FUSQUENLLA ESIXE A ACTUACIÓN INMEDIATA DA XUNTA NO CONCELLO DE PONTEDEUME
- A recente intervención da Xunta no concello de Viveiro, suspendendo as competencias urbanísticas, como xa fixera en Tui, Oroso e Sada, debe facerse estensiva a concellos como Pontedeume, onde se está a producir unha constante vulneración da lexislación urbanística, de cuia gravedade da proba a imputación ó alcalde dun delito de prevaricación por parte da Fiscalía ó conceder unha licenza de construcción nunha zona de protección costeira.
- No inicio da actual lexislatura os responsables do goberno autonómico recoñecían o problema que supuña a crecente presión urbanística sobre o noso litoral. O presidente da Xunta era consciente de que "o sector inmobiliario está presionando de maneira moi potente, intensa e moi recente sobre amplas zonas so país".
- Esta consideración levoulles a plantexar a necesidade de aprobar unha lei de protección do litoral, pero a previsible lentitude na tramitación da mesma parecía aconsellar a posta en práctica de medidas excepcionais e urxentes. A situación agudízase naqueles concellos que aínda non contan con plans de ordenación municipal -e este é tamén o caso de Pontedeume- e que dispoñen dunhas normas subsidiarias que permiten a edificación en zonas de especial protección. Naqueles concellos onde as previsións de crecemento non xustificaban os xigantescos proxectos urbanísticos e onde a especulación parecía inspira-la política urbanística a Xunta parecía decidida a actuar con prontitude. Noutros concellos, sen embargo, a Xunta está dando mostras dunha pasmosa inhibición.
- As diferentes reaccións por parte do goberno autonómico ante as agresións urbanísticas resultan difíciles de entender. Se recoñecemos a influencia que exerce a cor política dominante nos concellos ou a complicidade dos poderes públicos coas empresas
- constructoras, poderemos entender-las razóns desta actitude de pasividade con respecto ó concello de Pontedeme.
No caso de Viveiro a Consellería de Política Territorial xustificaba a revogación pola incompatibilidade da normativa urbanística do concello coa lexislación do solo en vigor e "coa preservación dos valores naturais, coa defensa do patrimonio cultural e co desarrollo sostíbel". Calificaba como "especialmente grave a clasificación como solo urbanizable de determinadas zonas situadas no bordo litoral costeiro e nas inmediacións do espazo natural do río Landro e as súas marismas, xa que representan valores naturais, ambientais e paisaxísticos que requiren protección".
Pois ben, os mesmos argumentos que a Consellería de Política Territorial emprega no caso de Viveiro son igualmente estensibles a Pontedeume. Na nosa vila o Concello está a clasificar como urbanos terreos que non o son, en particular na zona de Caldagueiro; terreos ubicados fora da malla urbana e que carecen "dun grao efectivo de urbanización", como afirman os informes elaborados pola Dirección Xeral de Urbanismo da COTOPV en novembro de 2004 e en febreiro de 2005 ante a denuncia suscitada por un proxecto de Promociones Lagares y Álvarez para construir 51 vivendas a escasa distancia da franxa litoral. A COTOPV requería entón ó Concello para que procedera á suspensión da licenza. Nos informes aducíase "a ilegalidade da norma municipal ao clasificar como urbano solo que non o era" e que, polo tanto, "arrastra a correlativa ilegalidada da licenza que nela se fundamenta", e instábase ó Concello a paralizar as obras. En marzo de 2005 o alcalde decreta a suspensión, pero o proxecto no só segue adiante, senon que ademáis estase ampliando con 40 novas vivendas sobre as 51 iniciais. Os sólidos argumentos- xurídicos dos informes amosan, ademáis, que o megaproxecto de Caldagueiro vulnera a LOUG, por canto "nos lugares de paisaxe aberta ou natural, sexa rural ou marítima ... e nas inmediacións das estradas ou camiños pintorescos non se permitirá que a situación, masa ou altura das construcións, muros e cerramentos.. limiten o campo visual para contempla- las belezas naturais, rompan a harmonia da paisaxe, desfiguren a perspectiva propia dela ou limiten ou impidan a contemplación do conxunto". As propias normas subsidiarias de Pontedeume, que fan referencia tamén ó valor paisaxístico da zona, recollen a esixencia de que: “en función da defensa da paisaxe e do carácter da mesma, contemplado desde a riveira, (...) todas as fachadas posteriores da sua edificación sexan tratadas como fachadas nobres ou pricipais". Os informes conclúen denunciando o impacto visual das edificacións: "actuando como unha pantalla de ladrillo e formigón que interrompe a visión e o disfrute das belezas naturais da franxa costeira e da vista panoranica da ría de Ares na desembocadura do rio Eume".
A situación que se está a vivir en Pontedeume precisa da mesma acción inmediata e contundente que a Xunta está promovendo noutros concellos. E isto debe ser así porque a demora na aprobación da anunciada lei de protección do litoral esixe mentres tanto unha actuación urxente nunha zona onde conflúen as apetencias das constructoras, a inhibición das autoridades locais e o enorme valor paisaxístico. Só una actitude decidida, fóra da estratexia partidista, que supoña a reposición da legalidade e o respecto o entorno paiaxístico evitará o risco dunha "nigranización" no noso concello.