Cheiros nos negocios inmobiliarios


Onte falabamos da condescendencia que o Concello de Pontedeume amosa coa empresa Lagares Álvarez, S.L. Hoxe volven ser noticia estes promotores por mor dun solar sito na praza de España. Onde antes había un edificio historico que o desleixo deixou caer, hoxe hai unha charca chea de augas infectas e pestilentes que supoñen un perigo para a saúde e para a estabilidade dos edificios colindantes.

Este solar, pertencente aos donos da promotora citada, está en completo abandono dende que Patrimonio fixo excavacións para asegurarse que a construción dun novo inmóbel non prexudicaría o patrimonio de Pontedeume. O abandono é tan manifesto que ademais das augas estancadas crece a vexetación a varios metros de altura.

Os xornais de hoxe dan conta do desconcerto dos políticos locais que non saben cal é a situación na que se atopa a parcela en cuestión. O que parece unha contradición entre os testemuños do alcalde (estase á espera dun informe de Patrimonio para autorizar o edificio) e a catalogación que fai o PXOM desta finca (reservada para uso dotacional) non o é tanto se pensamos en posibles acordos entre o Concello e promotores.

Nesta mesma páxina xa informabamos da estraña concesión que se lle facía a Lagares en Caldagueiro. O PXOM permítelle urbanizar unha ampla franxa de terreo baixo o chamado mamotreto e que abrangue dende a estrada da estación ata a de Centroña. Uns solares que a Xunta considera non urbanizables polo seu valor paisaxístico, o Concello permíte urbanizalos polo sistema de compensación (Lagares podería expropiar as propiedades colindantes doutros veciños). Iso sen contar co agasallo máis importante para este promotor: a legalización do edificio sobre o que pesan cinco ordes de paralización e que aínda non ten permiso de habitabilidade.

Cal pode ser a contraprestación que reciba o Concello? Non é aventurado afirmar que o solar da praza de España. Patrimonio non deixaría ou restrinxiría a construción nesta finca na que poden atoparse restos arqueolóxicos importantes. A proximidade da antiga muralla e da porta de Maldonado fano posíbel. As prohibicións ou restriccións non fan rentábel os negocios inmobiliarios. O negocio consiste en cambiar solar improdutivo por chan urbanizábel con excelentes vistas.

Mentres tanto seguímonos preguntando como este promotor consigue semellante trato de favor dos nosos políticos, a expensas do noso patrimonio.

Information and Links

Join the fray by commenting, tracking what others have to say, or linking to it from your blog.


Outros Artigos
3º concerto da II Caravana Reivindicativa Galiza Non Se Vende en Pontedeume
Lagares e legalidades

Escribir un comentario

Escriba o que pensa sobre o asunto. Permítese HTML básico para dar certo formato.

Comentarios dos lectores

Gustariame pensar que é esa a única compensación que recibe o Concello. Postos ser maliciosos poderiase pensar en gratificacións a determinadas persoas. Pero isto só é un disquisición sen fundamento real.

Escriba aquí o seu comentario.

Ou de as supostas plazas de garaxe que ten O Concello no Mamotetro.

[...] Tirado da web de Fusquenlla, colectivo de Pontedeume adherido á RGNSV: [...]