“Gostaríache facer o hospitaliño de Pontedeume?”
Un dos inculpados na trama de corrupción estivo negociando co executivo local de Pontedeume.
O peor da corrupción propiciada polo urbanismo feroz foi a crise económica que afectou a toda a sociedade. As tramas que fixeron posíbel o caos chegaron a corromper o mesmo aparato do estado: concellos, consellarías, deputacións, etc. Estes días fálase dun funcionario da Consellaría de Cultura que procuraba subvencións para rehabilitar propiedades da igrexa. Como pago polos favores prestados fóille “vendida” unha reitoral da igrexa polo módico prezo de 60.000 euros, finca incluída. Posteriormente púxoa á venda por máis de 600.000.
Na trama aparece un arquitecto, Xosé Manuel Pichel, que repartía as obras entre media ducia de amigos. A policía atribúe a este tecnico un considerábel patrimonio formado por 69 inmobles e dez motos de gama alta. Os medios para obter semellante riqueza son obvios.Da súa boca saen perlas como esta: “Os voy a repartir Galicia, os voy a dar una herencia de puta madre”. Eles repartíronse a riqueza, o patrimonio e a paisaxe. Eles crearon o problema do que se enriqueceron.
Foi este arquitecto amante do patrimonio (polo menos do privado) o que ofreceu a unha compañeira de profesión a rehabilitación do hospitaliño de Pontedeume. Unha obra detrás da cal levaban máis de dez anos. Unha frase que xa é titular dos xornais: “Gostaríache facer o hospitaliño de Pontedeume?”
Na conversa pinchada pola policía o arquitecto afirma que lle pedíu ao alcalde Pontedeume que se reunise con el. A páxina das Novas xeracións do PP en Pontedeume fíxose eco da visita deste sagaz técnico da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo: O edil de Servizos e Tráfico do Concello eumés, Javier Crespo, confirmou que o goberno xestionará máis pronto que tarde unha reunión con responsables do Arcebispado de Santiago de Compostela para chegar a un acordo de face á doazón dun edificio que, segundo o arquitecto do Plan do Xacobeo, José Manuel Pichel, reúne todas as condicións necesarias para convertelo en alberque
Non lle debía parecer abondo o hospitaliño, que Pichel expuxo como unha opción máis a posíbel cesión, por parte dalgún veciño, dunha casa ou vivenda da súa propiedade -situada ou ben no centro urbano da vila dos Andrade ou nas inmediacións de trázaa do camiño- para rehabilitalo con diñeiro público e posteriormente convertelo en referencia para aquelas persoas que percorren o camiño de Santiago.



http://4.bp.blogspot.com/_p4CjoTLax80/Syoh80O8bbI/AAAAAAAABts/6×2mijz5f7U/s1600-h/Visita+Patrimonio+dic.09+005.jpg