Decembro 2006

Adeus 2006 (31-12-2006)

Esta páxina naceu hai exactamente un ano e dende entón non se pode dicir que se perdese en comentarios ou discusións banais. Máis ben todo o contrario pois foi un referente, case único, na denuncia do urbanismo insensato que ameaza a nosa localidade. Foi tamén un exemplo de como a rede ten un espazo na vida social e proba diso é a aparición doutras páxinas locais que tentan ser un reflexo dos problemas urbanísticos, medio ambientais e da cotidianeidade.

Un ano, o 2006, cheo de sorpresas e proclive ás discusións entre os que nos opoñiamos ao modelo de urbanismo lesivo para Pontedeume e os representantes do goberno local que o defendían. Comezamos en xaneiro cunha campaña de denuncia de tres edificios que son o paradigma das aberracións: o mamotreto de Caldagueiro, a antiga casa de D. Pablo e o situado na avenida de Ferrol. Detrás de todos eles a mesma empresa construtora, como se tivese patente de corso para infrinxir a legalidade. A primeira sorpresa foi a reacción do BNG que criticou duramente as nosas denuncias acusándonos de mentir. Despois de defender o indefendíbel, o BNG publicou na Opinión que a obra próxima a Correos era perfectamente legal:

Al parecer, ante las dudas que generó en el equipo de gobierno éste recurrió a consultar a distintos profesionales, entre ellos, el nuevo arquitecto municipal y al Servizo Técnico de Asistencia a Municipios de la Diputación de A Coruña. "Todos ellos determinaron que se cumplía con los parámetros dictados en las normas subsidiarias", subraya el Bloque.

Non hai nada como o tempo para poñer a cada quen no seu sitio. Como podería explicar hoxe este grupo político que o mesmo arquitecto municipal fixese un informe admitindo as ilegalidades desta obra ata o punto de ser ditada unha orde de paralización por parte do alcalde? Pero nas próximas liñas veremos como estas tres grandes obras, que a xuizo do concello eran legais, acumularon cadansúas ordes de paralización. 

En febreiro deste ano, FUSQUENLLA conseguíu, a través de diversas denuncias, que se paralizase a obra sita na Av. de Ferrol. Tamén fixo público o que sería o gran escándalo urbanístico de Pontedeume: a CPTOPT requeríu por dúas veces ao concello de Pontedeume para que paralizase a obra de Caldagueiro e posteriormente, por imperativo legal, o alcalde ditou unha orde de paralización. Todo isto sucedera no ano 2005 e ninguén tiña coñecemento destes feitos, nin a oposición nin sequera os socios de goberno de Belarmino Freire.

En marzo  descubríuse que o "mamotreto" de Caldagueiro tiña un novo permiso para amplialo, o que se denominaría segunda fase. Ademais publicamos que a consellaría de política territorial emitira un novo requerimento ordeando paralizar a vivenda que un xestor de Construeume levantar en zobna de protección costeira. Con informe favorábel do técnico municipal, Sr. Valiente. En vista das graves irregularidades que se están a cometer no concello, FUSQUENLLA decide enviar un escrito á CPTOPT na que despois de repasar as diversas infraccións, pide a esta institución dea conta ao ministerio fiscal destes feitos e proceda á revogación das competencias delegadas no concello en materia urbanística.

Abril é o mes no que, ante a imposibilidade de expoñer razóns que xustifiquen tamaños despropósitos, o goberno local decide manter un significativo silencio, un silencio que o leva a conculcar a lei de perticipación cidadán, negando a FUSQUENLLA o acceso á documentación pública que contén os expedientes das obras denunciadas. Por esta razón, o noso colectivo decide pedir a intervención do Valedor do Pobo.

No mes de maio sábese que o novo PXOM foi presentado, por parte do equipo redactor, ao concello de Pontedeume, e filtrado a algúns promotores inmobiliarios. Tamén neste mes o alcalde admite, por fin, que si hai problemas nas obras de Caldagueiro e Nogueirosa.

Os primeiros problemas coa xustiza teñen lugar no mes de xuño. O fiscal acusa ao equipo de goberno de incurrir nun delito de prevaricación ao conceder unha licenza en zona de protección costeira. Belarmino Freire e Manuel Rei xustifican esta concesión na ambigüidade das leis e dende FUSQUENLLA lembramos que son moitas máis as licenzas concedidas para cosntruir en zona de costas. Consideramos que esta denuncia do fiscal non é suficiente e débese ampliar ás vivendas que  están nas mesmas condicións e mesmo á de Caldagueiro por non ser acatada a orde de paralización que se ditara un ano atrás.

Este colectivo envía un informe ao director xeral de urbanismo no mes de xullo. Nel saliéntase que o novo PXOM que o concello pretende aprobar contén unha serie de ordenanzas que modelan un urbanismo nada axeitado ás necesidades reais de Pontedeume. entre elas, a proliferación de zonas residenciais, o abandono dos núcleos urbanos xa existentes, a legalización de certas obras sobre as que pesaban decretos de paralización, a ameaza sobre a costa e sobre paraxes de alto valor paisaxístico, por exemplo, Breamo e as Fragas do Eume. Por todo o anterior solicitabamos da Consellería de Política Territorial, que sexa estricta e conforme á lei na valoración que faga do PXOM de Pontedeume antes de proceder á súa aprobación, buscando a mellor solución para acadar un urbanismo racional e sostíbel para Pontedeume.
Neste mes o Valedor do Pobo informa que admite a trámite as queixas do Colectivo FUSQUENLLA. Por outra banda, o ministerio de medio ambiente anuncia que proxecta demoler dous locais hosteleiros na praia de Ber.

