O Concello consinte as ilegalidades na Av. Dr. Villanueva
A que fora casa de D. Pablo volve ser motivo de polémica pola condescendencia que o goberno eumés amosa coa empresa promotora. Despois de ordenar paralizar as obras deste escandaloso edificio situado en pleno casco urbano de Pontedeume, os responsabeis municipais fan a vista gorda e ignoran que novamente os operarios da empresa están a realizar reformas no lugar.
A empresa Progasa 2000 solicitou ao actual goberno unha nova licenza unha vez paralizadas as obras polo anterior alcalde Belarmino Freire. No proxecto presentado por Progasa 2000 volvíanse a infrinxir as Normas Subsidiarias do concello de Pontedeume, razón pola cal o colectivo Fusquenlla reclamou novamente a paralización das obras. Esta petición foi aceptada polo alcalde Gabriel Torrente, e os tribunais avalaron a ilegalidade do proxecto presentado. Hai que lembrar que este edificio vulnera as leis que rexen no concello eumés en materia de urbanismo. A edificación duplica as alturas permitidas e aumenta en 5 metros o fondo autorizado.
Mais a insistencia dos promotores non parece esgotarse. Actualmente estanse a continuar as obras pese ás ordes de paralización e desdeñando o feito de estar sometidas a investigación xudicial. Este desprezo pola autoridade xudicial pode ser extrapolado aos membros do equipo de goberno que, lonxe de obrigar ao acatamento das leis, permite con indiferencia a continuación dos traballos realizados por Progasa 2000.



O concello de Pontedeume ten que aclararse dunha vez, o tempo se esgota, ou esta por aplicar a legalidade de forma clara ou vai seguir permitindo as ilegalidades, non se pode navegar a duas augas mais tempo. Progasas e Lagares entre outros non son ninguén mais alo de especuladores sen escrúpulos, sabense defender soliños e non lles fai falla axuda do concello.
É imposible contentar a quen infrinxe a lei e ao mesmo tempo aos que perxudican esas infraccions, que no son outros que os veciños desta vila. O alcalde de Pontedeume non pode atribuirse o papel de rey Salomón.