Tenreiro. Por fin, e aínda que sexa por puro interese económico, o Concello está disposto a aceptar a dura realidade a troco dalgunha subvención coa que afrontar a rehabilitación do mercado. Unha empresa para a que só ten garantida a metade do seu importe. Moito nos tememos que se xa no ano 2004 o mercado municipal era unha asignatura pendente para o goberno municipal, esta siga sen ser aprobada nos próximos anos por falta de orzamento. Claro que algo se podería aforrar se en lugar de encargar o proxecto á empresa Consultora Galega (redactora do PXOM) se lle encomendase ao arquitecto municipal. E a idea non é nosa; fíxoa pública o concelleiro de urbanismo para, posteriormente, desbotala en beneficio de Consultora Galega.

Máis información en Diario de Ferrol

En Pontedeume proxéctase construir 9 mil vivendas no período 2006-2010   (24-11-06)

Non hai moito denunciamos que o novo PXOM de Pontedeume permitía ampliar o solo urbanizábel ata un 200 % do actualmente existente. Isto supón triplicar a superficie adicada a chan apto para a construción. Agora sábese que hai proxectadas máis de 9.000 vivendas a construir no período 2006-2010. Na acualidade hai construidas, aproximadamente, 4000 vivendas, das cales 2700 son principais, 728 secundarias e 609 baleiras (datos do INE relativos ao ano 2001).

A lectura é doada. Pontedeume cun crcemento demográfico negativo (perde poboación desde hai máis de cinco anos), con máis de 600 vivendas baleiras, vai permitir a construción de 9000 vivendas.

Segundo estes datos, cabería esperar un aumento de poboación de máis de 18.000 persoas en catro anos. Hai que ter moita fe para aceptar esta posibilidade cando, pola contra, asistimos a unha diminución do número de habitantes.

Todas as comparacións son odiosas, máis cando son vergoñosas

 

 

 

Mentres non se aprobe o plan de calquera concello (adaptado á nova lexislación) queda prohibida a construción a menos de 500 metros do litoral, sexa cal sexa a calificación do solo (agás o urbano consolidado) (21-11-06)

A conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, presentou hoxe un avance da Lei de Medidas Urxentes de Ordenación do Territorio e do Litoral de Galicia, que entrará proximamente no Parlamento.

As medidas cautelares en materia de ordenación do litoral incluídas no avance da lei supoñen a suspensión do desenvolvemento urbanístico de terreos situados a menos de 500 metros do mar naqueles concellos que aínda non adaptaron o seu planeamento á lexislación vixente. O fin desta medida é o de preservar os valores paisaxísticos e a riqueza natural da costa galega mentres non se completa a adaptación do planeamento ás novas leis. Polo tanto, suspenderanse todas as novas actuacións urbanísticas sobre o litoral galego que se pretendan desenvolver ao abeiro de planeamentos obsoletos.

Pensamos que o acontecido vai a aumentar bruscamente a solicitude de licencias para o periodo previo á aprobación final do plan.

Máis iformación en Xunta de Galiza

A CPTOPT e a FEGAMP acadan un acordo unánime sobre os estatutos que rexerán a axencia de protección da legalidade urbanística (20-11-06)

Tal e como informamos nesta mesma páxina, a CPTOPT creou unha axencia que ten por finalidade "a inspección e vixilancia urbanística sobre a edificación e o uso do solo, a adopción das medidas cautelares previstas na Lei9/2002 (sobre todo no que atinxe a edificacións en solo rústico sen a preceptiva autorización autonómica) e a instrución de expedientes de reposición da legalidade e expedientes sancionadores. Así mesmo, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística terá potestade para requirir a anulación de licencias urbanísticas contrarias á normativa, e tamén realizar labores de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística".

Agora chegouse a un acordo coa federación de concellos FEGAMP para establecer os estatutos que rexerán o funcionamento desta axencia. E tamén como adiantabamos naquel intre, o resultado é desesperanzador para os que defendemos unha implicación da Xunta na resolución dos graves problemas urbanísticos. Segundo publica hoxe a CPTOPT o ámbito de aplicación desta axencia estará restrinxido aos "concellos integrados voluntariamente na Axencia."