Xa en agosto, despois dun ano dende as primeiras denuncias, o concello de Pontedeume decide enviar ao novo arquitecto municipal a efectuar unha inspección á obra da av. Dr. Villanueva (a carón de Correos). Aínda que o informe non é dado a coñecer (unha vez máis) sábese que certifica numerosas irregularidades neste rañaceos eumés. 
Por enésima vez, a CPTOPT insta de novo ao concello a suspender as obras de Caldagueiro, intento inútil por canto as vivendas xa están ocupadas a pesar de non contar co preceptivo permiso de primeira ocupación.
Tamén as intencións do goberno local de derrubar o mercado municipal para poder construir un novo vense desautorizadas por Patrimonio. Esta iniciativa do concello agochaba, segundo expoñíamos en FUSQUENLLA, a privatización deste recinto.
Por mor das denuncias do noso colectivo, ten lugar unha visita de inspectores da CPTOPT para elaborar un informe sobre a situación das obras cuestionadas.

Se no mes de marzo denunciabamos ante a CPTOPT a situación das vivendas en zona de protección costeira, en setembro esta consellaría decide poñer en mans do xulgado do contencioso estas licenzas a fin de conseguir a súa nulidade. De dúas delas xa se coñece o veredito en contra.
Como consecuencia da defectuosa rede de saneamento, provócase a contaminación dos bancos marisqueiros da ría. Unha reflexión inevitábel: se as infraestruturas actuais son obsoletas, como se vai poder adaptar o servizo ás novas urbanizacións que o PXOM contempla?

A petición de FUSQUENLLA ten lugar en outubro unha reunión coas asociacións de veciños do concello de Pontedeume. O fin é acadar unha posición común crítica co PXOM, baseada na permisividade deste ordenamento para recalificar solo rústico como zonas residenciais, a costa de reducir as áreas de expansión natural dos núcleos rurais, impendíndolles aos veciños a urbanización das parcelas máis próximas aos núcleos. Coincidimos estas entidades na defensa do carácter tradicional dos núcleos fronte ó modelo de urbanismo que representan as promotoras: estandarizado, uniformador, despersonalizador, agresivo paisaxísticamente, escasamente integrado arquitectónicamente e alleo ás formas locais de urbanismo
Facemos pública a nosa oposición ao proxecto de novo paseo marítimo dende Sopazos ata a Macuca por entender que é unha agesión a unha zona costeira que posúe a cualificación de protexida por Patrimonio. Neste enclave existe un xacimento dunha antiga vila romana que, ademais,  pode poñerse en perigo por un proxecto de dragado da ría.

En novembro novamente a CPTOPT, a petición de FUSQUENLLA, expedienta a obra de Caldagueiro, esta vez a chamada segunda fase, e insta ao concello de Pontedeume a revisar a licenza concedida e  paralizar as obras.
Tamén o Valdor do Pobo exixe ao alcalde a documentación precisa para poder dilucidar a queixa presentada por FUSQUENLLA. O silencio de Belarmino é patente unha vez máis.
Greenpeace anuncia que en Pontedeume o novo PXOM permite triplicar o chan edificábel, e o xornal El País publica que entre 2006 e 2010 hai un proxecto de construción de 9000 vivendas no noso concello.
O alcalde Belarmino Freire decide por fin decretar a paralización da obra sita en Av. Dr. Villanueva (antiga casa de D. Pablo). Unha decisión na liña seguida por este rexedor: tarde e no máis completo oscurantismo. Os concelleiros enteiráronse polo xornal La Opinión.

As asociacións de veciños, xunto con FUSQUENLLA, envían en decembro un escrito ao alcalde no que se recollen as críticas que enumeramos anteriormente.
Tamén facemos fincapé na necesidade de rehabilitar  e protexer o casco histórico de Pontedeume, dada a grande cantidade  de vivendas en estado ruinoso ou de abandono. Exiximos que o concello e a consellaría de cultura tomen as medidas necesarias para evitar un deterioro premeditado que certos propietarios desexan con ánimo especulativo.

Un ano moi dinámico e esclarecedor. Dinámico pola cantidade inxente de atropelos urbanísticos; esclarecedor por nos permitir tomar conciencia do enorme problema que se abate sobre Pontedeume.
Pero esta concienciación debe obrigarnos a todos a traballar na procura dunha solución. Porque só nós, os cidadáns de Pontedeume, debemos decidir o futuro que queremos.

O casco histórico de Pontedeume (29-12-06)

O cancro do urbanismo esténdese ao patrimonio e ameaza convertir os cascos históricos en modernas urbanizacións sen identidade propia. O feito de que sexan as empresas inmobiliarias as que deseñen as políticas urbanísticas leva aparellado o abandono dos cascos históricos. Cando as empresas privadas toman decisións non se rexen por un afán altruísta senón pola procura dun beneficio económico que non o van obter na rehabilitación de vellas vivendas declaradas bens de interese cultural. Só deste xeito podemos entender o total abandono do núcleo urbano de Pontedeume, un núcleo que define e caracteriza a toda unha vila sobre a que pesa unha interesante historia que algúns prefiren ignorar. 

Actualmente máis de 60 casas están en estado ruinoso, outras tantas precisan dunha urxente rehabilitación e a metade do total debería someterse a algún tipo de recuperación. Un panorama desolador que ao cabo de poucos anos pode trastocar a imaxe tradicional de Pontedeume. Por estas razóns, faise precisa unha acción destinada a protexer con celeridade o casco histórico de Pontedeume. 

O primeiro que se debe abordar é unha intervención por parte do concello que free o proceso de deterioro. A lei obriga aos propietarios a protexer as súas propiedades, pero en moitos casos non se fai e se opta por deixar caer un vello edificio para conseguir un solar no que edificar con maior volume. Ante isto só cabe unha actitude decidida da administración que debe velar polo cumprimento da lei. Patrimonio ten o deber de intervir ante os casos claros de abandono e o Concello debe ditar a suspensión das correspondentes licenzas de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas.

