O Concello de Pontedeume ignoraba o enderezo do Grupo Inmobiliario Lagares
Unha notificación da alcaldía non chegou aos destinatarios, permitíndolles desatender un expediente aberto e continuar coas obras
O anterior alcalde de Pontedeume, Belarmino Freire, ditou unha orde de paralización das obras que Lagares e Álvarez levantaban en Caldagueiro. Isto ocorría en marzo do 2005 e despois de que a Xunta instase por dúas veces ao Concello para paralizar as obras. Transcorreu un ano sen que os promotores obedecesen o decreto da alcaldía, razón pola cal en outubro do 2006 o Concello ditou un novo requerimento para que Lagares e Álvarez acatase o ordenamento urbanístico. Pero esta orde non chegou aos destinatarios por seren descoñecidos para o servizo de correos. Sexan cales sexan as razóns polas que o Concello errou nos datos dos destinatarios, o certo é que esta neglixencia permitíu aos construtores continuar coas obras. Agora a nova corporación municipal publicou no B.O.P. un anuncio no que se notifica a resolución do ano 2006, trámite necesario para poder continuar co recurso aberto. Nel, resolviase incoar un expediente de reposición da legalidade despois de constatar que as obras realizadas non se axustan á licenza outorgada. Tamén se acordaba dar traslado aos Servizos Técnicos Municipais para que no prazo de dez días emitan un informe para determinar se as obras realizadas son compatibeis ou non coa lexislación urbanísitica vixente a fin de concretar a eventual legalización ou demolición das mesmas. Neste oficio mandábase informar ao Rexistro da Propiedade para solicitar a práctica da anotación preventiva, o que non foi impedimento para que algúns dos propietarios poidesen rexistrar a súa vivenda. Lembremos que a obra, a pesar de non ter permiso de primeira ocupación, está habitada na súa totalidade polos inquilinos.
Durante todo este tempo o goberno local de Pontedeume estivo mirando para outro lado ante as infraccións que os promotores cometeron en Caldagueiro. En ningún momento se puxeron os medios para que a lei fose respectada, ben mediante a denuncia xudicial, ben mediante o precintado das obras. O Colectivo Fusquenlla dirixíuse hai un mes á Consellaría de Política Territorial para pedirlle a adopción de medidas que obrigasen a restituir a legalidade urbanística, unhas medidas que deberían contemplar a apertura dun contencioso administrativo contra os promotores e responsabeis das obras sinaladas. Gustarianos que este anuncio no B.O.P. fose o sinal de que a CPTOPT obriga ao Concello de Pontedeume a perseguir as infraccións urbanísticas.
Lido en La Opinión: O alcalde ordena a paralización da obra do edificio de Caldagueiro.
O Goberno local de Pontedeume decidiu retomar o expediente de infracción urbanística do edificio de Caldagueiro iniciado polo anterior Goberno local en marzo de 2005 e no que se incluía unha orde de paralización das obras que nunca se chegou a facer efectiva…[máis]



Ou sexa, Belarmino, presionado pola Xunta, que instou xa no 2004 ao concello a paralizar a obra (e foron, alomenos, dúas veces), emite a correspondenteunha orde de paralización. Pero resulta que equivocou a dirección e a orde non chegou ao seu destino.
Ou ven alguén se encheu de cartos os bolsillos ou ben alguén é rematadamente inútil. Como non temos en tal baixa estima ao ex-alcalde, haberá que pensar o primeiro. Parece que van encaixando pouco a pouco certas pezas. Quén máis participaría do pastel. É inimaxinable non contar con D. Chacho. E o exconcelleiro de urbanismo que, segundo esta mesma páxina, parece que posuía unha vivenda noutro edificio paralizado? (neste caso parece que ninguén trabucou a dirección).