Contra paralización, máis construción
Despois de descubrir que a obra de Caldagueiro ten unha orde de paralización por non se axustar á legalidade, orde que data de marzo de 2005, agora sabe-se que unha parte importante da obra, aproximadamente o 40 % da mesma, carece de licenza de edificación.
O proxecto presentado pola promotora era válido para a construción de 51 vivendas na zona de Caldagueiro. Este proxecto foi paralizado polo Concello de Pontedeume a requerimento da Conselleria de Política Teritorial. Posteriormente a esta paralización, que a promotora non acatou, levantaron-se máis de 40 vivendas sen a correspondente licenza municipal, ampliando así o volume até extremos escandalosos.
De novo convén lembrar as palabras do alcalde cando se lle preguntou por que non se paralizaron as obras, omitindo a orde do concello. Segundo as suas explicacións estaban traballando para “repoñer a legalidade”. Agora xa sabemos que deberia dicer afianzar a ilegalidade e que unha vez máis, sen ruborizar-se, faltou-lle ao respeito ás xentes de Pontedeume falseando a verdadeira razón: a conivéncia cos promotores inmobiliários.
O prexuizo ocasionado á vila de Pontedeume e aos compradores das vivendas, case todas elas adquiridas, é inconmensurábel; un prexuizo ocasionado polo afán desmesurado de enriquecemento dunhas promotoras inmobiliárias e construtoras ao que hai que engadir unha actitude tolerante, cando non cómplice, do Concello de pontedeume.
Hai que lembrar que ademais da ilegalidade desta obra, tamén foi paralizada a situada na Av. de Ferrol por unha denúncia do Colectivo Fusquenlla, paralización que tampouco se respeitou polos construtores. Asemade a obra próxima a Correos segue o seu proceso a pesar das innumerabeis denuncias presentadas e sen que o Concello se tome a moléstia de encargar estudos técnicos que as avalen ou desmintan.
Non se comprende a permisividade das autoridades locais ante a gravidade das infraccións cometidas en matéria urbanística, todas elas practicadas pola mesma empresa construtora. Esta permisividade dana a credibilidade do Concello, que pode ser acusado de connivéncia coas empresas do sector inmobilário. Os responsabeis do concello teñen a obriga de respeitar e facer cumprir a lexislación vixente. Debe dilucidar-se se existe ou non unha relación directa entre obras ilegais e a empresa construtora que as executa.
O Colectivo Fusquenlla vai denunciar estes feitos ante a Conselleria de Política Territorial e pedir a este organismo que, ante a gravidade dos feitos, en aplicación do artigo 68 do Regulamento de Disciplina Urbanística, faga efectivas as ordes de paralización, poña os feitos en coñecemento do Ministerio Fiscal e proceda á revogación das competencias urbanísticas delegadas no Concello de Pontedeume