O Consello de Contas cuestiona a situación urbanística no Concello de Pontedeume
No último informe emitido por esta institución censúrase a permisiva actitude do Concello con respecto ás infraccións urbanísticas. Os datos corresponden ao período 2005-06.
Comeza o estudo salientando o feito de que concellos como o de Pontedeume, a pesares de ter unha perda de poboación superior ás 100 persoas incrementan en máis de 100 o número de vivendas unifamiliares. Pontedeume perdeu 262 habitantes no período 1997-2006. Pola contra incrementou en 306 o número de vivendas no período 2001-05
Censo de vivendas no ano 2005
Dun total de 4.540 vivendas hai 3.091 declaradas como residencia habitual, 783 como segunda residencia, 666 vivendas baleiras (un 15 % do total, o que non impide que os promotores insistan en crear máis áreas residenciais)
Falta de medios adicados a urbanismo
Pontedeume non conta cunha unidade específica dedicada aos asuntos relacionados cos distintos aspectos que o urbanismo significa así como non ten persoal que no exercicio 2005 realizase funcións tanto en materia de urbanismo como en disciplina urbanística*.
Patrimonio Municipal do Solo
Os concellos teñen a obriga de constituir o Patrimonio Municipal do Solo coa finalidade de obter reservas de solo para actuacións de iniciativa pública, facilitar a execución da ordenación territorial e urbanística e contribuír á regulamentación do mercado de terreos destinados ao desenvolvemento urbanístico. En Pontedeume tampouco se procedeu á creación dun inventario ou rexistro específico dos bens e dereitos do Patrimonio Municipal do Solo.
Licenzas concedidas
O núero de licenzas concedidas nos anos 2005 e 2006 foi de 167, se ben as solicitadas foron 392. Neste grupo atópanse os diferentes tipos de licenzas (Actos de edificación; Ampliación, modificación e reforma; Primeira utilización de edificios, etc.)
Expedientes de infraccións urbanísticas
Polo que respecta aos expedientes sobre infraccións urbanísticas, pedíase que se indicase a forma de iniciación (oficio ou por denuncia dun terceiro), o motivo no que se baseaba (non dispoñer de licenza, non se adecuar ás súas determinacións ou outras causas) e a situación ou estado do acto urbanístico no momento do inicio do expediente (finalizado ou en curso). Segundo os datos facilitados polo Concello de Pontedeume hai 2 expedientes iniciados de oficio e 9 por denuncia. Destes hai 2 expedientes por non dispor de licenza para a construción, 3 por non adecuarse á licenza concedida e o resto por non adecuarse á legalidade urbanística.
Só en 2 casos foi o Concello o que informou á Xunta das infraccións cometidas, mentres que esta requeríu ao Concello en 7 ocasións relativos a supostos de infraccións urbanísticas. Só existe un proceso xudicial resolto dende o ano 2005
*Ademais das funcións que en materia xurídica lle atribúe a normativa vixente ao posto de secretario/secretario-interventor, as funcións urbanísticas son desempeñadas por distintos tipos de persoal, con cualificacións e titulacións dispares, mantendo coa entidade local relacións de servizos de distinta natureza. Non todas estas vinculacións permiten o desempeño das
devanditas funcións, que soamente corresponden ao persoal funcionario como garantía deindependencia, obxectividade e imparcialidade, tal como se invoca na Lei da Administración Local de Galicia e na Lei Reguladora de Bases de Réxime Local.
Máis información en La Opinión


