O resentimento de Touriño
O ex-presidente Emilio Pérez Touriño acaba de intervir no Curso de Pensamento Carlos Gurméndez que se celebra en Pontedeume. E fíxoo da forma máis desafortunada posíbel: arrementendo contra Galiza Non Se Vende. Segundo o político xa retirado a rede GNSV xera inmobilismo, é dicir resistencia ao cambio, por non comprender a norma de protección da costa impulsada polo seu goberno. Asemade atrévese a insinuar que esta plataforma está ao servizo do Partido Popular.
Esta última afirmación, a falta de probas minimamente demostradas, sería suficiente para diagnosticar síntomas de paranoia no ex-presidente, un trastorno causado pola frustración de non sentirse comprendido. Un prexuizo do ex-presidente que o convirte en convicción para enarbolalo ante os seus acólitos.
Sentirse a vítima incomprendida e denunciar resistencias internas e da rede GNSV ante a norma de protección do litoral que prohibía construír na franxa dos 500 metros, ademais de falaz é demagóxico. A forte oposición que a rede GNSV amosou á política medioambiental do bipartito tiña outras razóns moito máis poderosas e que desmentían a suposta protección do litoral que electoralmente pregonaba o goberno de Touriño. Tal e como se explicaba no comunicado lido ao remate da manifestación que GNSV convocou en Compostela o 15 de febreiro do 2009, seguían vivas as nefastas políticas ambientais que devastan os recursos naturais de Galiza e alimentan unha orde social inxusta e insustentábel.
Demostrábase que non existía por parte do goberno a intención seria de preservar o litoral da enorme cobiza das empresas multinacionais. A longa lista de intervencións sobre a nosa costa era unha sucesión interminábel de actos predadores cometidos ao amparo do liberalismo máis salvaxe. Dende a marbellización do litoral ata un Plan Acuícola que poñía en perigo Corrubedo, Quilmas, Corcubión, Merexo, Camelle, Arou, Seráns, Oia, Lira, Camariñas, Muros, Malpica, Valdoviño, Ribadeo…Sen esquecer a plan deportos deportivos que multiplicaba por catro os xa existentes, un plan eólico que ameazaba lugares potexidos, un plan de minería que esquilmaba a terra Cha e a Serra do Courel, a destrución sistemática dos ríos e rías galegos, a instalación de industrias altamente contaminantes e perigosas como reganosa na ría de Ferrol, a creación dun parque de residuos no Ribeiro, ou a creación dos lagos artificiais en As Pontes e Meirama co conseguinte perigo medioambiental e humano que comportan.
Crer que opoñerse a esta despropósito do capital avalado polo goberno de Touriño antes e polo de Feijóo agora é adoptar posicións defensivas demostra a escasa lucidez do ex-presidente á hora de interpretar un fracaso electoral que o apartou do poder. Achacar aos opositores os males propios non lle evitará ao señor Pérez Touriño pasar á historia de Galiza como un fiel servidor dos interese máis espurios, os que están destruíndo os recursos naturais do noso país, a súa biodiversidade e o seu patrimonio humano e cultural.



Un mal xeralizado no PSOE, presidentes que se converten en lideres talibanes incuestionables, baixo unha bandeira de suposto progresimo se lexitiman como salvadores do mundo e que se presentan como mesias ante os seus acolitos (ben pagados por suposto), todo o que non lles baile as augas é da ultradereita. O problema é que as suas nefastas decisións e incompetencia fainos seguir a mesma liña da dereita mais reaccionaria convertindos no cancro mais maligno para a sociedade.