Os tribunais desminten ao Concello de Pontedeume
Unha sentenza que clarifica unha das controversias máis frecuentes en Pontedeume
Unha das polémicas máis recorrentes no noso concello é a relativa á cualificación do solo. En distintas ocasións os concellos enfróntanse á Xunta e discrepan sobre a legalidade de certas construcións. O caso que mellor ilustra esta discusión é o chamado mamotreto de Caldagueiro. Como xa publicamos noutras ocasións a Xunta de Galiza mandou paralizar as obras de Lagares (sen que o Concello e promotor se desen por enteirados) por considerar que o solo no que se asentaban non era urbano. E argumentaba esta resolución no feito de que os terreos non reunían os requisitos que a lei exixe para ser considerados chan urbano consolidado. “As normas subsidiarias de Pontedeume, fai 18 anos, clasificaron como urbano chan que aínda agora carece dunha urbanización básica para ser considerado como tal [...].
Unha recente sentenza do Tribunal Supremo, sobre un recurso presentado tamén en Pontedeume, avala as teses da Xunta que nega o carácter de urbano ao chan que non dispón das mínimas condicións para ser considerado tal: abastecemento, saneamento, dotacións,urbanización, etc
Unha familia eumesa pretendía que o deslinde do Ministerio de Medio Ambiente non afectase á súa vivenda de Andahío. Alegábase que a propiedade estaba en zona urbana e polo tanto o deslinde só podía entenderse dentro dos 20 metros da liña de costa. O Concello de Pontedeume, como non, tomaba partido polos propietarios das casas construídas na zona e presentou un escrito no que postulaba o carácter urbano das zonas en que se atopan os terreos en litixio. Non foi dabondo para o Supremo que, ao igual que a Xunta, declara o carácter non urbano do chan e polo tanto o Estado é o titular dos terreos que quedan dentro do dominio público marítimo terrestre.
O caso de Caldagueiro é dobremente escandaloso pola negativa do construtor a acatar as leis e pola condescendencia do goberno local incapaz de ordenar a paralización efectiva das obras. Dende Fusquenlla sempre exiximos un respecto absoluto pola legalidade e deploramos que o Concello de Pontedeume non trasladase aos tribunais a controversia sobre a legalidade ou non da devandita obra. Quizais unha solución xudicial no seu debido momento sería menos lesiva para os inquilinos das vivendas que están expostos a verse desaloxados destas por unha sentenza similar á de Andahío.




[...] interpretación das leis acaba no Tribunal Supremo. Hai unhas semanas xa recolliamops nesta páxina o caso dunha veciña que pretendía que o deslinde do Ministerio de Medio Ambiente non afectase á [...]