A Lei do Litoral permitirá construír no Portiño (Centroña)


O novo Plan de Ordenación do Litoral (POL) que se agarda entre en funcionamento o vindeiro ano traerá moitas complicacións aos concellos galegos. En primeiro  lugar terá unha repercusión sobre os seus plans de urbanismo que terán que ser adaptados á nova normativa. No caso de Pontedeume a situación pode ser máis grave se o PXOM non é aprobado antes da entrada en vigor do POL.  En calquera caso deberá someterse aos ditados da Xunta en materia do litoral.

Pero a maior polémica centrarase na catalogación que o POL fai de determinados núcleos rurais enclavados dentro da zona de protección costeira. Sabido é que moitos destes núcleos tradicionais quedan fóra de ordenación pola aplicación da lei de costas de 1988. A Xunta de Galiza tentou protexer estas zonas mediante unha unha enmenda á Lei da Vivenda pero o goberno central desetimou esta pretensión do bipartito e o Tribunal Constitucional deixou sen efecto a norma galega.

Agora é o goberno de Feijóo o que busca os mesmos obxectivos co POL. Se ben pode descutirse a necesidade de preservar certos núcleos tradicionais asentados en primeira liña de costa, máis difícil é conxugalo coa pretensión de que tales núcleos poidan ser ampliados con novas construcións. Porque en definitiva o que busca o goberno galego é unha maior permisividade á hora de construír no litoral. E nada mellor que disfrazar a lei cun manto de protección que agocha a demanda de certos construtores ávidos de cementar a costa galega. O mesmo goberno  anuncia que ás localidades incluídas no POL a Xunta permitiralles tanto a rehabilitación das vivendas xa existentes como a construción de novos desenvolvementos urbanísticos.

Pontedeume non se escapa a esta voráxine construtora. O lugar do Portiño en Centroña será un deses núcleos “favorecidos” pola nova lei. Ninguén pode cuestionar a necesidade de preservar as edificacions que conforman os núcleos rurais. Pero protexer non é sinónimo de ampliar, máis ben ao contrario. As novas construcións. lonxe de protexer o patrimonio demostraron ser o seu maior predador.

Por último, lembrar que o BNG presentou unha proposta no parlamento español para que os núcleos galegos  incluídos no dominio público marítimo-terrestre pasen a ser considerados como chan urbano e así quedar excluidos da prohibición de levantar novas edificacións. Esta iniciativa, similar á agora recollida no POL, foi duramnente contestada polos grupos ecoloxistas WWF, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción e SEO/BirdLife. Consideran estes grupos medioambientalistas que iso permitiría “a desprotección do litoral e a súa privatización”

(Gráfico extraido do xornal La Opinión)

Information and Links

Join the fray by commenting, tracking what others have to say, or linking to it from your blog.


Outros Artigos
Edificación extensiva no PXOM
As mentiras do goberno local

Escribir un comentario

Escriba o que pensa sobre o asunto. Permítese HTML básico para dar certo formato.

Comentarios dos lectores

Os redactores do POL parecen ignorar que o lugar do Portiño é zona de protección arqueolóxica por mor dos restos da vila romana existentes. Así que os desmanes urbanísticos neste sitio prexudicarían, ademáis da paisaxe, o patrimonio arqueolóxico de Centroña.

A Xunta pediu información hai un ano aos concellos para delimitar o plan do Litoral. É de supoñer que o de Pontedeume mandou esa información e que se decantou polo Portiño. Podería meter outros núcleos como Vizús. As razóns de que sexa O Portiño habería que buscalas en determinados intereses privados. Como todo o que funciona en temas de urbanismo