O que hai dous anos era núcleo rural, hoxe é urbano
O actual proxecto de PXOM aprobado inicialmente en novembro polo pleno municipal contempla os núcleos de Arbosa e Ver como urbanos consolidados, a mesma clasificación que o núcleo urbano de Pontedeume. Esta caracterización dos dous asentamentos levantados en plena voráxine urbanística non se corresponde coa relaidade e así o denunciamos dende estas páxinas. Da mesma opinión é a Consellaría de Política Territorial que no informe previo, emitido no ano 2007 a raíz do anterior planeamento urbanístico elaborado polo Concello, indicaba que estas zonas poderían ser incluídas, en parte, na categoria de solo urbano non consolidado:
Cómpre sinalar que tanto en Ver como en A Herbosa, as normas subsidiarias municipais aprobadas no ano 1986 (antes, por tanto, da lei de Costas de 1988) clasificaban ambas as dúas zonas como “solo urbanizable normal”, sen que conste que dende entón se teña aprobado e executado ningún instrumento de desenvolvemento nesas áreas, polo que non se atopa xustificada a súa inclusión como solo urbano. En todo caso Ver e A Herbosa poderían, en parte, clasificarse como solo urbano non consolidado,
O curioso e rechamante é que a mesma Consultora Galega no informe de avaliación ambiental estratéxica redactado no mesmo ano 2007 declaraba os lugares de Ver e Arbosa como núcleos rurais. O por que en dous anos estes núcleos, antes rurais, pasan a a ser considerados polo PXOM como urbanos consolidados é un misterio que só os autores do planeamento e responsables municipais poden explicar. Algo que terán moi difícil se nos atemos aos informe da Xunta de Galiza. En todo caso, unha máis das moitas incongruencias deste plan.
(Foto do blog http://unibersoparalelo.blogspot.com/)


