Fusquenlla critica o aparcadoiro proxectado nunha das ´poucas´ zonas verdes (La Opinión)
Dúbida da viabilidade económica do aparcadoiro debido á “escasa demanda” E Asegura que existe un desfasamento entre a previsión de novas vivendas e o crecemento negativo da poboación
Fusquenlla, o colectivo eumés que loita por un urbanismo sostible, critica o proxecto de construción dun aparcadoiro subterráneo no parque Sarmiento, “que suporá a recualificación das poucas zonas verdes a favor dun equipamento de carácter concesional de difícil viabilidade económica dada a escasa demanda”, segundo reflexa o colectivo nunha das alegacións presentadas ao novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Pontedeume.
O rexistro municipal do Concello recolleu durante a mañá de onte as últimas alegacións ao PXOM, na que foi a xornada final de exposición pública do proxecto urbanístico. Desde o Concello non se avanzan polo momento cifras exactas sobre o número total de reclamacións presentadas, pero se advirten do considerable aumento rexistrado durante a última semana.
A plataforma entregou un total de dez reclamacións ao proxecto urbanístico. Nunha delas asegura que o proxecto non respecta os principios de uso racional dos recursos naturais e desenvolvemento sostible. Explica que o PXOM prevé un crecemento urbanístico superior ao 20% nos próximos dez anos (concretamente recolle 925 novas vivendas), o que, para Fusquenlla, non se axusta ás previsións de poboación reflectidas no documento, que para 2022 marcan o obxectivo de chegar a 9.505 habitantes (a pesar de que desde o ano 2000 a poboación de Pontedeume diminuíu de forma constante). O colectivo recorda que, tal e como se indica na memoria justificativa do plan xeral, a porcentaxe de vivendas baleiras supera ao 15% e un 17% do total de casas é de segunda residencia. Para Fusquenlla, estes datos reflicten que o novo proxecto de ordenación propón un “modelo continuista coas políticas expansivas anteriores”.
Outra das cuestións ás que a plataforma fai referencia nas súas alegacións é ao feito de que o proxecto urbanístico prevé novas edificacións a pesar de recoñecer que as redes de saneamento, subministración de auga e alumado público son deficientes, o que é contrario ao que recolle a Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia.
Ademais Fusquenlla destaca que o proxecto de ordenación municipal non cumpre cos niveis de calidade de vida e cohesión social esixidos por esa lei, xa que non respecta a proporción de espazos libres e zonas verdes. Fusquenlla explica que para un total de 1.155.357 metros cadrados edificables previstos, Pontedeume debería ter 173.304 metros cadrados de espazos libres e zonas verdes vinculados aos núcleos de poboación, pero o PGOM só recolle 54.663 metros cadrados.
Tampouco se mostra de acordo coas cifras de equipamentos xerais. “Aparentemente preséntanse con excedentes pero en realidade son actualmente insuficientes as prazas de xeriátricos, garderías e de centros de día”, sinala a plataforma na súa reclamación, á vez que asegura que a localización do auditorio é “inadecuada”.
Noutra das reclamacións denuncia que o plan xeral incumpre as esixencias das normas de calidade urbana da lei de ordenación urbanística de Galicia, xa que non se regulan as alturas das edificacións en función do ancho das rúas.
Tamén fai fincapé a agrupación na escasa atención que se presta ao casco histórico, xa que unicamente indícase que en breve realizarase un Plan Especial de Rehabilitación, e na falta de protección de elementos do patrimonio cultural. La Opinión



