Marcha Nacional pola Defensa do Litoral en Corrubedo
O catedrático Xosé Manuel Beiras, a actriz Patricia Vázquez, o actor Luís Tosar e mailo director e músico Antón Reixa, lerán o Manifesto de Corrubedo o vindeiro domingo como colofón á Marcha Nacional pola Defensa do Litoral en Corrubedo.
As organizacións convocantes da Marcha Nacional pola Defensa do Litoral, colectivos de veciños, veciñas e ecoloxistas, teñen todo preparado para a manifestación unitaria contra o Plan Acuícola que terá lugar o domingo 4 de novembro, ás 12 da mañá, no Porto de Corrubedo e á que se teñen adherido decenas de colectivos de todo o país. Para isto contarán coa inestimábel axuda de persoeiros da cultura e doutras disciplinas que se unen á cidadanía para reclamar “liberdade para o litoral galego”.
En reunión da Rede Litoral Vivo o pasado 20 de outono en Compostela decidiuse o apoio á marcha nacional contra o plan acuícola que se vai celebrar o 4 de novembro en Corrubedo. Este plan, xa mal chamado acuícola, porque soamente se refire ao subsector de acuicultura en terra, é unha peza máis da nefasta política da Xunta ante o sector pesqueiro. Tenta expropiar, para beneficio dunhas poucas grandes empresas multinacionais, máis de 3 millóns de metros cadrados en zonas de altísimo valor ecolóxico, co fin de apoiar un xeito de explotación dos recursos altamente discutible, que, dende logo, deixa a produción en mans de uns poucos, xera perigosos e ilegais verquidos, e supón un altísimo impacto ambiental. Agora pretenden criar peixes que desmerecen a calidade dos productos do mar galego, amoreados, cheos de antibióticos e alimentados con fariñas de peixes capturados de xeito industrial e afectando á biodiversidade e os recursos de países empobrecidos.
Xa no anteproxecto de lei de pesca, actualmente en tramitación, se observa a intención de privatizar os recursos mariños, abrindo a porta á privatización do marisqueo e afastando ao sector de calquera tipo de decisión sobre si mesmo, pretendendo deixar todo o poder nas mans da Consellería de Pesca.
Este Plan, sumado ao Plan Director de Portos Deportivos e ao salvaxe proceso urbanizador da costa e do interior ao que estamos a asistir, sen as debidas garantías de saneamento ou protección do medio, pode producir o total colapso da actividade pesqueira galega, da que dependen máis de 20.000 empregos directos, cambiando e proletarizando a estrutura social da pesca e o marisqueo artesanais e tradicionais de Galicia.
Esta marcha ten que ser unha chamada moi seria de atención ao actual goberno galego, que está realizando unha política ambiental de puro escaparate, cando a realidade é que xamais o ritmo de destrución dos ecosistemas foi tan alto, nin a privatización dos recursos naturais tan descarada, nin o silencio da clase política no seu conxunto máis enxordecedor
Por todo isto os grupos compoñentes da Rede Litoral Vivo fan un chamamento á asistencia a Corrubedo o próximo día 4 para mostrar dun xeito firme a oposición do sector e de todo o pobo galego ante este plan e á liña política que o ampara.
Manifesto.-Dende as terras galegas que mollan os salseiros atlánticos, aquelas que bican o mar dende A Guarda a Ribadeo, os movementos sociais galegos, xentes con amor polo noso, chamamos a Galiza enteira a erguerse connosco nun berro colectivo contra o Plano Acuícola da Xunta.
Consideramos que este plano sectorial constitúe unha traizón ao povo galego por parte dos seus gobernantes, pois pretende enaxenar o mellor do noso litoral para alimentar os insaciábeis bandullos das transnacionais do peixe. Esta ocupación masiva da beiramar de máis de 3 millóns de metros cadrados é unha sentenza de morte contra as nosas praias e cantís, unha violación das nosas máis sobranceiras paisaxes, unha insustentábel hipoteca para os recursos ambientais e económicos autóctonos, e unha legalización encuberta da contaminación salvaxe do mar. Peixes planos nas piscinas… e encefalogramas planos nos despachos. Descargar o manifesto en pdf
CONVOCAN: Adega, Plataforma Medioambiental de Corrubedo, Plataforma Veciñal en Defensa do Patrimonio Cultural de Quilmas (Carnota), Plataforma pola Defensa do Litoral de Seráns (Porto do Son), Comisión de Propietarios/as Laxe Brava (Teira-Corrubedo), Plataforma Veciñal Xove-Lago, Plataforma Veciñal de Merexo (Muxía), Plataforma de Afectados/as de Arou (Camariñas), Plataforma de Afectados/as de Oia, Plataforma de Afectados/as de Foz, Agrupación de Mariscadoras/es de Corcubión, Cooperativa de Mergulladores/as da zona 5ª.
COLECTIVOS QUE APOIAN: Greenpeace, Salvemos Monteferro, SOS Courel, Colectivo Fusquenlla, Ortigueira Sostible, Colectivo Arraianos, Asociación Sagres de Aguiño, Asociación Cultural Choiva Azeda (As Pontes), Asociación Natura Celtica (Cangas), BNG de Ribeira, Frente Popular Galega, CUT (Central Unitaria de Traballadores), Colectivo Nacionalista de Marín, Asociación Altofalante (Ribeira), Colectivo Ecoloxista Verduxo, Plataforma en Defensa do Patrimonio das Pontes, Asociación Amigos de Corrubedo, Plataforma Veciñal contra a piscifactoría de Baroña, Asociación Cultural “Fuco Buxán” de Ferrol, BNG do Barbanza, Asociación Pau da Luz (Corrubedo), Asociación Cultural Barcas do Minho (Chantada), CNT-Compostela, Amigos da Terra, Plataforma Ártabra21, Quercus (Portugal), PP de Ribeira, BNG de Porto do Son, Comité de defensa das Rías Altas, Asociación profesional XORNAGA (Xestión e Organización de Recursos Naturais de Galicia), Rede Litoral Vivo, Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño, Veciños das Mariñas (Oia), IPdR (Iniciativa Progresista de Ribeira), Foro Social Temos Dereito a Saber, ‘O Ribeiro’, Bouzas Móvete, Confraría de Pescadores de Corcubión.



Isto era previsisible que pasase antes ou despois. A clave non está na xunta de Galicia nin no Goberno de España, se non no modelo de capitalimo actual que desenrola este tipo de estructuras opresivas para os povos. Todo o que se faga contra este ou outro equipo de governo so será un parche ao sistema pero antes ou despois veremonos na obriga de poñer outro. A estratexia é sinxela aproveitar algo que é de todos (Natureza) para un lucro privado (pescanova, cola-loca, reganosa,…) e facernos crer que é polo noso ben (postos de traballo, progreso, desenrolo,jaja). E cando a nai Natura non da mais de sí. Tararí que te ví!Pediremos subvencións por perdas nos beneficios, e todos volveremos a pasar polo aro. Primeiro vendennos e cando non queda mais que vender fannos pagarlles porque non teñen unha empresa rendible e deixan 5000 parados detras ao governo de turno.O so é a extructura que defende os intereses dos lobbys económicos e non dos cidadans.
Se non facemos unha crítica do sistema tal e como está plantexado estas situacións repetiranse ao ancho e longo do planeta terra.Plantexemos alternativas revolucionarias o marxe do sistema. Somos capaces, demostraremos día a día que non os necesitamos se non que son eles os que nos necesitan porque se alimentan do noso pan.
Seguiría pero estoume enrollando.