En Pontedeume non se aplica a lei do patrimonio cultural
Unha lei que ten por obxecto a protección, conservación, acrescentamento, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia, así como a súa investigación e transmisión a xeracións futuras. Dentro deste patrimonio atópase o casco histórico da vila que nos últimos anos está a sufrir un deterioramento que inevitablemente desembocará na súa desaparición.
A lei contempla a obriga das corporacións locais de protexeren e defenderen os bens integrantes do patrimonio cultural de Galiza que se ubiquen no seu termo municipal. Correspóndelles, así mesmo, adoptar, en caso de urxencia, as medidas cautelares necesarias para salvagardar ditos bens. Non é o caso do Concello de Pontedeume ao que parece non importarlle que desapareza un dos nosos sinais de identidade.
Tampouco os donos dos inmobles líbranse da súa responsabilidade nesta normativa protectora. Os propietarios, posuidores e demáis titulares de dereitos reais sobre bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigados a conservalos, cuidalos e protexelos debidamente para segurar a súa integridade e evitar a súa perda, destrucción ou deterioración. Os poderes públicos garantirán a protección, conservación e enriquecemento do patrimonio cultural.
A esta falta de interese en aplicar a lei do patrimonio súmase a carencia dun plan especial para o casco histórico que o PXOM debería incorporar xa no borrador inicial. Cinco anos de elaboración e correción non abondaron aos técnicos de Consultora Galega para incluir dito plan. E o goberno local ollará impasíbel como os donos de vivendas catalogadas déixanas caer para poder edificar modernos edificios con maior volume.
Hoxe enteirámonos que o Concello de Betanzos acaba de informar á Fiscalía da situación ruinosa de varias vivendas do seu casco hsitórico, denunciando aos veciños por abandono das súas obrigas cara o mantemento dos inmobles. Un exemplo que non cabe esperar se imite en Pontedeume.


