Unha agresión intolerábel: a mina de andalucita bota a andar


Se alguén pensaba que en materia medioambiental a permisividade do goberno anterior xa era de por si nefasta, agora o goberno do Partido Popular demóstranos que as agresións ao territorio aínda poden acadar cotas máis elevadas de destrución.

A Xunta de Galiza acaba de aprobar a Declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da concesión Sonsoles IV, 6156.1, concello das Pontes de García Rodríguez (A Coruña), promovido por Picobello Andalucita, S.L. Esta empresa de capital surafricano e británico ten a súa sede na Coruña.

Este proxecto do ano 2000 vai crear 33 empregos segundo o Instituto Galego de Promoción Económica e conta cunha subvención estatal de 6,3 millóns de euros, o 37 % do investimento total previsto. Unha cifra desorbitada que non pode ser xustificada pola crecaión de postos de traballo. No ano 2005 a Consellaría de Medio Ambiente, dirixida por Pachi Vázquez, rexeitou o estudo de impàcto ambiental por afectar ao parque natural das Fragas do Eume. A empresa presentou unha modificación do proxecto no que aseguraba que o parque natural quedaba excluído da explotación, quedando esta a 50 metros das Fragas.

A superficie ocupada polo novo proxecto é de 277.016 m2 e a  Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viábel. A mesma Consellaría, nun trato de favor dificilmente xustificábel, deixa aberta a posibilidade de que a empresa solicite unha modificación das medidas impostas pola administración en caso de ser dificultosa a súa implantación: “O promotor poderá solicitar ao órgano ambiental a revisión das medidas indicadas nesta Declaración co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes na explotación”

No proxecto primeiro de Picobello Andalucita prevíase expropiar 150 hectáreas, unha superficie equivalente á marcada no plano.Visualizar o mapa ampliado

O permiso para dita explotación suporía a destrución duns inmensos valores ecolóxicos, paisaxísticos e etnográficos (fragas, regos, brañas, muíños, acueductos, rueiros, regadíos, …). No lugar nacen dous regatos: rego de Cernada e o rego de Gallel, ambos os dous están incluídos na bacía do río Eume, aínda que tamén poden verse afectados os regos de Sisín, rego da Igrexa e regato de Teixido. Sen esquecer ao río Belelle. Unha agresión a un enclave que debería, polas súas características, estar comprendido dentro dos límites do parque natural das Fragas do Eume e que nos demostra como o novo goberno da Xunta de Galiza está disposto a desandar o camiño que a sociedade civil galega trazou en defensa do territorio.

Este é o mapa da explotación (nunca mellor dito)

Páxina de Pico Vello

Information and Links

Join the fray by commenting, tracking what others have to say, or linking to it from your blog.


Outros Artigos
Colaboración entre a Universidade de Compostela e a firma Picobello Andalucita, S.L.
O Plan do Litoral obriga a rehabilitar a contorna da praia de Ver

Escribir un comentario

Escriba o que pensa sobre o asunto. Permítese HTML básico para dar certo formato.

Comentarios dos lectores

Pontedeume sempre foi terra de acollida daqueles que se sentiron impresionados pola beleza da paisaxe eumesa, das súas tascas e das romarías. Abofé que poucos vilas poden presumir de tantas virtudes. E iso é notorio nada máis desembarcar nestes lares.

Uns personaxes que quedaron cautivados por este pedazo de terra foron unha parella de ingleses, altos, aristocráticos, extrovertidos e de fácil comunicación. Pero a diferencia doutros que tamén se namoraron do terreo que acababan de coñecer, os ingleses fixérono dende outra perspectiva: a do valor xeolóxico. El, de profesión xeólogo, é administrador dunha empresa de capital anglo-sudafricano que busca abrir unha mina de andalucita na zona de Pico Vello, a carón das Fragas do Eume. O que nun principio parecía un caso envexábel de bohemios subxugados pola paisaxe, non era máis que un exemplo de busca de lucro incesante a costa da paisaxe. Unha continuación da cadea colonizadora que comezou cando os ingleses se apropiaron dos recursos de Sudáfrica. Son estes dous países os que agora procuran a riqueza dos galegos das terras do Eume.

O nome de andalucita se atribúe a un inglés que decubríu este mineral nunha paraxe castelá e, crendo que estaba en Andalucía, chamoulle anadalucita. Esta mostra de ignorancia, a mesma que lles leva a chamar á empresa que representan Picobello Andalucita polo lugar de Pico Vello no que se atopa o mineral, non é impedimento para conseguir grandes réditos da explotación dos recursos locais. Sempre foi Gran Bretaña un país que non necesitou da cultura para converterse nunha potencia mundial. O petróleo iraquí, máis valioso que a andalucita, esixíu esforzos ímprobos, sanguentos e tráxicos. Agardemos que o noso mineral non acade no mercado o valor do petróleo.
Do Blog: Pontedeume, retrato dunha vila

Poderíame indicar se o lugar onde tenhen previsto montala mina de andalucita é o mesmo que sae no mapa ??

Moitas grazas.

Incorporei o mapa da explotación. Corresponde co publicado no DOG. A escala é correcta. De haber variacións, son mínimas

Grazas pola información (por ista e por todas!). Desfixéchelas minhas dúbidas, “afortunadamente” non é o lugar onde pensaba que ían facela explotación. Confundinme polo mapa no que pos “unha superficie equivalente á marcada no plano”, xa que ises penedos do final, xusto os que están ao carón do encoro, posúen o privilexio de ofrecer unha das millores vistas das fragas.

Esquilman os nosos recursos, destrúen a paisaxe, e cando non queda nada, vanse cos cartos no peto.

Agardo que o silencio da Xunta non sexa de complicidade. Agardo tamén que a opinión pública, coa excusa da creación de “emprego”, non se ponha do lado da empresa ao igual que acontece noutros lugares da península onde pelexan por instalar nos seus pobos ceminterios nucleares.

FÓRA DA GALIZA!