Non hai unha vontade seria por parte da Xunta para erradicar os males do urbanismo galego: especulación, corrupción e agresión paisaxística e medio ambiental. Como se non se explica que a determinados concellos que apostaron claramente pola ilegalidade e o desenfreo urbanístico, léase Pontedeume, Sada, Tui, Barreiros, etc. non se lles obrigue a someterse á inspección desta axencia pública. Sería iluso pensar que aqueles que favorecen descaradamente aos promotores inmobiliarios van pedir a intervención da axencia de protección da legalidade urbanística. Cremos que os tentáculos do negocio inmobiliario son demasiado longos e recios.

Neglixencia ou premeditación?

Os membros deste colectivo recibiron en varias ocasións chamadas telefónicas de representantes de Promociones Lagares. A última delas o pasado día 4 de novembro. Nestas chamadas fixeron constar e demostraron que tiveron acceso ás denuncias que o noso colectivo presentou ante o concello relativas a obras que estes promotores levan a cabo, así como que posuían datos dos asinantes destes escritos. Estes datos non facían só referencia aos enderezos senón aos termos nos que se baseaban as denuncias o que probaba fehacientemente que si houbo acceso a eses documentos. Por se non abondase, determinadas expresións utilizadas polo interlocutor da empresa, como que "nunha semana podería ter datos de todos os integrantes do colectivo" ou que "hai outros medios para resolver as diferencias sen recorrer aos tribunais",  poderían interpretarse como unha ameaza velada aos membros de Fusquenlla.

Debemos lembrarlle a esa alcaldía que os documentos por nós presentados ían dirixidos ao sr. Alcalde-Presidente do concello de Pontedeume e que teñen a categoría de privados. En ningún caso pódese dar conta deles a terceiros. É o sr. Alcalde-Presidente do concello quen ten a obriga de velar pola súa confidencialidade, sendo responsabilidade daquel as consecuencias que se deriven do feito de trasladar esa información a persoas alleas ao equipo de goberno.

Mediante un escrito presentado no concello, exixímoslle que ese exceso de celo do que o alcalde fai gala para preservar do coñecemento cidadán documentos que son públicos (licenzas de obra, expedientes, etc), o empregue en garantir a confidencialidade e salvagarda do contido de documentos privados. Non sería desexábel que posibeis incidentes aos que nos podemos ver abocados os membros do colectivo Fusquenlla puidesen ser achacabeis ao coñecemento que terceiros teñen dos escritos presentados ante ese concello. De ser así, recaería nesa alcaldía a responsabilidade deses sucesos.

A central das Pontes é a que máis dióxido de carbono emite (19-11-06)

A contaminación que produce equivale á de 2,4 millóns de automobeis. Tamén se leva a palma en emisións de dióxido de xofre, que provoca a choiva aceda. Segundo os seus responsabeis, a central cumpre con todos os requisitos en cuestión de impacto medio ambiental, o que nos leva a pensar que estas condicións son moi elásticas ou minten os directivos. A pesar diso, o concello de As Pontes cos nacionalistas á cabeza, defenden esta instalación polo elevado número de postos de traballo que crea. Recentemente, cando o goberno quixo obrigar á central a un maior control das súas emisións, o concello manifestouse en contra e organizou unha manifestación na que reivindicaba a defensa dospostos de traballo por riba do control da contaminación. Hai un forte paralelismo entre esta manifestación e a que convocou hai uns días Paco "o poceiro" para defender os postos de traballo da súa empresa amenazada pola decisión xudicial de non construir en zona protexida.
Máis información en El País

Banesto cre que Galiza pode explotarse aínda máis  (17-11-06)

A banca nunca ten abondo; ademais non repara en medios para conseguir máis beneficios. Aínda que eses medios supoñan acabar con territorio galego como fonte de riqueza e de cultura.

