O informe anual de Ecoloxistas en Acción traza un mapa desolador en Galiza
Lamentablemente Pontedeume figura no informe como un punto negro en materia medioambiental
Un novo informe, o de 2009, de Ecoloxistas en Acción destapa a lamentábel situación do territorio galego en cuestións tales como urbanismo, o litoral, a xestión de residuos, o plan de portos deportivos, etc. En total, 55 bandeiras negras e 102 puntos negros. “Como este ano podería ter moitos nomes, podemos resumir a triste realidade en dous feitos moi claros: os puntos negros e as bandeiras negras do ano pasado seguen aí e aínda temos que engadir outras.”
Ecoloxistas en Acción proclama: “Este ano queremos repetir que GALIZA NON SE VENDE e que ONDE VIVIMOS, A NÓS SI NOS IMPORTA. Porque estamos convencidos de que se Galiza segue sendo tan fermosa e tendo tantos valores que conservar a pesar de todo, moi bonita tivo que ser antes.”
Pontedeume ten un pequeno apartado onde destacan alguns dos maiores desatinos medioambientais que padecemos. Iso si, non están todos os que son. “A xestión da auga en Pontedeume é sinónimo de estafa. Tanto a que se consome como as residuais. A depuradora da Macuca debería recoller todas as augas residuais de Pontedeume pero a realidade contradi esta suposición.
Actualmente vértense augas directamente ao río Eume desde Nogueirosa e Ombre, as verteduras á ría son permanentes, e a contaminación que provocan nos bancos marisqueiros é enorme. Sen esquecer que en moitas ocasións as augas vertidas á ría desde a depuradora da Macuca aínda hai que catalogalas como augas residuais. Iso si, os eumeses pagan, e non pouco, pola depuración dunhas augas que non é tal.
Punto Negro ao novo Porto Deportivo. O porto proxectado supón a habilitación de 200 amarres sobre unha concesión marisqueira. Ademais de que a actuación non está definida tecnicamente, o propio plan considera alta a interferencia sobre os recursos pesqueiros e marisqueiros. Estaría a menos de 1.000 metros de praias.
VIZÚS: Bandeira Negra ás vivendas construídas en zona rural vulnerando a Lei do Chan. Atópanse á beira do ferrocarril e verten as augas residuais directamente ao mar.”


