Asina o manifesto da Rede Galiza Non Se Vende
Na páxina de Galiza Non Se Vende apareceu o manifesto que convoca á manifestación do 17 de febreiro en Santiago. Alí podedes asinar o escrito e expresar o voso apoio a esta iniciativa que tenta paralizar o proceso de destrución do territorio galego.
“O territorio que habitamos conta con paisaxes fermosas ou singulares e alberga, ademais, moitas outras formas de vida, acubilla biodiversidade. O territorio condiciona as nosas vidas, mais tamén temos unha cada vez maior capacidade de modificalo. Combinando desleixo e unha estrema ambición depredadora, levamos décadas destruíndoo e xustificámonos argumentando que é para xerar emprego, para nos desenvolver, para vivir mellor… Este uso insustentábel do territorio está destruír a paisaxe e o noso patrimonio cultural, está a empobrecer a biodiversidade, está a empeorar a nosa calidade de vida e a hipotecar a das xeracións futuras, para, como moito, enriquecer a unha minoría…Estamos a atinxir un elevado nível de destrución do territorio, mais aínda temos capacidade para reaxir. Aínda é posíbel deseñar e desenvolver unha política de ordenamento territorial guiada pola sustentabilidade ecolóxica e a xustiza social: que respeite a paisaxe e o patrimonio, que nos permita convivir cunha rica biodiversidade, que mellore a nosa cualidade de vida sen hipotecar a das xeracións futuras”.