Banesto acaba de anunciar que Galiza, máis concretamente a costa de Lugo e da Coruña, teñen un potencial non esgotado de crecemento urbanístico. Recoñece Eloisa Rodríguez, responsábel desta entidade, que se ben o crecemento das hipotecas para particulares crecerá nun 25 %, as dos promotores terán un crecemento do 50 %. É tal o negocio que pronto abrirá un 20 % máis de oficinas, o que esta directiva considera o plano de expansión máis agresivo que Banesto teña levado a cabo en Galiza.

Estes despachos abriranse en: Vigo (tres), Cangas, Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Ourense (dos), Lugo, Burela, Santiago de Compostela, Bertamiráns, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ferrol y A Coruña (tres).

Comunicado da Plataforma Ártabra 21 (17-11-06)

A Plataforma Ártabra21, consiste nunha entidade que integra 16 organizacións,   colectivos e diversas organizacións da comarca de Ferrol. Que observamos certas ambigüidades e contradicións  respecto a necesidade de facer un novo INFORME DE IMPACTO AMBIENTAL, xa fallado polas diferentes  sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.
Que non cumpre coas normativas de seguridade Europea SEVESO II,  entre outras normativas estatais .
Que son moitas as causas pola cal o movemento social e cidadán da comarca de Ferrol  rexeitan as instalacións da Planta de Gas preto da Vila de Mugardos, sendo principalmente a seguridade dos seus habitantes e a vida do seu entorno.
Esiximos ao SESION PLENARIO do CONCELLO DE FERROL a PARALIZACION, DESMANTELAMENTO DA PLANTA DE GAS así como a presentación  DUN  RECURSO DE CASACIÓN ante o TRIBUNAL SUPREMO.

A Consellaría de Política Territorial inicia o proceso para suspender as normas urbanísticas de Barreiros (16-1-06)

A Consellería considera que o planeamento en vigor consolida un modelo territorial de urbanización descontrolada no litoral

As Normas polas que se rexe o Concello son incompatibles coa preservación dos valores naturais e medio ambientais da zona

As novas construcións non teñen garantidas as infraestruturas nin os servizos básicos que esixe a lei

O Concello non pode outorgar licencias de construción, parcelamento de terreos e demolición

Un novo caso de desorde urbanístico que a CPTOPT pretende frear. Segundo a consellaría, "a continuación na execución do planeamento actualmente existente en Barreiros daría lugar á plasmación dun modelo territorial de urbanización descontrolada do litoral, incompatible coa preservación dos valores naturais e cun desenvolvemento sostible do territorio"

Máis adiante "a Consellería constatou, como feitos máis salientables, que neste concello lucense estase a producir un crecemento urbanístico desordenado e insostible ata o punto de que as novas construcións que se executan non teñen garantidas as infraestruturas (accesos,...) nin os servizos básicos (auga, electricidade,...) esixidos por lei. Ademais, a pesares deste crecemento, o goberno municipal sigue aplicando unhas Normas Subsidiarias que non están adaptadas á actual normativa urbanística e, nin sequera iniciou ningún proceso de revisión das Normas agora paralizadas malia que xa pasou o prazo de tres anos establecido pola Lei do Solo para adaptar os planeamentos dos concellos a esta nova lei.

O expediente iniciado pola CPTOPT conleva a paralización –dende xa- do procedemento para outorgar licencias de edificación, demolición e parcelamento de terreos, así como dos procedementos de aprobación de instrumentos de planeamento e xestión urbanística en todo o termo municipal de Barreiros ata que entre en vigor a ordenación urbanística provisional que estableza a Consellería de Política Territorial. Estas normas provisorias deberán ser aprobadas polo Consello da Xunta no prazo máximo de tres meses, xunto coa orde de suspensión das actuais normas urbanísticas."