Outra das alternativas que se deben estudar é a posíbel expropiación daqueles edificios máis emblemáticos cuxa desaparición suporía un atentado contra o patrimonio do pobo de Pontedeume. A casa de Raxoi xunto co edificio que configuran a Praza do Pan son dous exemplos; a casa situada a carón da Casa da Cultura é unparadigma da pretensión dos promotores de obter un beneficio por riba do interese público ou social. 

O Plan Especial de Protección del Casco Histórico é unha ferramenta indispensábel para salvagardar o futuro de Pontedeume, impedindo un deterioro que abocaría á desaparición desta localidade como como conxunto histórico artísitco. Este obxectivo, xunto coas medidas preventivas antes sinaladas, debe ser unha prioridade que non admite ningunha demora.

A vila pantasma (28-12-06)

As vivendas abandonadas de Pontedeume (máis de 600, a maioría pertencentes ó núcleo histórico), sumadas ás segundas residencias (aproximadamente 700, deshabitadas gran parte do ano), representan cerca dun 30% do total das vivendas do concello (algo máis de 4000). As cifras debúxanos unha realidade pavorosa. Resulta evidente para todos que a especulación xenera distorsións en aquelo que se ven chamando o “mercado inmobiliario” (porque de mercaderes e usureiros se trata). A ampla demanda de vivenda é aproveitada polas empresas constructoras para inducir a alza artificial e desmesurada duns prezos accesibeis só para uns poucos. E os beneficios que reporta a actividade tamén van  parar a unha minoría. En lugar da riqueza social  que moitos políticos pregonan xenéranse uns custos sociais e mediambientais de consecuencias catastróficas a medio prazo: perda dos sinais de identidade territorial –fomentada polo turismo masivo-, emprego precario e temporal –vinculado exclusivamente ás actividades de ocio e concentrado nunhas épocas determinas do ano-, consumo elevadísimo de recursos naturais –auga, solo-, marcha forzosa de parte da población local, polos elevados prezos que vai adquirindo a vivenda, a escasez de traballo en sectores non turísticos e a ausencia de perspectivas vitais e culturais. Será certera a visión profética de Don Manuel que ante a crise dos nosos sectores económicos tradicionais non imaxina mellor horizonte para Galicia que un desenvolvemento turístico salvaxe coma o de Miño ou Sanxenxo? 

Basta xa! Queremos auga (26-12-06)

Hoxe no hai auga corrente para lavarse, cociñar e producir. En Pontedeume estamos a sufrir un verdadeiro calvario cos continuos cortes no suministro do preciado elemento. Rara é a semana na que non se produce unha avaría no sistema de condución que deixa a numerosos veciños sen o que é o máis básico na vida diaria. Sen esquecer aos hosteleiros e demais empresarios autónomos que deixan de percibir uns ingresos que forman parte do seu medio de vida. A causa: as tubaxes que datan de 1963 e ficaron obsoletas. 

A situación desborda o límite da paciencia desta veciñanza. Non se pode tolerar a contínua falta de auga nunha localidade galega como é Pontedeume, onde o líquido elemento existe mais non os medios para aproveitalo. Non é un problema novo e polo tanto non se pode argumentar imprevisión ou achacalo aos accidentes, como se estes fosen inevitabeis. Levamos anos exixindo un servizo acorde coas necesidades actuales, e o que se nos dá é miseria, suciedade e escaseza. 

Os cidadáns deberiamos levar as nosas protestas ao concello e os comerciantes exixir unhas indemnizacións polas perdas orixinadas. O goberno local debe responder por todas estas molestias ocasionadas que se repiten ata a saciedade, facéndonos imaxinar como sería a vida na antiga vila medieval. 

Reiteramos de novo unha advertencia: o problema que se plantexará coa construción de novas urbanizacións ao longo de todo o concello. Pretenden vender urbanizacións sen auga nen servizos básicos como alcantarillado, depuración, viais, etc. Peor, empeorando o escaso servizo existente.

La Opinión salienta que en Pontedeume hai un exceso de vivendas desocupadas (24-12-06)

Máis de 600 vivendas en Pontedeume están baldeiras, o que siginifica un 15% das existentes, e máis de 700 son segunda residencia. Unha proba irrefutábel de que no noso concello non se precisa nova construción de vivendas en contradición coa previsión do PXOM. 

Pontedeume xunto co As Pontes son os concellos da comarca que teñen maior número de vivendas desocupadas. Porén, o novo plano de urbanismo non ten en conta este dato e contempla para Pontedeume o aumento do chan edificábel nun 200 % , un dos maiores de Galiza. 

As críticas que o Colectivo Fusquenlla fixo sobre este plano ían no sentido de opoñerse á creación de zonas residenciais que permitirían aos axentes urbanizadores levantar urbanizacións que non atenderían ás necesidaes reais da poboación, unha poboación que nos derradeiros anos ten un crecemento negativo. As auténticas necesidades pasan por asentar os núcleos  xa existentes nas comarcas e pola rehabilitación das numerosas vivendas en período de derrubamento que hai no casco histórico.

Máis información en La opinión

A Xunta advirte ao concello de Betanzos do exceso de zonas residenciais no PXOM (24-12-06)

Como se dunha clonación se tratase, en Betanzos, a semellanza de Pontedeume, queren aprobar un PXOM que prevé a creación de chan urbanizábel nunha proporción por riba das súas necesidades. A CPTOPT advirte a concello que debe modificar este e outros aspectos do plano para poder aprobalo.

Tamén adoece de non respectar zonas de alto valor paisaxístico e de non ter en conta o impacto ambiental que suporán as actuacións do plano de urbanismo. Por último, pon en dúbida a clasificación como urbanas de oito zonas que a xuizo da Consellaría de Politica Territorial non o son.

