O Concello exixirá a Lagares que cumpra la licenza de Caldagueiro
O alcalde asegurou que o Goberno fará todo o necesario para que a obra se adapte á legalidade, aínda que non concretou as medidas a adoptar: “Non sabemos o que faremos”, dixo.
Recollemos do xornal La Opinión:
O Concello de Pontedeume esixirá á empresa Grupo Inmobiliario Lagares SL (antes Promociones Lagares e Álvarez SL) que faga todos os cambios necesarios no edificio construído na avenida Doutor Villanueva para axustarse á licenza municipal outorgada o 23 de decembro de 2003. O Goberno local publicou o pasado sábado no Boletín da Provincia un decreto mediante o cal comunica á empresa o inicio dun expediente de reposición da legalidade e ordénalle a paralización inmediata da obra.
O decreto publicado o sábado é o mesmo que ditou o ex alcalde, Belarmino Freire, o 30 de outubro de 2006, que nunca foi comunicado á empresa. Por iso, o actual Goberno decidiu comunicalos a través do boletín oficial.
O alcalde, Gabriel Torrente Piñeiro, asegurou onte que o Goberno local fará o necesario para que a obra se adpate á legalidade. “Ten que axustarse á licenza”, afirmou. Admitiu, con todo, que non está decidido que medidas van adoptar para logralo. “Non sabemos que faremos”, recoñeceu o alcalde, e dixo que esperarán a ver que alega a empresa.
Torrente recoñeceu que esta medida demorouse bastante e xustificouno indicando que esperaron a ver se o promotor daba algún paso. “Creo que xa lle deron demasiado marxe na lexislatura pasada”, afirmou.
O alcalde admitiu tamén que esta lentitude do Concello agravou o problema e dificultará a solución final. “O Concello ten constancia de que hai xente sen licenza de primeira ocupación que está vivindo nos pisos”, admitiu.
O colectivo Fusquenlla de Pontedeume criticou onte a actitude do Goberno local, que deixou caducar o primeiro expediente de reposición da legalidade e, unha vez iniciado o novo, en outubro de 2006, non foi capaz de notificarllo ao promotor. Indicou que é incríbel que un Concello tarde case un ano en notificar a resolución. “Sexan cales sexan as razóns polas que o Concello errou nos datos dos destinatarios, o certo é que esta neglixencia permitiu aos construtores continuar as obras”, sinalou.
Fusquenlla asegurou que en todo este tempo o Goberno local estivo “mirando para outro lado”. “En ningún momento puxéronse os medios para que a lei fose respectada, ben mediante denuncia xudicial, ben mediante o precintado das obras”, destacou.
O colectivo Fusquenlla dirixiuse fai un mes á Consellería de Política para pedirlle medidas que obrigasen a restituír a legalidade, entre elas a apertura dun procedemento contencioso contra os promotores e responsables das obras. “Gustaríanos que este anuncio no BOP fose o sinal de que a Xunta obriga ao Concello de Pontedeume a perseguir as infraccións urbanísticas”, concluíu.