Máis información en Xunta.es

Manifesto cidadán contra a especulación urbanística (16-11-06)

Desde esta páxina podes acceder ao manifesto que un grupo de cidadáns elaborou para criticar a actitude de promotores como Paco o Poceiro que tentan subvertir a orde legalmente establecida e antepoñen os intereses privados ao ben público. Se estás de acordo co manifesto podes asinalo aquí


Nova Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (14-11-06)

Fíxose pública hoxe a creación dun novo organismo que pretende reforzar a inspección urbanística, ata agora en mans do Servizo de Inspección da CPTOPT. Esta axencia absorverá os recursos da consellaría de Política Territorial e ampliaraos con máis funcionarios. Se ben é certo que en apariencia resulta unha medida necesaria (na Coruña só hai tres inspectores para desenvolver as tarefas de inspección) tamén o é que contén determinados aspectos que crean intranquilidade e escepticismo nos que estamos a reclamar medidas efectivas e urxentes para atallar este problema.

Segundo o anuncio da súa creación, esta axencia no terá capacidade para actuar en todos os concellos e deberán ser os de máis de 50 mil habitantes os que reclamen os seus servizos. 

Por outra banda, as razóns dadas pola consellaría parecen dotar aos concellos pequenos dun mecanismo efectivo para manter unha legalidade que non sempre logran impor. Unha afirmación gratuita ou intencionada pois habería que preguntarse se realmente certos concellos desexan manter esa legalidade da que se fala. Obviamente, concellos como o noso non terán ningún interese en someterse a ningunha inspección por parte deste organismo. 

Non parece que haxa unha vontade seria na Xunta de Galiza para frear as desfeitas urbanísticas que asolan os nosos concellos. O que se reclama é que o servizo de inspección teña autoridade para actuar en toda a comunidade, sobre todo alí onde se presentan denuncias contra as actuacións presuntamente ilegais de promotores e alcaldes. O que se propón con esta nova axencia non é máis que trasladar ao urbanismo o liberalismo xudicial, quen queira aplicar as leis que as aplique; e polo tanto, o servizo de inspección ordinaria, con potestade anteriormente en todo o territorio, queda a disposición dos alcaldes que o demanden. O resto poderá deixar facer como ata agora.

Por outra banda, a negativa dada pola conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride (PSOE) á proposta da titular de vivenda, María Teresa Táboas (BNG), de obrigar aos promotores a ceder un 40 % do solo para adicalo a vivendas de protección oficial, non fai máis que ractificar esa falta de vontade institucional para limitar os excesivos privilexios dos promotores inmobiliarios.

Os dislates de D. Manuel

O chalé de Fraga (13-11-06)

Decía Aristóteles que o ser humano é un animal político. Ninguén mellor que Manuel Fraga para confirmar dito aserto. A sua longa experiencia ó fronte do ministerio de Información e Turismo durante o franquismo, cando contribuíu a desenrolar o modelo turístico de masas que estragou a costa mediterránea, debeulle inspirar as seguintes lindezas: “cuando se tienen unas rías como estas, hay que aprovecharlas, porque queda monte de sobra”, Galicia debe imita-lo ejemplo de Miño para transformarse nun gran centro turístico, porque “cada vez hay menos pesca”.

Sorprende que don Manuel escolla un concello tan cuestionado urbanísticamente como paradigma de centro turístico. Outra boutade ou animalada –no sentido aristotélico do termo- de don Manuel que se vén a sumar ó longo rosario de desatinos –cando menos- que xalonan a súa andaina política, desde o esperpéntico baño en augas de Palomares ata a aprobación da represiva Lei de Prensa de 1966, pasando pola súa implicación na execución de Julián Grimau.

Pero don Manuel nada a contracorrente, porque contrariamente ó exemplo que propón, o goberno traballa na actualidade nunha dirección diametralmente oposta. Desde o Ministerio de Medio Ambiente estase a desenvolver un plan para a adquisición de solo no litoral co obxectivo de evita-la marea urbanizadora, protexer zonas de alto valor ecolóxico hoxe ameazadas e minimiza-los efectos da suba do nivel do mar por efecto do quentamento global. O Ministerio pretende amplia-la franxa de dominio público máis alá dos 100 metros fixados pola Lei de Costas. O plan suporía unha transferencia de cerca de 24 millóns de m² de terreos que hoxe están en mans privadas, a través da compra ou expropiación, para incorporalos ó chamado Dominio Público Marítimo. En Galicia xa son catro as fincas que serán obxeto de adquisición por parte do Estado. O goberno da Xunta tamén anunciou a finais do ano pasado a aprobación dunha lei de defensa do litoral que contempla a protección dos 1700 km das nosas costas mediante a creación dunha franxa de entre 200 e 500 metros onde se prohibirán as construccións.

