O teixo, un abandono secular
No día de hoxe Fusquenlla interesouse novamente ante a Dirección Xeral da Conservación da Natureza sobre a situación calamitosa na que se atopa o teixo senlleiro ubicado no paseo marítimo de Pontedeume.
No mes de abril enviamos un escrito á Xunta reclamando unha intervención para erradicar as posibles enfermidades que afectan a este exemplar digno de atención. Alertábase do proceso de deterioramento que estaba a sufrir o “teixo dos Tenreiro”. Daquela, a Dirección Xeral encargou á Estación Fitopatolóxica Areeiro un estudo da árbore e o posterior tratamento. Detectáronse insectos nas follas e fungos no chan baixo o enlousado do paseo marítimo.
Porén a situación da árbore foi a peor e esta mesma semana persoal especializado da E.F.A realizou unha inspección ao teixo. Segundo nos comunicaron, os especialistas acordaron, dado o estado letal dalgunhas pólas da árbore, realizar unha poda de saneamento e de restauración tan pronto sexa posíbel para extirpar as partes secas e revitalizar aquelas que aínda gozan de certa saúde.
En opinión dos técnicos que tratan ao teixo para coñecer as causas do pésimo estado no que se atopa hai que remontarse ao pasado. Durante moitos anos non se fixo ningún tratamento de saneamento necesario para un exemplar destas características. Por riba, a construción do paseo marítimo agravou a situaciòn do teixo ao impedir a rexeneración e osixenación da terra que alimenta as súas raíces. E todo isto sen esquecer a notábel idade dunha árbore que por esta razón esixe unha maior atención por parte das distintas administracións, a local e a autonómica.
Unha atenciòn que no pasado se recoñece inexistente e na actualidade obedece ao interese amosado por particulares e colectivos sociais preocupados pola protección do que xa é máis que un símbolo de identidade de Pontedeume



Moi ben traído o caso do teixo, agora que empezan as Festas.
É unha vergoña que estando no Catálogo de Árbores Senlleiras da Xunta, siga enfermo e en perigo…
Onde están as Administracións ??
Hai que seguir adiante ; non podemos deixalo desaparecer.
Que pode facer o común da xente ?
Saúdos.
Antón da Sobreira