Un ecomuseo para a o Eume
Entre as aportacións da museoloxía moderna –partidaria máis dos “museos de ideas” que dos “museos de obxetos”- o concepto de ecomuseo semella unha das máis interesantes na mellora integral do patrimonio das comunidades no eido local.
O Consello Internacional de Museos defineo como “unha institución que xestiona, estuda e valora -con finalidades científicas, educativas e, en xeral, culturais- o patrimonio xeral dunha comunidade específica, incluído o ambiente natural e cultural do medio”.
A idea foi introducida a principios dos anos setenta polo museólogo Hugues de Varine. A diferencia do museo tradicional, que ten por obxecto a conservación e exhibición de obxectos culturais, a finalidade dos ecomuseos –museos comunitarios ou tamén museos do territorio- é o desenvolmento integral e sustentábel do territorio, priorizando a iniciativa cidadá sobre as institucións públicas. En palabras de Varine “un museo normal é un edificio, unha colección, un público. Un ecomuseo é un territorio, un patrimonio, unha comunidade. Un museo normal é cultura “fóra do solo”, un ecomuseo está arraigado na cultura viva dos habitantes”. E apela aos principios fundamentais que inspiraron a fundación dos primeiros ecomuseos en China:
1. Os habitantes dos pobos son os únicos titulares da súa cultura. A eles correspóndelles o dereito de interpretala e de lexitimala.
2. O significado da cultura e dos seus valores poden ser definidos unicamente por parte da intuición humana e da interpretación baseada no coñecemento. A competencia cultural debe ser enriquecida.
3. A participación é esencial para os ecomuseos. A cultura é un ben común e democrático e debe ser xestionada democraticamente.
4. En caso de conflitos entre turismo e conservación cultural é esta última a que recibe prioridade. O auténtico patrimonio non debe porse en venda, aínda que a produción dos bens de calidade baseados nas actividades tradicionais debe ser alentada.
5. É de máxima importancia a planificación integrada e ideada a longo prazo. É necesario escapar dos beneficios económicos a curto prazo que poden destruír a cultura.
6. A protección do patrimonio cultural debe integrarse nun enfoque ambiental completo. Desempeñan un papel fundamental para lograr este propósito os materiais e as técnicas tradicionais.
7. Os visitantes teñen a obrigación moral de manter un comportamento respectuoso. Deben seguir un código de conduta.
8. Os ecomuseos non contan con ningún tipo de “Biblia”. En todo momento serán distintos entre si, baseándose nas características culturais e a situación social local.
9. O desenvolvemento social é un requisito para a creación de ecomuseos en comunidades vitais. O benestar dos cidadáns debe ser mellorado de maneira que non comprometa os valores tradicionais.
A visión das nosas institucións é, con respecto ao patrimonio, moito máis cativa. O último proxecto promocionado pola Consellería de Cultura e Turismo é a instalación de paneles informativos en diversos elementos patrimoniales da comarca -castelos e mosteiros básicamente-, esquecéndose das necesidades reais e os grandes baleiros que no ámbito da protección e promoción do patrimonio e da cultura en xeral ten a nosa comarca.
Nun futuro ecomuseo do Eume –comarca que alberga un riquísimo patrimonio natural e cultural-, ademáis de obras esenciais do noso patrimonio –algunhas espalladas e descontextualizadas nos museos de Lugo ou A Coruña, ou peor aínda, en deplorables condicións de conservación- terían que ter cabida as diversas expresións da cultura popular, as súas tradicións, formas de vida e traballo, elementos significativos que conforman a memoria colectiva eumesa.