Nesta mesma liña, Demarcación de Costas acaba de inicia-la expropiación no noso concello de dous establecementos hosteleiros situados na praia de Ber para demolelos e liberar así unha zona considerada de protección marítima. E o mesmo Concello de Pontedeume parece que está intentando asegurar unha zona de protección costeira, o cal significaría o rexeitamento dos proxectos urbanísticos que actualmente ameazan Ber e Arbosa. É lóxico supoñer que esta franxa destinada a blinda-la costa fronte a futuras urbanizacións  vaise prolongar desde o núcleo da vila ata o espacio limítrofe co concello de Miño.

Tamén deberiamos considera-la posibilidade de que as administracións adquiran - ben pola vía da compra, ben pola da expropiación - terreos privados que, como a residencia de Manuel Fraga en Perbes, se atopan nesta zona litoral para convertilos en espazos de dominio público. Non está de máis lembrar que neste último caso a reconstrucción da vivenda fíxose con caudais públicos procedentes dos fondos reservados despóis da súa destrucción provocada por un atentado do Exercito Guerrilleiro en 1991.

O Concello de Pontedeume menospreza ao Valedor do Pobo (12-11-06)

En relación coa denuncia ante o Valedor do Pobo que o colectivo Fusquenlla emitíu en abril do 2006, e que foi admitida a trámite  por esta institución, informamos que o concello de Pontedeume non atendeu a solicitude da oficina do Valedor na que lle requería información sobre os feitos denunciados. Esta petición foi realizada no mes de xullo do 2006 e, dada a falta de resposta do alcalde de Pontedeume, o Valedor do Pobo reclamoulle de novo dita información o pasado 2 de novembro.

Desde este colectivo queremos resaltar unha vez máis, e as que sexan precisas, a total falta de consideración que o alcalde de Pontedeume e o seu equipo de goberno teñen non só cara á cidadanía senón á órganos de poder soberano tan necesarios como o Valedor do Pobo, unha falta de respecto que non se detén nestas institucións e vulnera  tamén o deber de acatar a legalidade por parte dos gobernantes locais.

Cando o alcalde respostou nun pleno que “no me dió tiempo a dárselo y ya dicen que se les deniega el acceso, pues entonces lo que hago es no darlo, que vayan al juez, al fiscal, a donde quieran",ante a pregunta de se pensaba amosar os documentos  públicos que Fusquenlla lle solicitara, non só demostrou o baixo talante que posúe senón que deixou ben claro cal é a súa concepción da xustiza. Esa indiferencia, ou prepotencia, ante a posíbel acción xudicial revela un forte menosprezo da legalidade en quen, por riba dos demais, debería ser o seu valedor. Agora, a petición que lle fai  o Valedor demostra que a verdaeira intención do alcalde é preservar do coñecemento público documentos que poñerían en perigo o seu labor como rexedor de Pontedeume.
Ler en La Opinión

Nova galería de imaxes antigas de Pontedeume


Por que nos opoñemos ao PXOM                                     (07-11-06)

O PXOM, que o goberno local de Pontedeume pretende aprobar en canto lle sexa posíbel, contempla aumentar considerabelmente o solo urbanizábel e faino a base de crear as chamadas zonas residenciais nas que só é posíbel construir a través dunha promotora que ten a obriga de urbanizar todo o espazo. Isto conleva que os pequenos propietarios non van poder edificar en terreos da súa propiedade que estean dentro destas zonas e véranse obrigados a cedelos aos axentes urbanizadores que decidan recorrer á expropiación para levantar urbanizacións. Son numerosos e próximos os casos de expropiacións nos que se demostrou que os pagos que os promotores fixeron polas terras confiscadas estaba moi por debaixo do prezo que posteriormente exixían para a súa revenda. Algún propietario en Miño foi expropiado por valor de 600.000 pesetas e logo a súa parcela foi revendida por 25 millóns.