Fusquenlla enviou no seu día á CPTOPT un informe no que advertía das consecuencias que o novo PXOM de Pontedeume conlevaría de ser aprobado. Entre outras, o exceso de zonas residenciais e a previsión dun crecemento desmesurado de poboación que non se correspondía coa realidade. Agardemos que a Xunta teña a mesma consideración co noso concello que co de Betanzos. Asemade poñiase especial atención en preservar o entorno paisaxístico de Pontedeume, en especoial, a costa, Breamo, Nogueirosa e Ombre,lugares nos que están previstas varias urbanizacións.

Máis información en La Opinión

Pontedeume, cidade lenta (22-12-06)

En 1999 xurdiu na Toscana un movemento municipal que manifestaba a súa oposición ao ritmo acelerado da vida moderna e propugnaba políticas de desenvolvemento urbanístico sostibeis baseadas no transporte público, a estensión das áreas peonís, a defensa do pequeño comercio tradicional, a agricultura biolóxica e as tradicións locais. Fronte a uniformización do proceso globalizador, enfatiza a riqueza da diferencia e da multiculturalidade. O movimiento Cittáslow aposta por un novo humanismo, rescata-lo modelo dos pequenos centros urbanos como eixo da vida civil e defende o concepto de cidade como ágora, lugar para a conversa, a política, en resumo, a vida cidadá. Amósase partidario de limitar o crecemento urbanístico masivo e aposta polas pequenas vilas como o modelo ideal do vivir e o sentir cidadán. Actualmente integran a rede de Cittaslow (cidade lenta) unhas 60 vilas de todo o mundo, catro delas españolas. O Manifesto que transcribimos a continuación reflicte á perfección a filosofía que inspirou desde o seu nacemento ao colectivo Fusquenlla.

Manifesto das Cittaslow por un novo humanismo do ser e do vivir.

Vivir nunha cidade lenta, pero tamén administrala, é un modo de ser, un rasgo distintivo de conduci-la vida cotidiana dunha determinada maneira respecto a outra ata agora maioritaria, unha maneira ralentizada, certo, menos frenética, productivista e rápida, pero sen dúbida máis humanizante e ecolóxicamente correcta, máis solidaria coas presentes e futuras xeracións, respectuosa co local nun mundo sempre máis global e interconectado. 

Vivir nunha cidade lenta, pero tamén administrala, significa deixar circular libremente en proveito de todos, incluidos os habitantes das metrópolis, a gran bagaxe de experiencias, valores, coñecementos, artes, ciencias, presentes nos pequenos centros, nas terras antes marxinais, nas provincias e periferias do mundo que agora se convirten en centro. Significa
contamina-los barrios das grandes cidades coa calidade de vida, co mundo de relacións e coa praxe da xestión social e económica sostible propia do campo, das montañas, das pequenas illas.

Vivir nunca cidade lenta, pero tamén administrala, significa vivir o tempo presente do mellor modo posible, tendo a mirada constantemente dirixida cara ó futuro, utilizando as grandes oportunidades tecnolóxicas e culturais do nosos tempo sen esquecer nunca o patrimonio de experiencia que nos chega da historia e da cultura material dos pobos.

Se slow food ensinou a defensa das produccións agroalimentarias autóctonas, xunto á revalorización dos modos tradicionais de cociña e dos sabores locais, de aquí pártese para descubrir nas cidades lentas un mundo de excelencias en diversos campos xa hoxe posíbel e experimentado. É un modelo para coñecer e asimilar que atinxe no so á comida, á cultura e ao social, senon tamén ao urbanismo, ao medioambiente, á enerxía, aos transportes, ao turismo, ao mundo agrícola, á formación dos xoves, ás mesmas razóns de constituirse dunha comunidade.

Vivir nunca cidade lenta, pero tamén administrala, significa deixar de lado o moderno concepto do bo vivir e da calidade de vida como tarefa prioritaria e
difundida en favor dos residentes. Pero significa tamén resolver con ganancia a falsa contradicción entre a apertura hospitalaria cara ao mundo e o orgullo do pertenza a un pobo e ás especificidades locais.

Quere decir tamén ter cidadáns conscientes e informados, preparados para acoller ao moderno viaxeiro segundo os cánones da hospitalidade máis auténtica.

Vivir nunca cidade lenta, pero tamén administrala, significa recoñecer o complexo das fontes materiais e inmateriais do lugar, desde o ambiente á paisaxe natural e urbana, desde os bens históricos e artísticos á cultura; tamén no eido gastronómico para reforzar ou quizáis reconstruir unha identidade cidadá que os cambios dos últimos decenios comprometeron algunhas veces.

Vivir nunca cidade lenta, pero tamén administrala, quere decir apuntar á lentitude como valor, dar un sentido completo e concreción á revolución temporal de quen, por historia, cultura e ambiente, resistiu e resiste á aceleración do século XXI, armonizar os tempos históricos cos tempos modernos, as razóns da naturaza cos da cultura e as da ecoloxía. 

Vivir nunca cidade lenta, pero tamén administrala, significa, en síntese, darse tempo para construir calidade en tódolos sectores do vivir civil, ralentiza-los ritmos e combatir os paroximos para descubrir outra vez e sempre os sabores, as cores, os perfumes da cidade e do mundo.

Máis información

Onde están os argumentos do BNG? (II) (18-12-06)

O BNG acusa a Fusquenlla non só de desinformar, senón tamén de faltar á verdade e de confundir á opinión pública. E para defender o indefendíbel, unha política urbanística que coloca nas mans dos promotores iniciativas que deberían corresponder únicamente ós poderes públicos, emprega a desafortunada expresión de “urbanizacións de baixa intensidade” –expresión ésta que ten un curioso correlativo na linguaxe bélica- para denominar a futura construción en Pontedeume de varias urbanizacións destinadas non a satisfacer a demanda social de vivenda, senón a enriquecer a unha minoría que pervirte o uso social do solo, busca o enriquecemento rápido a costa dun traballo mal pagado e inseguro e degrada a democracia a través das coñecidas prácticas da corrupción e do tráfico de influencias. O termo “urbanización de baixa intensidade” esconde
tamén a inación dun Concello que contempla impasíbel a demolición programada do seu casco histórico. A existencia dun número tan elevado de vivendas desocupadas (600 segundo os datos máis fiabeis) desminte a aqueles que negan o carácter especulativo das novas urbanizacións e que consideran inevitábel a forza do progreso, que non é máis que o poder do capital e dos intereses privados máis espúreos.

