O pleno aproba o PXOM
Cos votos favorables de PP, PSdG, BNG e Independentes por Pontedeume (o COE abstívose) foi aprobado inicialmente o plan xeral de ordenación municipal. Nunha sala ateigada de xente, desexosa de coñecer o parecer dos seus representantes, os grupos políticos explicaron, ou mellor, tentaron explicar, as razóns que os levaban a aprobar un planeamento que recoñecían adoecía de certos defectos.
A falta de equipamentos, o solar da praza de España, os terreos de labradío recualificados como de protección forestal (en palabras do BNG, un feito que vai contra a lei), Einsa e Lagasa como industrias involucradas na ordenación territorial, a falta dunha solución para os problemas de tráfico, a escaseza de zonas verdes, e a inclusión de Arbosa e Ver como solo urbano, foron os principais inconvenientes que os grupos lle atoparon ao planeamento de Consultora Galega e do Partido Popular. Iso non foi óbice para que resultase aprobado o documento. Iso si, para miitigar este posicionamento alegouse que o plan non estaba rematado e que os veciños terían a oportunidade de modificalo coas súas alegacións.Enténdese que as alegacións da veciñanza pouco poden modificar, nada no seu aspecto xeral, un plan de urbanismo que foi deseñado por unha ducia de promotores.
Porque diso se trata. Un PXOM, lonxe de ser un mecanismo de ordenación e progreso para un concello, é hoxe en día un dos maiores negocios para un sector de persoas que fixeron da especulación un sinal de identidade do noso país e unha fonte de riqueza para uns poucos. Nos planos que estivemos adiantando os días pasados, a pouco que reparásemos nos límites das zonas urbanizables, podíamos apreciar como determinadas fincas, das que os eumeses sabemos da súa titularidade, eran caprichosamente catalogadas como aptas para urbanizar. Nalgúns casos a expensas do propio patrimonio cultural e arqueolóxico de Pontedeume, verbigracia, o castro de Nogueirosa.
Unha pésima lección de cidadanía que nos ofreceron os representantes políticos no Concello á que xa nos teñen acostumados.



A incoherencia previsíbel
Se no anterior comentario demandábase maior coherencia aos representantes dos partidos políticos no Concello, hoxe, unha vez aprobado polo pleno o PXOM, só cabe recoñecer o ilusorio da demanda. Os concelleiros amosáronse como o que sempre foron e polo tanto o resultado foi o previsíbel. Ante as “necesidades” dos poderosos, os “vicios” dos veciños non deben ser atendidos. Einsa necesita un feudo para crecer. Torre Iglesias ansía aumentar o seu “patrimonio”. A Lagares apetécelle dar rango de lei ás ilegalidades de Caldagueiro…
Pola contra, que buscan os veciños anónimos? Os de Andrade só queren enriquecerse a costa da familia Martínez. Outros procuran unha vivenda cun horto desoendo as recomendacións de apertarse o cinto en época de crise. Os máis, gozar da inprodutiva tarefa de soñar coa paisaxe.
Menos mal que están os políticos para abortar os insanos propósitos das maiorías descualificadas fronte aos saudables negocios da minoría reputada. Porque os mesquiños veciños nunca entenderán que a clase política é a posuidora da razón, do sentido común e administradora da xustiza. En previsión de que os díscolos veciños quisexen cuestionar estas sabias prebendas dos políticos, estes acompañáronse de policías e garda civil para asegurarse que as decisións tomadas eran, se cabe, máis que razonables.