Estas zonas residenciais ás que moi ben se lles podería engadir o calificativo de temporais polo longo espazo de tempo que estarán valeiras – non esquezamos o seu carácter especulativo ou de segunda residencia – teñen moitos máis inconvenientes que vantaxes. Enumeremos algúns deles.

Impiden o que debería ser o desenvolvemento natural dos concellos, é dicir, o crecemento racional das distintas mallas ou núcleos urbanos. A lei permite aos novos planos de urbanismo ampliar estes núcleos nun raio de 200 metros para atender a demanda posíbel de crecemento dunha poboación. Porén, en Pontedeume isto non é así. Nun intento de favorecer á iniciativa privada personalizada na figura do promotor inmobiliario, o novo PXOM creou multitude de zonas residenciais en detrimento das ampliacións dos cascos urbanos. Temos así que veciños propietarios de terreos a carón dos núcleos non poderán facer as súas vivendas pero sí poderán ser expropiados polos novos señores feudais do século XXI aos que eufemísticamente chaman axentes urbanizadores.

As novas zonas residenciais propostas polo PXOM teñen o malévolo atributo de esquilmar a paisaxe que en Pontedeume podemos calificar de envidiábel. O impacto paisaxístico que estas urbanizacións provocarán en zonas como Breamo, Ombre ou Boebre é doado imaxinar. Se nos privará daquilo que forma parte da nosa identidade e do noso patrimonio.

Non é menor o impacto ambiental que suporá a creación de grandes urbanizacións. Se agora os núcleos urbanos existentes carecen do máis elemental como auga, alcantarillado e depuradora, preguntámonos como se van tratar, por exemplo, a cantidade inxente de residuos producidos polas 250 vivendas que FADESA pretende construir en Ombre. Lonxe de conseguir un maior nivel de servizos para os núcleos existentes, conseguiráse unha maior contaminación en forma de residuos, tráfico, e desaparición de zonas boscosas.

Pero ademais este crecemento do solo urbanizábel non se corresponde cunha necesidade real de crecemento da poboación pois nos últimos anos Pontedeume ve como diminúe paulatinamente o seu número de habitantes. O que se fai imperativo neste concello é a consolidación e expansión dos núcleos urbanos existentes; a procura dunha habitabilidade acorde cos tempos que corren e a súa adecuación a un crecemento sostíbel de cara ao futuro. Debemos exixir que o PXOM de Pontedeume asuma aquelas solucións polas que se optou en zonas cun amplo historial de desastres urbanísticos. En Andalucía a Xunta desta comunidade non aproba ningún plano de urbanismo que aumente o solo edificábel en máis dun 40 % . Paradoxicamente, en Pontedeume preténdese aumentar este índice nun 200 %, o que equivale a triplicar o chan urbanizábel.

Desde esta visión da situación actual e futura de Pontedeume, o colectivo Fusquenlla tenta de conseguir a unión de todas as asociacións de Veciños do concello para impulsar unha proposta que se opoña a este desmesurado crecemento de Pontedeume en forma de zonas residenciais exclusivas para promotores. Queremos transmitir ao goberno local a nosa total oposición a esta letal ordenación do territorio que, lonxe do que se entende por desenvolvemento sostíbel, suporá con total certeza a desaparición do valor patrimonial de Pontedeume. Así será o futuro inmediato...se non o evitamos.

A tentación vive ao lado (05-11-06)

No xornal El País de hoxe aparece un artigo de Xosé A. Martín Pallín, maxistrado do Tribunal Supremo. Del entresacamos uns parágrafos que non precisan de comentarios.

