A voltas coas rotondas
Anúnciase que o Partido Popular baralla a posibilidade de convocar unha mobilización para esixir a construción das rotondas. Os grandes atascos que novamente se volven producir na vila provocan un estrés xustificado aos rexedores locais, e polo visto tamén amnesia. Nunha reunión convocada por Fusquenlla á que asistiron as asociacións veciñais e os partidos políticos, entre eles o Partido Popular, acordárase, por unanimidade, rexeitar a construción das rotondas despois de coñecer que Patrimonio non autorizaba as obras. Tamén se esixía a liberalización da peaxe da autoestrada entre Fene e Pontedeume, coa creación dun enlace en Campolongo.
Este compromiso asinado publicamente polo PP xunto coa aprobación por unanimidade nun pleno da paralización das obras que xa comezaran, cae en saco roto unha vez máis e os “populares” optan pola algarada social a pesares dos informes razoados de Patrimonio. O Partido Popular di contar co respaldo de comerciantes e taxistas para acometer a construción das rotondas se ben esquece a oposición a estas dos colectivos e grupos políticos antes mencionados.
Os atascos que diariamente se producen en Pontedeume só poden ser erradicados coa liberalización da peaxe. A nosa vila, declarada Conxunto Histórico Artístico, non conta incomprensiblemente cunha vía de circunvalación que desvíe o tráfico do seu núcleo urbano, sendo esta a solución conmunmente aceptada para case todas as vilas e cidades. O Partido Popular non parece entendelo así e limítase a explotar un malestar social con fins partidistas. O dano que as rotondas, amais da súa nula efectividade, produciría a un núcleo histórico como Pontedeume foi exposto con seriedade pola Dirección Xeral de Patrimonio que deixou claro que non ía permitir a construción dunha rotonda que alteraría o trazado do Camiño de Santiago e obrigaría aos transeuntes a cruzar Pontedeume por un paso subterráneo. Non é de recibo que Torrente volva a desafiar a legalidade opoñéndose ás decisións tomadas pola Xunta. Lembramos as súas manifestacións a propósito da investigación do goberno galego sobre os chalés de Boebre incitando a parar dita investigación.



Parece que as forzas vivas de pontedeume son comerciantes e taxistas. Os primeiros xa conseguiron o parking do Fraga do Eume; os segundos non hai quen os bote da Praza de España.
O rancio segue a prevaler en Pontedeume