A casa nº 25
A indiferencia coa que asistimos ao deterioro do casco histórico de Pontedeume é case tan pertubadora como as medidas que está a tomar a Corporación local para impedilo. A mediados do 2008 encargose un estudio de diagnóstico para constatar unha evidencia: o noso casco histórico cáese a cachos. Dos 583 edificios que o compoñen só un 25% manteñen un bo estado de conservación, preto dun 70% necesitan algún tipo de rehabilitación e un 5% atópase xa en ruínas.
É preocupante o acelerado ritmo de destrucción. O tempo, que todo o borra, non é o único responsable, nin sequera o máis importante. Moito ten que ver a desidia e despreocupación dun Concello que desoe as constantes denuncias presentadas por incumplimento da normativa urbanística, como proba o número insignificante de expedientes abertos a propietarios pola pésima conservación das vivendas e que se ve cuestionado polas frecuentes intervencións da Dirección Xeral de Patrimonio ordeando a paralización de obras de dubidosa legalidade.
Deses 583 edificios só 40 están na actualidade catalogados e posúen unha especial protección que impide calquera actuación que borre ou modifique a súa traza orixinal. Incomprensiblemente, exemplos valiosísimos da arquitectura tradicional, e incluso obras modernas de arquitectos como Antonio Tenreiro, Rodolfo Ucha ou Rodríguez Losada, quedan fora do catálogo de bens culturais, o cal entraña que só sexa cuestión de tempo ou desinterés que desaparezan para sempre.
Sen embargo, a rehabilitación da zona era un dos “asuntos primordiais” para a alcaldía tralas últimas eleccións. O feito é que desde 2004 os diversos intentos para conseguir a declaración de Área de Rehabilitación Integral, ou mellor á de Área de Rehabilitación de Centros Históricos, resultaran infructuosos (ao goberno anterior incluso se lle pasou o plazo para solicitalo) confirma a incapacidade dos gobernos eumeses e a nula preocupación pola conservación do noso patrimonio cultural.
O novo planeamento urbanístico, ademáis, desenténdese da rehabilitación do núcleo histórico, apostando irracionalmente pola construcción, cando a metade desas vivendas están actualmente baleiras. Todo o contrario do que sucede nos países do noso entorno, onde máis da metade das licencias de construcción son para rehabilitar vivendas.
En medio deste desolador panorama, vimos escoller unha audaz sobreviviente, a casa número 25 da rúa San Agostiño, humilde símbolo da resistencia fronte a unha demolición programada.