"O parlamento Europeo puxo en marcha unha comisión que se trasladou ao noso país para entrevistarse con todas as institucións implicadas. O primeiro informe é de setembro do 2005. Algunhas das súas conclusións deberían facernos reflexionar. Se nos acusa de de utilizar métodos de expropiación leoninos, de provocar un impacto desastroso no medio ambiente e na ecoloxía de numerosas zonas costeiras e de ter subordinado o interese público aos intereses especulativos.
Todos estes factores inoculan aos cidadáns un sentimento negativo para a saúde da democracia. Debemos estar alerta fronte ao perigoso recurso a la resignación ou o cinismo que iguala a todos na corrupción."

"Nunha carreira desenfreada os concellos pequenos lanzáronse a planificar milleiros de vivendas co inevitábel complemento dun campo de golf. (...) Os que de boa fe cren que van revitalizar a precaria vida do pobo deberían meditar sobre o que se lles ven enriba. Maiores impostos, servizos insuficientes e desolación durante gran parte do ano"

"Unha recalificación seguida de licenza para construir é comparábel ao milagre dos pans e dos peixes. As cantidades son tan tentadoras e xeradas de forma tan doada e artificial coa soa utiliación dun papel, que resulta ilusorio evitar que todos queiran participar do festín. Unha parte para o concello e outra para as finanzas do partido. Por que non unha parte para o que grazas á súa capacidade de decisión foi o artífice deste milagre? A tentación vive ao lado"

"Nos casos de prevaricación as penas que inhabilitan para volver a ser elexido ou desempeñar cargos públicos deben ser acompañadas duns cantos anos de prisión. O soborno do que corrompe ao funcionario e do funcionario qu ese deixa corromper, merece unha pena de prisión máis dura"

Sobre o Castelo de Andrade (02-11-07)

Hai vestixios feudais que ainda perviven en pleno século XXI. Inmensas propiedades rústicas adicadas a cultivos suvencionados pola Unión Europea ou a monterías de fin de semana, pazos e castelos que debían formar parte do patrimonio nacional e que están en mans dunha rancia nobreza cuio glorioso pasado está pragado de crimes e latrocinios. Alleos a desamortizacións e expropiacións, aférranse con desvergonzada avidez a uns bens cuia titularidade debía ser pública desde hai xa algún século. En Galicia os irmandiños chamaban "malfeitores" a aquela nobreza que, encumbrada desde os tempos dos Trastamara, practicaba a rapiña e o saqueo contra os máis febles e foi a responsable daquela violencia que levou ós habitantes das aldeas e vilas ameazadas a organiza-las primeiras Irmandades. Como aquela que, liderada por Roi Xordo, levantouse nas terras do Eume en 1431 en protesta polos abusos cometidos por Nuño Freire de Andrade, "O Mao". Fora o seu antecesor, Fernán Pérez de Andrade, "O Bóo", quen, apoderándose daqueles terreos da granxa de Nogueirosa, propiedade dos monxes de Sobrado, mandou construi-lo castelo naquela estratéxica rocha que dominaba o amplo horizonte do golfo dos ártabros. "non temendo a Deus e en gran daño e perjuicio da sua alma por forÇa e contra boontade do dicto conbento e homes bos de dicto moesteiro quería facer o dicto castelo en a dita pena de leboredo e en o dito couto da qual cousa o dicto Prior e conbento desian que abian gran medo e temor de se les seguir de daño e perda do dicto moesteiro e de seus lugares e bees et que o dicto prior e conbento abian medo e gran pabor do dicto fernan peres e de seus homes..."

Desde a fortaleza que coroaba a pena Leboreira, o castelo de Nogueirosa, o conde de Andrade intentou deter a marea irmandiña. Obrigado a retirarse dos seus dominios, os irmandiños, ó grito de "Abaixo as fortalezas", lograron temporalmente impoñer a paz pública e a xustiza nas terras dos Andrade.