Discrepamos radicalmente co modelo urbanístico que este Concello está a desenvolver e negámonos a aceptar a afirmación de que “Fusquenlla e as
asociacións de veciños intentan confundir á opinión pública”, precisamente porque éstas últimas representan á opinión pública, opinión que non é, malia que lle pese ao BNG, un ente calado, pasivo e complacente.

Decía Kafka que a autoridade ten por principio que non se conte nin coa posibilidade dunha falla, e os argumentos do BNG confirman a aseveración, porque no hai neles nin rastro da necesaria autocrítica, da inevitábel rectificación, so a descripción dun “futuro urbanístico esperanzador”, imaxe que nos lembra aquelas equívocas promesas con que quixeron calar á opinión pública tralo desastre do Prestige para afogar a auténtica realidade dunha marea negra que nos estaba asolagando. Pero agora, xa aprendidos, impediremos esta outra marea vermella.

Onde están os argumentos do BNG? (I) (17-12-06)

A peor das ilusións consiste en pensar que non existe máis que unha realidade, a propia. Ese parece ser o grande problema do BNG eumés, que imbuido dun estraño mesianismo non atura que tanto as asociacións de veciños do concello de Pontedeume como o colectivo Fusquenlla puxeran en entredito o novo PXOM. Como se sabe, estas entidades cidadás asinaron un escrito no que denunciaban a proliferación de zonas residenciais en detrimento da protección e ampliación dos núcleos xa existentes, favorecendo así aos axentes urbanizadores, únicos que poden construir neste tipo de solo urbanizábel.

No xornal La Opinión de hoxe, o BNG nega esta lectura do PXOM e desminte que se favoreza aos promotores. Segundo este grupo político, xestor da concellaría de urbanismo, o novo chan urbanizábel só é de "baixa intensidade". O que non dí é cal é a característica deste chan e súa extensión.Imos explicar aquí estas dúas cuestións. 

O solo urbanizábel que se vai legalizar corespóndese coas chamadas zonas residenciais. Por se alguén aínda non o sabe, nestas zonas só os promotores, a través dos denominados axentes urbanizadores, poderán construir. É dicir, os seus propietarios non terán opción a levantar as súas vivendas se non forman parte dun destes entramados inmobiliarios. Quédalles a posibilidadae de vender ou ser expropiados. Se isto non é favorecer aos promotores, como se pode chamar? Nós, ao igual que Unión Europea, custionamos a existencia deste tipo de terreo urbanizábel porque  atenta contra un dereito constitucional como é o da propiedade.

En canto á superficie adicada a estas zonas residenciais, abondaría con dar cifras xa publicadas nesta páxina e facilmente constrastabeis. Segundo un informe de GREENPEACE, en Pontedeume prevese aumentar o chan edificábel en máis dun 200 %, o que colocaría a este concello entre os nove primeiros de Galiza en canto a incremento da edificabilidade. Isto supón triplicar a edificabilidade do concello. Corroborando isto, o xornal EL PAÍS publicaba o 24 de novembro que en Pontedeume hai proxectadas máis de 9000 vivendas nos próximos catro anos. Se temos en conta que actualmente hai máis de 600 vivendas baleiras (datos do INE) non comprendemos a quen beneficia este aumento da edificabilidade se non é ás empresas inmobiliarias que venden pisos para propiciar os investimentos especulativos. 

Como demostración da existencia destas bolsas de zonas urbanizabeis citemos a de Nogueirosa, onde Fadesa pretende construir 250 vivendas, Ombre, con terreos mercados por Torreiglesias, Boebre, Campolongo e, como non, o caso máis sangrante: a ladeira do monte Breamo, na que se pretende construir unha estrada que favoreza a urbanización deste valiosísimo patrimonio de Pontedeume que é o monte Breamo.

Por último, matizar que o epíteto de "crítica destrutiva" que nos atribúe o BNG é, en certo sentido, correcto. Facemos crítica e a historia corrobora as nosas condenas. Todo canto criticamos, Caldagueiro, casa de D.Pablo, vivendas en Nogueirosa, edificio da Estación, ten sobre si o estigma da ilegalidade en forma de decretos de paralización. Tamén aceptamos o calificativo de destructiva se por iso entendemos o desexo de ver algún día destruidas ou demolidas esas obras.

O TSXG ordea demoler o Elpidio en Cabanas (16-12-06)

Por fin a xustiza ten a última palabra. A este bloque de vivendas non lle queda máis fin que o derrubamento despois de dez anos de litixios. O desencadenante das denuncias contra esta obra foi a solución que llederon os promotores ao desnivel existente entre dúas vías nas que se encontra Elpidio. A propósito disto, un afectado, Honorio Ferreiros, responde así a este aproveitamento do espazo:"El terreno presenta un desnivel y en lugar de tomar una sola cota, la de la carretera, tomaron la de la parte posterior del edificio, más alta. Levantaron cinco plantas más bajocubierta, que tampoco se podía aprovechar para viviendas".

Non se atopan similitudes coas obras de Caldagueiro e da antiga casa de D. Pablo? Non desbotamos a idea que dentro doutros dez anos teñan o mesmo destino que o Elpidio.

