O trasvase do Eume cara ao lago de Endesa


mina_lago.jpgO sufrido Eume é utilizado agora por Endesa para encher a vella mina de lignito, ou mellor sería dicir tapar as desfeitas que esta empresa realizou no concello de As Pontes. Como nos recorda hoxe El País, dende hai tres semanas parte do caudal do río Eume é desviado para encher o oco da mina que, unha vez esgotada, servíu para alimentar á central máis contaminante do país e un exemplo da nula atención que ao medio ambiente prestan as compañías eléctricas. A decisión de crear un gran lago artificial foi tomada en base a un estudo encargado pola propia empresa e polo tanto nada independente. Adega, Fusquenlla, Sociedade Galega de Historia Natural e Verdegaia denunciaron en febreiro ante a Consellaría de Medio Ambiente e ante a Fiscalía do TSXG o enchido pasivo que Endesa estaba a realizar naquel intre.

En artigos anteriores comentabamos o perigo que este enchido supoñía non só para as persoas senón para o río Eume. Entre as consecuencias máis inmediatas que o enchido podería acarrear estaba a posíbel acidificación das augas do río Eume. No mes de xaneiro escribiamos:”A posíbel filtración aos acuíferos que verten ao Eume podería contaminar este río que nutre a un gran hábitat de calidade inconmensurábel como son as Fragas do Eume e aos bancos marisqueiros que se atopan na súa desembocadura na vila de Pontedeume. Tamén as augas que encherán o lago sufrirán unha maior acidificación o que ocasionará a desaparición de moitas especies de vertebrados, sen contar coa previsíbel toxicidade.” A recente morte de reos no Eume provocada pola grande acidez das augas e cuxa orixe non é desvelada pola Consellaría de Medio Ambiente podería ser a primeira das consecuencias desta agresión medioambiental á que Endesa non acaba de acostumarnos. Outras serían a aparición de sismos provocados pola presión dos miles de millóns de metros cúbicos de auga, cambios climáticos que afectarían ás poboacións da contorna, diminución do caudal do Eume e alteración da biodiversidade das Fragas do Eume. Unha auténtica arbitrariedade difícil de xustificar cando dende o goberno se insta a preservar os ríos, os espazos protexidos e a loitar por un consumo racional do ben máis preciado: a auga. Dende logo para Endesa si o é.

Information and Links

Join the fray by commenting, tracking what others have to say, or linking to it from your blog.


Outros Artigos
Informe Destrucción a toda costa 2008
Animal

Escribir un comentario

Escriba o que pensa sobre o asunto. Permítese HTML básico para dar certo formato.

Comentarios dos lectores

Unha das zonas de Galicia que máis protección esixiría, xa que é un dos últimos reductos do bosque atlántico, é o parque das Fragas do Eume. Nos últimos tempos estase a convertir nunha área industrial, enerxética e mineira. A posta en marcha dos ciclos combinados en As pontes non supuxo a rexeneración da área mineira, xenerou novos problemas: o enchido do oco cun millón de m3 é unha ameaza para o caudal do río e un risco evidente de acidificación das augas. A sustitución do lignito polo gas obrigou ao tendido do gaseoducto, que atravesou ríos e montes e provocou desmontes e movementos de terra que tamén deberon contribuir á acidificación e a perda de biodiversidade.
Hai ameazas en ciernes da apertura dunha explotación mineira de andalucita en Goente, nas inmediacións do Parque, que entrañaría danos irreparábeis ás fontes do Belelle e ao Eume pola deposición dos refugallos.
A construcción da autovía Vilalba-Ferrol destruiu o pouco que quedaba do círculo megalítico da Mourela -único en Galicia- e contaminou as augas do Chamoselo e elevou o grao de acidez do afluente do Eume.
As razóns da mortandade dos reos no Eume, sexa cal sexa a causa científica, amosa a imposibilidade de compatibilizar a actividade industrial coa conservación dun valiosísimo espazo natural, e proba unha vez máis as contradiccións dun goberno que acaba de aprobar unhas Directrices de Ordenación do Territorio onde as Fragas eran consideradas como “ámbito de enorme interese natural”.