O Concello negocia a compensación por un convenio urbanístico do ex alcalde
Freire prometeu parcelas edificables a cambio da cesión de terreos para a construción dunha parte do paseo marítimo e da piscina, contraprestación que non se chegou a materializar
O Goberno local de Pontedeume terá que facer fronte ao pago da compensación dun convenio urbanístico asinado entre o Executivo do ex alcalde Belarmino Freire e a familia Tenreiro no ano 1997, polo que esta cedeu uns terreos ao Concello, o que posibilitou a construción do segundo tramo do paseo marítimo, que discorre cara a Esteiro e ata a ponte da autoestrada pola marxe litoral, e da piscina climatizada municipal.
O Executivo, do Partido Popular, asegura que descoñecía a existencia deste acordo “ata hai pouco”, cando descubriu que, aínda que os propietarios das parcelas cumpriran co seu parte do acordo, o Concello non materializou a edificabilidade dos terreos noutra zona, tal e como acordara nin, na súa falta, compensou aos afectados economicamente, segundo o estipulado no convenio.
Agora o Goberno local asegura que mantén negociacións coa familia Tenreiro para chegar a un acordo, aínda que rexeita adiantar de que tipo, se económico ou urbanístico. O que si que avanzou o concelleiro de Urbanismo e Facenda, Eugenio Otero, o pasado luns durante o debate dos orzamentos, é que a débeda económica ascende a unha cantidade “elevadísima, astronómica” xa que se tería que facer fronte ao pago de preto de “20.000 metros cadrados”, que en palabras de Otero, “é unha cifra imposible de saber”.
O portavoz municipal do Partido Socialista (PSOE), Agustín Vilariño, concelleiro de Urbanismo cando se asinou o convenio, explica que este se fixo con base nun acordo plenario aprobado por “todos os grupos da Corporación local, incluídos os seis edís que o Partido Popular tiña naquel entón”.
Vilariño destaca que o convenio naceu froito das necesidades daquel momento e que permitiu a construción da segunda fase do paseo marítimo e da piscina municipal, “servizos que levamos gozando dez anos”. Explica tamén as razóns polas que o Goberno local de Belarmino Freire non puido cumprir co pactado.
Sinala que o acordo incorporouse ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que foi aprobado naquel momento de forma inicial por unanimidade da Corporación, pero o proxecto urbanístico non chegou a bo porto debido ás continuos cambios lexislativos en canto a materia urbanística, razón pola que non se chegou a materializar a edificabilidade prometida á familia Tenreiro.
“Nós cumprimos co noso compromiso, aínda que este non se puido efectuar polos continuos cambios de normativa que impediron que o plan xeral fose aprobado”, apunta o socialista, que confía en que o Goberno local chegue a un acordo cos afectados. Agora, o Concello ten dúas vías para solucionar o problema: indemnizar economicamente aos Tenreiro ou tratar de compensar con parcelas edificables noutra zona.



É curioso pero Vilariño se repite, sempre son excusas de mal pagador, “os cambios continuos de normativa”, nunca son “os nosos erros”.
Vilariño a LEY DE COSTAS é de 1988, e dende a sua aprobación os terreos dos Tenreiro pasaron a ser servidumbre de costas, e non se podia construir edificios de vivendas como estaba previsto nas NNSS de 1986.
Que agora pretendan que se lles permuten 20000 m2 de terreos edificables por terreos en servidumbre de costas é unha burla ao cidadan.
Ademais os convenios urbanisticos hai que incluilos no PXOM antes da exposició pública para que os cidadans poidan alegar.
Indignante o nivel de politicos que temos nesta vila.