Fraude e delito medioambiental
As medidas de eliminación da contaminación bacteriolóxica non funcionan na depuradora de Pontedeume
A Xunta de Galiza recoñece o estado lamentábel das rías galegas. Nos últimos catro anos os estudos microbiolóxicos demostran que a situación empeorou na meirande parte das rías. E entre elas, a de Pontedeume. En 12 das 19 rías non se cumpre a directiva europea de tratamento de augas residuais e industriais.
Segundo a Consellaría de Medio Ambiente a orixe destes puntos é, sobre todo, municipal. Algúns dos motivos que provocan os verquidos son a existencia de augas residuais urbanas sen depurar que rematan en dominio público por deficiencias nas redes de saneamento, verteduras puntuais de alivios das devanditas redes, conexións erróneas en redes separativas e carencia de sistemas de saneamento ou de depuración.
A Dirección Xeral de Recursos Mariños e o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, elaboraron un informe relativo á situación actual das zonas de produción de moluscos en distintas rías. Moi poucas melloraron a súa situación, outras non sofren variación e as máis empeoraron. Os casos máis graves corresponden á ría de Ferrol e á de Ares-Betanzos-Pontedeume.
As medidas de eliminación da contaminación bacteriolóxica non funcionan na depuradora de Pontedeume, a cal está considerada fóra de uso pola consellaría de Medio Ambiente. Deste xeito todas as augas residuais procedentes dos concellos de Cabanas e Pontedeume son vertidas á ría sen depuración bacteriolóxica. A estas emisións hai que engadir as augas contaminadas do río Eume e, nun futuro inmediato, as que proveñan do lago artificial d’As Pontes. Un delito medioambiental que repercute negativamente na riqueza, tanto económica como paisaxística, da nosa ría debería ser motivo de preocupación para os gobernos. Non é así e de momento non está prevista ningunha actuación para resolver o caso concreto da depuradora de Pontedeume.



Dignos empresarios e fillos de alcaldesas…
cobrando 20 anos o recibo de depuración e alcantarillado para botar o auga ao mar.
30€*12meses=360€/ano/veciño
360€*5000veciños=1.9millóns€/ano
1.9millóns€*20anos=40 millóns de euros
Se lle restamos os gastos de mantemento(=0) e os gastos de construción da depuradora(pagouna a Xunta),
quedan 40 millóns de euros defraudados.
E a fiscalía?