Ler en La Opinión

O vello casco histórico (15-12-06)

A situación do casco histórico de Pontedeume é de abandono total, con graves deterioros que fan perigar a súa existencia. Máis da metade das casas precisan dalgún tipo de actuación que impida aumentar a lista de edificios ruinosos. 

No mes de outubro denunciabamos dende estas páxinas que o concello de Pontedeume se quedara sen a declaración de Área de Rehabilitación por neglixencia dos que tiñan o deber de tramitar ante a Xunta esa petición. Como se sabe, a condición de Área de Rehabilitación supón unha serie de vantaxes que permiten conservar os cascos históricos como o noso a través de axudas para os propietarios, así como a obriga de preservar en bo estado as casas do núcleo. No ano 2005, Mugardos e Pontedeume solicitaron esta cualificación para os seus cascos históricos. Mugardos xa dispón deste tipo de axudas; Pontedeume volveu ao punto inicial do proceso, pois necesita para a súa formalización un Plano de Especial de Protección do Casco Histórico que non foi elaborado cando Mugardos. Agora o concelleiro Manuel Rei anuncia que dentro de dous anos teremos ese proxecto. Un período de tempo demasiado longo dado o estado ruinoso do vello casco histórico. (Permítasenos un inciso: é Manuel Rei o novo concelleiro de urbanismo? Onde está o anterior?)

A realidade é moi teimuda e empéñase en demostrarnos que só os cartos son os que moven a política municipal. Preocupado o concello como está en conceder licenzas de obras que, amais de aumentar escandalosamente os beneficios dos promotores, estragan a nosa paisaxe, non resulta difícil entender a despreocupación que amosan ante o deterioro do núcleo urbano. E sendo un pouco ousados, deberiamos dicir que non só non lles preocupa senón que moi ben poden estar propiciando o estado ruinoso dos edificios para así conseguir que certos promotores, con nome e apelidos, poidan erguer "modernos" edificios que tripliquen o volume edificado.

Máis información en  La Opinión

Unha comisión cidadá de apoio a Pilar Castro pide celeridade no proceso contra os presuntos estafadores (13-12-06)


Reproducimos aquí o escrito desta comisión:

A raíz das condenas de tres persoas polo xulgado de Betanzos en relación a unha manifestación en solidariedade con Pilar Castro, a comision cidadá que se formou para apoiar a esta veciña de Pontedeume, desexa chamar a atención sobre o que segue:

Consideramos que Pilar Castro foi vítima dunha estafa por parte duns compradores desaprensivos que se aproveitaron da incapacidade psíquica desta muller, incapacidade que tiña a súa causa nunha dependencia que padecía e que lle mermaban a súa vontade e capacidades.

Esta veciña de Pontedeume perdeu a súa vivenda nunha operación na que  foi enganada e á que se lle fixo ver que estaba vendendo parte da súa casa cando en realidade asinou un escrito polo que vendía toda a propiedade. O pago realizado polos compradores foi de 5.252.210 pesetas das cales só Pilar Castro recibíu en metálico a cantidade de 600.000 pts e o resto foi ingresado polos compradores para amortizar as débedas  que Pilar contraera cunha entidade bancaria e coa Seguridade Social. Hai que ter en conta que o valor real da casa de Pilar está moi por riba da cantidade pagada, por tratarse dunha casa céntrica de baixo e tres plantas. Aínda aceptando como certo a declaración dos compradores segundo a cal foille pagada a Pilar a cantidade de 12.600.000 pts, esta cifra é ridícula se temos en conta que unah veciña da propietaria ofrecéulle mercar o baixo por 12 millóns de pesestas uns meses antes de que sucedese a estafa.

A situación pola que pasa actualmente Pilar Castro é notoriamente dunha gran precariedade, padecendo unha grave enfermidade e privada dos máis elementais recursos económicos para subsistir. Grazas á unha pensión contributiva de pouco máis de 300 euros foille posíbel saír adiante non sen graves problemas familiares e económicos.

Queremos denunciar a inxustificábel demora coa que o xulgado está a resolver a acusación que se tramitou contra o comprador, José Manuel González Casas, e contra Jesús Manuel Graña García, axente inmobiliario que fixo de intermediario. Despois de seis anos desde que se producíu o desafiuzamento de Pilar, a instrución do caso está paralizada sen causa algunha que o xustifique. Nun escrito do Fiscal Xefe da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, faise constar que esta fiscalía solicitou a práctica dunha serie de dilixencias, algunha das cales non foi posíbel realizar como por exemplo tomar declaración a un imputado por descoñecer o seu domicilio, e a emisión dun informe pericial sobre o valor no mercado do inmóbel en cuestión. O fiscal xefe pide ao xuiz titular que se faga o posíble para axilizar a instrución da causa e para requerir ás Forzas de Seguridade do Estado a localización do suposto autor da estafa. Sobre este punto, a localización do Sr. González Casas, non parece necesario tan grande esforzo por ser público e notorio a situación do seu despacho profesional.

Contrasta esta demora co xuízo e fallo contra os participantes nun acto de solidariedade con Pilar que se celebrou cando o desafiuzamento desta. Naquela ocasión un grupo de veciños quixo manifestar a súa repulsa polo que entendían unha inxustiza ao proceder ao desafiuzamento dunha muller que a todas luces fora enganada e desposuída dos seus bens. Un acto espontáneo e cívico que foi interpretado pola xustiza como  unha alteración da orde pública e que levou á condena a tres persoas: Gloria Mantecón, coordenadora do Servizos Sociais do concello de Pontedeume, e os concelleiros Manuel Rei e Emilio Salorio.

