É posíbel chegar máis lonxe?
O plano que figura á marxe
corresponde a un proxecto actualmente en construción situado
na estrada da estación, o que se pode considerar como unha
ampliación do megaproxecto de Caldagueiro. Para esta obra a
empresa construtora pediu licenza que non lle foi aceitada polo
Concello de Pontedeume por sobrepasar-se das normas urbanísticas
nunha proporción exaxerada. Segundo estas normas non se pode
dar máis de 15 m. de fondo ao edifício, e o proxecto
apresentado (o da figura) tiña máis de 30 m. Resultado,
o Concello obriga a modificar o proxecto e apresentar un novo onde a
profundidade queda reducida ao 15 m. legais. (Sobraria a zona gris do
plano).
Pero parece que os construtores non están
dispostos a deixar de gañar cartos e o que están a
facer é construir segundo o proxecto inicial cunha
profundidade de 30 m e modificando o trazado da rua nova para
conseguir dar-lle máis volume ao seu edifício. Na
actualidade levan levantadas 3 plantas desta obra. Teñen
permiso para unha obra de 18 vivendas e están construindo
55.
Pode resultar incríbel que alguén se atreva
a actuar deste xeito, non tanto se sabemos que é o que
persegue este tipo de empresários emprendedores para os cais o
diñeiro é o supremo valor que todo o xustifica; mais
resulta ainda máis escandaloso que o goberno municipal non
actue en consecuéncia contra estes depredadores dos bens
públicos tendo en conta que son os poderes executivos os que
deben velar pola correcta aplicación das leis. Está-se
a defraudar ao Concello ao construir sen licenza. Está-se a
ocupar solo público. Está-se a transgredir a lei que
outros, máis mortais, temos que acatar mansamente. Está-se
a defraudar aos posíbeis compradores que descoñecen a
situación ilegal da obra.
Isto é incalificábel.
É un atentado aos intereses da colectividade e unha burla a
toda a sociedade, incluido ao goberno municipal. Alguén ten
que poñer couto a este tipo de abusos. Estamos cansos de ter
que demostrar o que é evidente: o património de toda
unha vila está sendo esquilmado por uns desaprensivos ansiosos
de te-lo todo.
Pola nosa parte, denunciamos esta situación ante o Concello de Pontedeume e ante a Consellaria de Política Territorial, exixindo a paralización desta obra e a demolizón do construído ilegalmente.
Se queres denunciar esta obra ante a Xunta de Galiza facilitásmoche o labor descargando desde aquí o impreso para enviar á CPTOPV.