Patrimonio ordena ao Concello paralizar dúas obras no casco histórico
Fusquenlla alertou a Patrimonio das obras que Construcións Míguez estaba a levantar na rúa Pescadería e que vulneraban a lexislación vixente no casco histórico de Pontedeume
Dous edificios do casco histórico foron levantados contravindo os permisos outorgados pola Dirección Xeral do Patrimonio. A infracción cometida en ámbolos dous casos foi a de construír maior volume do permitido, tendo un dos edificios unha planta máis que as autorizadas polas Normas Subsidiarias vixentes en Pontedeume.
Segundo as Normas Subsidiarias do Concello de Pontedeume actualmente en vigor, os edificios en construción dentro do denominado casco histórico non poden sobrepasar os 12 metros de altura e só deberán conter a planta baixa e tres plantas altas, como máximo. Asemade deberán respectar as alineacións, retranqueos entrantes, salientes, ensanchamentos, etc. actualmente existentes.
Nun primeiro momento Fusquenlla deu conta destas infraccións ao concelleiro de urbanismo sen que o Concello tomase as necesarias medidas para salvagardar o patrimonio natural de Pontedeume. Posteriormente fixemos o propio ante a Dirección Xeral do Patrimonio que despois de realizar as oportunas inspecións decidíu instar ao Concello a paralizar as obras.
Despois da denuncia presentada por Fusquenlla en setembro do 2007 Patrimonio realizou unha inspección das obras que certificou a veracidade da mesma, determinando que os edificios estaban á marxe da legalidade e non se axustaban aos permisos outorgados. A raíz dese informe decídese instar ao Concello a paralizar as devanditas construcións sen resultado positivo. Hai dúas semanas unha nova orde foi enviada ao alcalde de Pontedeume para que fixese efectiva a paralización.
Hai que lamentar a nula atención que o Concello de Pontedeume presta á conservación do patrimonio arquitectónico pois este promotor xa fora expedientado por derruír a fachada da construción agora paralizada, o que non foi impedimento para seguir edificando amparándose no desleixo dos responsables de urbanismo.
Mentres tanto o casco histórico segue a ser vítima da especulación dos que prefiren derrubar os vellos edificios históricos para deixar paso a anodinas edificacións que nada teñen que ver coa idiosincrasia da vila eumesa. E, como non, beneficiados pola ausencia dun PXOM cada día máis imprescindible para a protección do conxunto arquitectónico.
Máis información en La Opinión



Que o PXOM non vaia adiante tamén favorece ao PSOE e BNG. Lembrade que foron estes partidos os que non foron capaces de aprobalo porque non lles interesaba. Agora están contentos porque o PP pon atrancos para aprobalo e así todos contentos. Máis os construtores. Unha mafia de políticos e promotores que frean o desenvolvemento de pontedeume