Dada a situación de deterioro físico que padece Pilar Castro, consideramos urxente que as dilixencias que debe levar a cabo o xulgado se realicen da forma máis rápida posíbel e se investiguen profusamente e con celeridade todas os aspectos que axuden a esclarecer a verdadeira historia que se agocha detrás desta fraudulenta venda.
Ler en La Opinión

Despois dos promotores, os madereiros (11-12-06)

Os empresarios da madeira, entre os que se atopan Finsa e Ence, piden deseñar a Lei de Montes para duplicar a masa forestal de piñeiros e eucaliptos. As intencións dos madereiros suporían pasar de 7 millóns de metros cúbicos anuais a 14 millóns. Consideran que reforestar con carballos non é económico a curto prazo e por iso se decantan por especies de rápido crecemento. Por iso, cando se intúe que por fin a Xunta de Galiza desenvolva a nova Lei de Montes, a industria madereira quere levar a voz cantante e pide figurar cunha representación de primeira categoría no articulado desta lei. O director xeral de montes, Alberte Blanco (BNG), asegura que atenderá a este lobby madereiro xa que "a lei de montes é do sector e vai ser debatida co sector"

Novamente os grupos de presión teñen a capacidade de incidir en actuacións das Administracións Públicas á marxe dos intereses da comunidade. Se denunciabamos que as empresas do sector inmobiliario lograron impoñer os seus intereses sobre os dos concellos, agora hai que sumar este novo sector que pretende convertir Galiza nun eucaliptal coa complacencia do goberno autonómico. Entre cemento e eucalipto só queda a resignación? 

Máis información en El País

Unha nova páxina dende Ortigueira (11-12-06)

Dende Ortigueira claman contra o urbanismo que asola a nosa paisaxe. Son innumerabeis as iniciativas en contra da especulación e corrupción, un síntoma do malestar social xerado.

Miserabeis urbanistas (09-12-06)

Soledad Gallego-Díaz. El País.

Reproducimos aquí, con permiso da autora, un artigo de opinión sobre o urbanismo ameazante que destrúe o noso territorio. De obrigada lectura.

¿Estamos ante una corrupción urbanística xeralizada? Seguramente, dende un punto de vista penal, non. Hai moito concellos nos que a recalificación de terreos non se fai buscando obter fondos para a financiación extra, e ilegal, dos partidos políticos, nin para proveito persoal do alcalde, dos concelleiros e de todo tipo de senvergonzas engadidos. Pero unha couse é ficar convencido diso e outra, crer que en Maiorca e en Baleares non hai más casos de corrupción urbanística penalmente sancionábel que os que xa se teñen detectado, como pareceu anunciar o pasado mércores o fiscal xeral do Estado, Cándido Conde-Pumpido. Ou ben o fiscal xeral padece un problema de facundia ou sofre unha repentina necesidade de congraciarse con todo o mundo, de cara ás festas navideñas. Calquera cousa é posíbel, menos agardar a que os cidadáns crean que a Fiscalía Anticorrupción xa o investigaran todo, en Baleares como noutros lugares de España.

Pase o que pase con eses graves casos de corrupción urbanística, é posíbel que o máis importante que ocorra hoxe en día en España non sexa tanto ese tipo de delitos concretos como a extensión de algo que non é un crime pero que ten, mesmo, consecuencias mási desastrosas para o conxunto da cidadanía: a notábel indecencia intelectual que padece dende vai xa bastantes anos o urbanismo e a arquitectura neste país, co resultado dun territorio cada vez máis destrozado e irrecuperábel.

O incomprensíbel é que prosperara case sen oposición a feroz idea dos expertos ultraliberais, acollidos no seo do PP, segundo os cales todo o territorio deste país é edificábel, salvo pequenas parcelas perfectamente definidas que deben ser protexidas, ben sexa polo seu valor paisaxístico extraordinario ou por outras circunstancias igualmente particulares e determinadas. O resto, dicían, é un soar potencial. Así se abarataría o solo e baixaría o precio da vivenda.

O resultado está a simple vista dos cidadáns: o solo e a vivenda son máis caros que nunca e, ao mesmo tempo, sen beneficio algún a cambio, o territorio está cada vez máis destruído e arrasado. O resultado é Seseña, un páramo de Toledo onde se erguen miles de vivendas e donde, obviamente, non había ningún deses escasos bens legais aos que, segundo os ultraliberais, cabe protexer. Dende logo, non a paisaxe, un secarral de tomo e lombo.

Tampouco primorosos cultivos agrícolas, posto que aquéles foron uns aburridos campos de orxo. É posíbel que en Seseña, como noutras tantas catástrofes urbanísticas que padece España dende hai algúns anos, non haxa corrupción nin delito. O que si hai é desvergonza. Un urbanismo desvergonzado que constrúe onde non hai nin auga nin equipamentos nin, sobre todo, necesidade algunha. O mesmo urbanismo descarado e insolente que cre que todo o que se pode facer, se debe facer. O que quere arrasar parte do Guadarrama ou a ladeira dos montes de Cee na Costa da Morte, o que xa arrasou Los Cristianos, en Tenerife, ou a costa valenciana.

O resultado desa indecente idea é o deterioro dun ben irrecuperábel e insustituíbel que era propiedade de todos nós. ¿Que pasou cos alcaldes, urbanistas e arquitectos que nos anos oitenta advertían contra esa loucura? ¿Que foi daqueles alcaldes e daqueles especialistas que loitaban por un urbanismo comprometido coa cidadanía, cunha forma de ser da cidade e do paisaxe? ¿Con aqueles concelleiros e conselleiros de urbanismo que crían no patrimonio común e en que non era o mesmo deixar que a cidade crecera por un lado que por outro, dun xeito que doutro? A gran maioría estaba na esquerda e, lamentábelmente, foi a esquerda a que prescindiu deles. Todos se contaminaron desa estoutra visión burocrática, rutinaria e miserábel do urbanismo que agora sufrimos os cidadáns e que ninguén, nin tan sequera aqueles urbanistas e arquitectos que noutros momentos ergueron a voz, semella hoxe querer, nin saber, combatir.

