Picobello Andalucita, S.L. unha nova ameaza para as Fragas do Eume
Esta multinacional esixe agora celeridade á Xunta para poder inciar os traballos de explotación dunha mina a carón das Fragas do Eume
A Xunta de Galiza sometía a información pública en marzo de 2005 o proxecto da multinacional sudafricana Picobello Andalucita, S.L. para proceder á expropiación forzosa dos bens necesarios para levar a cabo a explotación mineira no lugar de Pico Bello. Neste un lugar a empresa atopou xacimentos de andalucita, un mineral apto para a fabricación de refractarios especiais capaces de soportar altas temperaturas. Preténdese extraer 26 millóns de toneladas de material nos próximos 50 anos.
O primeiro proxecto foi rexeitado pola Xunta por situar a explotación dentro das Fragas do Eume. Posteriormente elaborouse un novo proxecto que excluía a zona das Frgas pero só deixaba unha franxa de seguridade de 50 m. Diversos grupos ecoloxistas, entre eles Fusquenlla, presentaron alegacións contra este proxecto por entender que a zona do xacemento está constituída na súa maior parte por unha fraga de grande interese biolóxico, con algunhas especies catalogadas como vulnerables pola Directiva Habitat. A franxa de 50 metros xa especificada non é suficiente para librar ao parque de problemas relacionados coa contaminación da mina, en concreto as augas do río Maciñeira. Tamén o curso do Belelle veríase afectado pola explotación mineira.
Para denunciar o perigo desta explotación, nove colectivos ecoloxistas , xunto co Concello d’A Capela, organizamos en xullo de 2007 unha marcha polo Pico Bello.
Agora os promotores láianse, segundo a Voz de Galicia, do silencio da Xunta dende o ano 2007 no que se lles prometeu por parte da consellaría de medio ambiente que se daría vía libre ao proxecto.
A mina de andalucita suporía un atentado ao medio biolóxico e físico do monte Fontardión, corredor ecolóxico entre o Parque Natural Fragas do Eume e o Lugar de Interese Comunitario Xubia-Castro. A escasa creación de postos de traballo, medio cento segundo a empresa, non xustifica en modo algún a destrución dun entorno de gran riqueza ambiental. Pola contra, o investimento público que acompañaría esta explotación podería adicarse á preservación do medio, mantemento de sendas naturais, vixiancia e aulas da natureza.
Nova posterior publicada na Voz de Galicia:
As consellerías de PSOE e BNG cúlpanse do atraso do proxecto da mina de andalucita nas Pontes
A burocracia que necesita a redacción da declaración de impacto ambiental por parte da Consellería de Medio Ambiente (PSOE) ten paralizada a posta en marcha da mina de andalucita nas Pontes, unha iniciativa que espera a declaración favorable desde fai máis de dous anos e medio.
O documento corre a cargo de Medio Ambiente, pero para redactalo necesita que a Consellería de Industria (BNG) remítalle todos os informes que recompilou nos últimos meses de todas as consellerías afectadas polo proxecto, a explotación dun xacemento pontés próximo ás Fragas do Eume. Un deses informes solicitouse a Conservación, da Consellería de Medio Ambiente. A súa resposta, remitida a Industria o pasado 10 de outubro, explicaba que non emitirá ningunha valoración do proxecto ata que non se aprobe o Plan Reitor do Parque Natural Fragas do Eume, un documento pendente de aprobación e que regulará as actividades que se poden levar a cabo no espazo natural. Con esta resposta, Industria entende que debe esperar a que Conservación se sitúe respecto ao proxecto, «seguiremos esperando, necesitamos o seu informe», explicaban onte. Con todo, desde Conservación aseguran que a consulta que se lles realizou queda contestada co escrito remitido a Industria en outubro.


