Desastroso PXOM tamén no solo urbano

Como vimos ata agora a única intención deste PXOM é o fomento da edificabilidade incontrolada, esto tamén queda moi claro no solo urbano consolidado onde se pretende aumentar as xa esaxeradas densidades edificatorias actuais, pese a que a memoria informativa indica claramente “as edificacions tradicionais na vila son de baixo mais duas plantas, e se construiron fora do núcleo edificacións de vivenda colectiva de grande volume e desproporcionada altura”, mesmo na memoria xustificativa do PXOM afirma: “..nos núcleos mais densos están dando paso a unhas tipoloxías urbanas de vivenda colectiva, de calidade variable no que atinxe os aspectos constructivos e mala no que fai a deseño e acaemento co medio, realizadas normalmente á marxe do planeamento…. , que veñen a confirmar a innecesaria improcedencia de modelos urbanos densos de ocupación de territorio, non asumibles ainda nun concello como Pontedeume”, tamen afirma “… hai que ter claro que o modelo urbano-industrial está xa caduco no mundo …..de entre todas as falacias… a que costa mais enterrar, e a de identificar progreso con nivel de vida; e este con consumo. Nos xulgamos que é prioritario desfacer esa falacia e por iso imos partir dun pricipio distinto: a procura dunha mellora da calidade de vida….”, “preservación do medio ambiente natural e dos sinais de identidade mais fondo da sociedade eumesa”.
Resulta que contra este diagnostico tan acertado as previsións deste planeamento pasan por eliminar todo vestixio do modelo urbano existente fora da área do casco histórico, para impoñer enormes bloques de edificios de vivenda colectiva totalmente alleos ao modelo tradicional de asentamento na vila, ademais para fomentar o atractivo á intervención de promotoras inmobiliarias auméntase a edificabilidade de gran parte do solo urbano autorizando un aumento de alturas, de forma que en zonas xa conxestionadas con alturas máximas permitidas pola normativa actual de baixo mais dúas plantas e 9 m se prevé a construcción de baixo mais tres plantas e 13 metros a cornisa, 17 metros o cumio.
Un dos casos mais claros da salvaxada proposta neste plan, e o da zona entre Avd. Dr. Villanueva e Rúa Porto, precisamente a Rúa Porto un dos camiños de entrada histórica á vila, unha das trazas importantes do casco histórico, cun modelo de asentamento de vivendas unifamiliares adosadas de unha e dúas plantas acordes co modelo tradicional, o PXOM inexplicablemente pasa a baixo máis tres con rúas que actualmente teñen catro metros de ancho. O modelo a implantar é o iniciado na chamada casa de D. Pablo, a sección que pretende este planeamento é a seguinte para zona marcada en azul na imaxe superior, o despropósito non pode ser maior, na imaxe se ve ben claro que unha altura admisible para Avd. Villanueva de 12 metros de ancho non é admisible para a Rúa Porto con un ancho final previsible que non chega aos 6 metros.
A brutalidade é evidente, este PXOM lonxe de resolver os problemas actuais que xeraron as deficiencias do planeamento actual o que pretende é incrementalos e legalizar un modelo de ocupación axeno e de dimensións desproporcionadas.
Este planeamento ignora escandalosamente os artigos 46, 47, 48, 52 da LOUGPMR, que obrigan a:“…que o planeamento teña como obxetivo no solo urbano consolidado favorecer a conservación e recuperación do patrimonio construido… das formas tradicionais de ocupación do solo, e dos trazos diferenciais ou distintivos que conforman a identidade local. As construccións serán coherentes coa tipoloxía arquitectónica característica do contorno, en particular en canto á altura, volume e fondo edificables. Ademais as edificacións fixen as alturas en proporcion ó ancho das vias e espazos libres, de modo que queden garantidas as mellores condicions posibles de soleamento e ventilación das vivendas…Garantir a proporcionalidade entre o volume edificable e os espazos libres públicos de cada ámbito de ordenación.”
Pero a esquizofrenia urbanística de implantar modelos alleos de grandes bloques de vivenda colectiva non ten límite, si vemos a zona sombreada en bermello na imaxe superior, a obsesión chega ao imposible como construir por riba dos percorridos públicos de circulación existentes como é a conexión peatonal entre a Galera e a Rúa Porto, onde o PXOM pretende construir un xigantesco bloque da altura de Caldagueiro chegando ao absurdo incluso de deixar un patio de escaso metro de ancho no interior. Non é difícil de ver a situación brutal na esquina dereita no encontro do bloque coa muralla existente onde hai un desnivel de mais de 10 m, é a edificación terá sin dubida unha altura de 23 metros a cornisa.
Esto non está regulado nin estudiado nas ordenanzas do PXOM que son malas, escasas e imprecisas. De fácil aplicación, nada, como afirma Consultora Galega, e dende logo non serven para regular a construcción nunha topografía con pendentes tan fortes como as que temos nesta vila. O caso de Caldagueiro ou D. Pablo evidencian as enormes aberracións que xa xurdiron por falta dunha correcta regulación. O modelo a seguir sen dúbida é o da fotografia inferior que dende logo de legal, respetuoso e sostible non ten nada



