As incoherencias da política local
Mentres a sociedade exixe unha maior transparencia, os poderes tórnanse en sociedades secretas.![]()
A despolitización da sociedade, un fenómeno en crecemento, ten causas moi concretas. Algúns pensan que a pouca credibilidade dos políticos é a razón da escasa participación social. Outros, tamén con fundamento, cren que a política é unha ciencia abstrusa imposíbel de descifrar. Isto parece deducirse da recente petición do PSdeG local dirixida ao goberno popular do concello para poder acceder ao rexistro xeral da casa do pobo. Petición que os populares do PP rexeitan polo probábel bloqueo ao que se someterían as oficinas do consistorio. Vilariño, representante socialista, denega este argumento e cre viábel entregar a documentación pedida.
Dende hai máis dun ano o colectivo Fusquenlla vense queixando da nula atención que o goberno tripartito prestou á solicitude de acceder a diversos expedientes de urbanismo. Esta queixa foi trasladada ao Valedor do Pobo sen que este fose capaz de conseguir do Concello de Pontedeume unha soa explicación sobre a denegación dun dereito básico recollido tanto nas leis que rexen as relacións entre a Administración e os cidadáns, como no regulamento de participación cidadá do mesmo Concello de Pontedeume.
Mais este desaire que o goberno local ten co Valedor do Pobo exténdese á actual corporación. Dende que tomou posesión despois das pasadas eleccións, a oficina do Valedor interesouse por dúas veces ante o goberno do PP pola información solicitada anteriormente. Este organismo autonómico que debería velar pola defensa dos cidadáns ante os abusos da administración, amosa a súa impotencia ante o que non é máis que unha nova proba da absoluta impunidade da que fan gala os alcaldes galegos.
Por todo iso, non se comprende as manifestacións dos socialistas exixindo un dereito que eles negaron. Sempre pensamos que os dereitos eran normas lexítimas por riba das interpretacións partidistas dos políticos, e que deberían ser protexidos por instancioas alleas aos partidos, neste caso polo Valedor do Povo. Parece que é esta unha institución máis propia de escaparate que de verdadeiro labor executivo.



O PSOE debería de concretar que documentacion e expedientes son os que non se denega acceso, supoño que non seran os mesmos que estivo negando sistematicamente durante anos.