Manifesto en defensa dos espazos públicos (04-12-06)

Todas as cidades son, desde a antigüidade, en primeiro lugar, os seus espazos públicos. Espazos de encontro, espazos solidarios aos que toda a cidadanía temos dereito; espazos democráticos que nos igualan, novos e vellos, ricos e pobres, homes e mulleres. Son os espazos públicos o cerne da vida urbana, onde se suceden as festas, as manifestacións políticas, o comercio, o xogo, o deporte, o paseo e o lecer… onde se expresa a nosa identidade colectiva, onde se materializa todo o que fomos no pasado, o que somos e o que queremos ser. Seguir lendo

As Asociacións de Veciños de Pontedeume e o colectivo Fusquenlla critican o novo PXOM (02-12-06)

Este é o documento que todas as asociacións veciñais de Pontedeume, xunto co colectivo Fusquenlla, presentaron perante a alcaldía. Nel critican que o PXOM deixe a porta aberta á creación de zonas residenciais en detrimento dos núcleos urbanos xa existentes.

O colectivo Fusquenlla xunto coas asociacións de veciños que abaixo asinan queren expoñer neste comunicado a súa preocupación e desacordo coa política urbanística que este concello tenta desenvolver e que, ao noso entender, favorece descaradamente ás grandes constructoras , ás cales se lles permite facer enormes e innecesarias urbanizacións en detrimento dun crecemento racional, e dos intereses dos propios veciños de Pontedeume. Isto é,  favorécese a creación artificial de áreas residenciais, coa axuda da inxusta figura do axente urbanizador ( que permite a expropiación para fins privados), deixando de lado  a consolidación das mallas urbanas, douscentos metros arredor de cada núcleo de poboamento, que sería o preciso para atender o crecemento natural e sostíbel dunha vila que non só non creceu senón que perdeu poboación. Cremos que esta política errada está favorecendo á especulación e non ao progreso; o progreso dunha vila como a nosa, cunha paisaxe privilexiada, pasa por conservar ésta, para o noso disfrute e para os que veñan e queiran tamén disfrutalo. Non podemos deixar o ordeamento do territorio en mans de quen só quere beneficiarse, sin importarlles o deterioro irreversible do noso Medio Ambiente e , o que é máis preocupante, coa connivencia das nosas institucións, ás que se lles supón a procura do ben común. Porque non se trata só de estragar a paisaxe, senón todos os problemas estructurais derivados destas macrourbanizacións ¿ Cómo vai soportar unha vila un crecemento desmesurado de habitantes nos meses de verán cando xa agora hai problemas de tráfico , de auga ou de verquidos? ¿ou é que agora os veraneantes van ter enseguida cubertas as súas necesidades cando algúns viciños nin sequera teñen  algo tan básico como o alcantarillado, a traída de augas, ou unha eficaz recollida de lixo?

Cremos que isto non só non é progreso senón todo o contrario, é dicir, unha perda de calidade de vida. Teremos unha vila con todos os inconvenientes da cidade e sin as vantaxes de vivir no entorno do campo e da costa, xa que non poderemos disfrutar nin dun nin doutra.

Ä espera da resolución da Xunta sobre o novo plan de urbanismo,  e cuxo avance nos reulta desesperanzador polo dito anteriormente, e porque a compra que se está a facer de terreos indica claramente que as promotoras teñen o vento a favor e o tempo apremia, declaramos unha vez máis, o noso rexeitamento ó novo plano que permite a creación de zonas residenciais e non atende aos núcleos xa asentados.

Asinan: Asociación de veciños de Vilar-Campolongo
            Asociación de veciños de Nogueirosa
            Asociación de veciños de Ombre
            Asociación de veciños de Andrade
            Asociación de veciños de Centroña
            Asociación de veciños de Boebre
            Colectivo Fusquenlla

Máis información en La Opinión

Leccións para un alcalde mal instruído (01-12-06)

Hoxe publica La Opinión a descarada resposta que o alcalde Belarmino Freire lanzou nun pleno municipal para xustificar que as obras sigan a pesar das ordes de paralización que existen contra o edificio de Caldagueiro e a chamada Casa de D. Pablo. Segundo o rexedor e o concelleiro de urbanismo, Tino Regueiro, as obras teñen por obxecto a reposición da legalidade. O que non aclara e por que esas obras, en lugar de correxir o ilegal, se centran en rematar o xa construido. Pero como posiblemente este alcalde descoñeza o significado das súas propias palabras, remitirémonos ao Regulamento de Disciplina Urbanística, que ainda que non o entenda, terá técnicos ou secretarios que llo traduzan a unha linguaxe intelixíbel.

Di este regulamento, de uso obrigatorio para o alcalde e promotores, que "instruido o expediente de reposición da legalidae e logo de audiencia do interesado, de conformidade co disposto na lei 30/1992, do 26 de novembro, adoptarase un dos seguintes acordos:

a) Se os actos de edificación e uso do solo non fosen legalizabeis pola súa incompatibilidade co ordenamento urbanístico, o alcalde decretará, en caso de obras, a súa demolición á custa do interesado

b) No suposto que as obras ou usos fosen legalizabeis pola súa compatibilidade co ordenamento urbanístico, requerirase ao interesado para que no prazo de dous meses solicite a preceptiva licenza, manténdose a supensión das obras mentres esta non fose outorgada."

Noutro despropósito verbal o alcalde culpa aos promotores de persistir nas ilegalidades, e ameázaos con ter que render contas ante a xustiza. O que non explica é por que se lles consentíu continuar coas obras despois de decretar a súa paralización, facéndose cómplice das súas ilegalidades. Tamén esquece o Sr. Alcalde que el e o seu equipo de goberno teñen sobre as súas costas unha acusación fiscal por prevaricación ao conceder licenzas non acordes coa lexislación.