Coa Igrexa topamos
A decisión do Concello de Pontedeume de rehabilitar o antigo hospitalillo para convertilo en albergue topouse novamente coa previsible resistencia das autoridades eclesiásticas. Segundo recolle estes días a prensa, a reacción do Arcebispado ante as intencións municipais non foi todo o xenerosa que cabía esperar da institución. A Igrexa acepta ceder a propiedade do edificio só temporalmente e a condición de que o erario público corra cos gastos da súa rehabilitación.
O acusado deterioro do edificio hai que facelo extensible a outros bens catalogados do patrimonio eclesiástico, como as reitorais de Nogueirosa e Ombre, necesitadas dunha urxente restauración.
Mentres Concellos como o de Pontedeume resístense a aplicar as medidas previstas pola lei que sancionan aos propietarios de vivendas abandonadas ou que ameazan ruína, en cidades como Ferrol unha recente modificación das ordenanzas permite penalizar fiscalmente as vivendas baleiras e as que se atopen en estado ruinoso. Medida ésta que pretende deter o abandono do casco histórico e ampliar a oferta de vivenda sen recurrir á nova construcción.
Hai dous anos (http://sospontedeume.com/?p=64) propúñamos como solución viábel a expropiación do edificio do hospitalillo. Segundo a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia o incumplimento das obrigacións de protección e conservación será causa de interés social para a expropiación forzosa dos bens declarados e catalogados pola Administración competente, incluídos os pertencentes ás institucións eclesiásticas, que tamén se rixen pola lexislación estatal.
A disxuntiva semella clara: Ou a Igrexa asume a recuperación destes bens ou as administracións terían que iniciar un proceso de expropiación.