"Entre los otros negocios que el rey había de despachar antes que para la guerra partiese, era uno que pendía entre Nuño freire de Andrade y sus vasallos de la Puente de Heume y Ferrol y Villalva, (...) que se habían todos levantado contra él, diciendo que era señor muy fuerte y duro y que no lo podían comportar, y hacíanle guerra tres mil hombres y más, y le habían
derribado ciertas casas fuertes (...), y habían tomado por capitán un fidalgo que se llamaba Ruy Sordo, y traían un pendón de Santiago, y hicieron todos una Hermandad, y por toda la tierra los llamaban los Hermanos."

Aquela forlaleza é polo tanto o símbolo da resistencia popular na vila de Pontedeume contra a opresión e a inxustiza feudal. Co correr do tempo a casa de Andrade acabou fusionada coa de Lemos que, a su vez, foi absorvida pola de Alba, alá polo século XVI. O patrimonio galego dos Andrade e dos Lemos acabou en mans desta familia. Pero as fortalezas dos Alba en Galicia, como o castelos de Castro Caldelas, Monforte, Moeche, Monterrei, Narahío, Vilalba e Nogueirosa, foron deixados ó abandono e incluso o pai da actual duquesa intentounos vender como pedra de escombro. Finalmente, e dado o elevado coste do seu mantemento, a familia decidiu, conservando a propiedade, cedelas para uso público, a condición de que o Estado se encargase do seu mantemento. Aínda así a duquesa afirmaba nunha recente entrevista que: "nunca me dieron las gracias, de ninguna manera, ni dándome un recuerdo, ni una medalla, nada..."  Hora é xa de que recuperemos o que por xustiza é do pobo de Pontedeume e de Galicia enteira. En nome daqueles que loitaron por mante-la xustiza e defende-la sua terra esiximos a devolución íntegra dos bens dos que se apropiaron os Alba en Galicia, entre eles o castelo de Andrade.

A corrupción urbanística da man do PXOM (01-11-06)

Mellor se ve a palla no ollo alleo que a viga no noso. Diariamente escandalizámonos das noticias que aparecen nos xornais sobre corrupción urbanística en diversas cidades. Os fiscais e xuices actúan sobre persoas encausadas en delitos urbanísticos tales como información privilexiada, especulación e corrupción. Mais en Pontedeume hai casos semellantes que obrigan a facer unha chamada de atención dada a gravidade das últimas actuacións.

Os fiscais ven indicios razonabeis de culpabilidade en caos nos que certas empresas da construción se apresuran a mercar terreos non urbanizabeis co convencemento que pronto serán recalificados a través dun PXOM. Esta convicción é froito dun coñecemento profundo dos planos de urbanismo ou de fortes presións, coas dádivas correspondentes, para modificar a ordenación urbana.

En Pontedeume, debido á próxima aprobación do novo PXOM, estase a verificar un movemento estrano de adquisición de terreos non urbanizabeis. Non se trata de pequenos propietarios que xogan ao chou na procura dun  acerto que lles reporte unha ganancia extra pola recalificación das súas propiedades. Estamos a falar de grandes grupos inmobiliarios que invisten enormes cantidades en adquirir fincas que posteriormente van ver incrementado o seu valor orixinal. Ombre, Nogueirosa, Vilar, Boebre e Pontedeume son os lugares nos que se dan este tipo de iniciativas. 

O caso máis escandaloso podémolo apreciar na compra duns terreos no lugar de Caldagueiro polos que se pagaron máis de 500 millóns das antigas pesetas. Desde aquí denunciamos en repetidas ocasións que o novo PXOM proxectaba construir unha estrada que uniría Caldagueiro co Barro e que serviría para urbanizar un lugar tan emblemático como o monte Breamo. Esta compra ractifica as nosas crenzas á vez que invita a reflexionar sobre como estas empresas poden ter a seguridade de conseguir a condición de urbanizabeis para os seus terreos. Polo que sabemos, representantes destes grupos empresariais entrevistaronse con algún responsábel do concello. Non resulta aventurado adiviñar os termos nos que se desenvolveron esas entrevistas. E un dato máis que destapa un problema engadido ao da especulación e  conseguinte corrupción. A empresa que se permitíu pagar esa millonaria cifra, declarou un resultado de 20.000 euros no 2005.