Fóra de ordenación ou fóra da legalidade?
O termo fóra de ordenación está recollido na vixente Lei de Ordenación Urbanística e refírese a aqueles edificios que construídos nunha época determinada, anterior á aprobación dun plan de urbanismo, resultan desconformes coas novas ordenanazas que incorpora o devandito plan. Enténdese que estas vivendas foron construídas ao amparo dunha lexislación que posteriormente quedou obsoleta.
Isto é algo habitual cando se aproba a achaiadura urbanistica dun concello. Nalgúns casos créanse ordenanzas ad hoc para amparar este tipo de vivendas fóra de ordenación.
Outra cousa son as vivendas construídas á marxe da legalidade, aínda que conten coas preceptivas licenzas municipais. Sabido é que a concesión de licenzas non outorga estatus legal ás edificacións pois moi ben pode suceder que esas licenzas fosen concedidas vulnerando a lexislación vixente. En Pontedeume temos casos abondo de licenzas posteriormente anuladas polo xuíces.
Feita esta distinción, convén matizar unha nova que aparece no xornal La Opinión. Nela infórmase que 400 vivendas de Pontedeume quedarían fóra de ordenación unha vez aprobado o PXOM. A primeira corrección que compre facer é que as vivendas construídas ao amparo das normas subsidiarias do ano 1986 non quedan fóra da legalidade, tal e como se recolle na información, senón que quedarían fóra de ordenación.
Outra cousa son as edificacións construídas ilegalmente en zonas de protección costeira ou solo rústico. Os propietarios destas vivendas son os que interesadamente alertan da precaria situación na que se atoparían as construcións, equiparando as levantadas legalmente coas manifestamente ilegais. Asociados como un lobby que pretende legalizar os chalés construídos a carón do mar, terxivesan a información. Para iso nada mellor que unha voz “autorizada”, a do director da Escola Superior de Arquitectura de A Coruña. Pero o xornal non di que este arquitecto é un dos propietarios afectados e que posúe unha destas vivendas no lugar da Ínsua, vivenda que quedaría “no limbo urbanístico” como el mesmo afirma.
Xustificar as ilegalidades urbanísticas mediante a interpretación falseada das leis non parece propio de quen exerce a dirección dunha escola superior de arquitectura. O problema con que se atopan a maior parte destas construcións levantadas en Centroña, Boebre e Arbosa é que foron construídas sen respectar a legalidade vixente. Algunhas en zonas de protección costeira, outras sen adaptarse á licenza concedida e outras máis realizando segregacións en solo rústico.A Xunta de Galiza xa iniciou as oportunas investigacións, o que motivou que os promotres solicitasen a mediación do alcalde ante o máximo órgano de poder (ver máis información aquí)



O que hai que denunciar é a actitude do alcalde de Pontedeume que ampara descaradamente a estes señores. Ver nesta mesma páxina unha información recollida do Diario de Ferrol onde Torrente amósase disposto a interceder polos infractores
http://sospontedeume.com/?p=2015