
Manifesto lido o 6 de maio en Compostela
Cando nun país persoas de todas as condicións se unen
en pequenos grupos espallados por toda a súa xeografía
para defender a súa paisaxe, a súa riqueza natural e a
súa forma de vida, é porque algo está pasando.
E en Galicia está pasando.
Cando os nomes deses grupos de cidadáns e cidadás empezan
por expresións como “Salvemos a”, “En Defensa
de”, ou “S.O.S.”, é porque algo moi
grave está pasando.
E en Galicia está pasando, dun extremo ao outro do seu territorio.
O máis doloroso é que a orixe desta situación de
extrema gravidade que ameaza á nosa terra e ao noso mar
non é unha catástrofe natural nin unha fatalidade. Non.
Ven de dentro. Ven da man da cobiza, da falta de conciencia social, da
ambición depredadora, da ignorancia, da irresponsabilidade e da
cega ambición de persoas que, dende as empresas, dende as
administracións públicas ou nas súas
actuacións particulares están a destruír a nosa
paisaxe e o noso patrimonio cultural, están a empobrecer a
biodiversidade, están a empiorar a nosa cualidade de vida e a
malvender o futuro das vindeiras xeracións.
Para eles nada ten valor porque todo ten prezo.
E iso é o que está pasando agora mesmo en Galicia. Dun extremo ao outro do seu territorio.
Cando todas esas voces que se alzan alarmadas, pola enorme magnitude da
desfeita, son sempre desoídas, silenciadas, é que algo
está fallando.
Cándo a cidadanía responsábel e consciente ten que
saír á rúa para berrar a súa protesta
porque non existen canles de participación directa na
conformación desta realidade compartida que é Galiza,
é que algo está fallando
Cando cada día se repiten as agresións ao medio
ambiente sen que ningún poder lles poña freo,
é que algo está fallando.
Cando un furacán de devastadora cobiza se propaga ata o
último recuncho de Galicia arrasando paisaxes, espazos
protexidos, parques naturais e reservas ecolóxicas, é
porque algo está fallando.
Cando a artificialización do noso litoral con recheos, portos
deportivos, urbanizacións, industrias nocivas e
piscifactorías está poñendo en grave perigo o seu
principal recurso natural, a pesca e o marisqueo, é que algo vai
mal.
Cando non somos capaces de entender os miles de anos de
relacións equilibradas entre o home e a natureza que fixeron do
territorio galego un patrimonio cultural a respectar, valorar,
conservar e transmitir, é qie algo está a fallar
Cando os espazos naturais, teoricamente protexidos pola lei, son
sistematicamente espoliados e vense asolagados por proxectos e
instalacións industriais que estragan os seus valores, é
que algo está a fallar
Cando a sobreexplotación absurda dun territorio, promovida polo
afán de acumular millóns a costa do que sexa, está
a deixalo cada día máis ermo e esgotado, é que
algo vai mal.
Cando se empregan para iso cartos públicos investidos sen pudor
nin prudencia en macroproxectos insensatos e ruinosos que só
enriquecen a uns poucos especuladores, case sempre os mesmos, deixando
as arcas do pobo entrampadas para decenios, é que algo vai moi
mal.
E cando esas actuacións están ao servizo só dos
intereses duns poucos, de multinacionais e empresas privadas, e ameazan
a forma de vida tradicional de milleiros de familias e a saúde e
o benestar do conxunto da cidadanía, é que algo vai
rematadamente mal.
Están a fallar moitas cousas, demasiadas, desde unha punta
á outra do noso territorio. E cando unha cousa falla,
cómpre cambiala. Hai que cambiar actitudes, modelos, plans
e actuacións. E cómpre cambiar as leis para que poidan
amparar, protexer, impulsar e garantir ese cambio.
E por iso esiximos:
A implantación dunha nova cultura do territorio que
entenda e protexa a nosa identidade territorial con criterios de
racionalidade e progreso, que busque o diálogo entre valores
globais e locais, que recupere o equilibrio home-terra, que
procure a adecuación dos usos do solo ás súas
aptitudes, que non destrúa as nosas mellores paisaxes tanto
naturais como culturais, que free a especulación
inmobiliaria, que facilite o acceso a unha vivenda digna, que mellore a
habitabilidade de cidades, vilas, parroquias e aldeas e reduza a
demanda de transporte motorizado, xerando proximidade.
O cumprimento da lexislación vixente. Porque o grao de
incumprimento da lexislación de protección ambiental e do
patrimonio no noso país é moi alto, pódese
cualificar mesmo de escandaloso. Sen dúbida, é preciso
ampliar e mellorar a lexislación de protección ambiental,
ordenación do territorio e urbanismo pero primeiro cómpre
garantir o cumprimento da lexislación existente. De pouco
servirá termos unha lexislación mellor se persiste o
desleixo actual na súa aplicación ou se se aplica en moi
pequena medida, particularmente cando afecta ás propias
Administracións e a grandes empresas.
Unha nova Lei de Ordenación do Territorio que delimite o que se
pode facer e onde, fundamentada na protección dos valores
sociais, ambientais e culturais do territorio galego. Os modelos de
planeamento deben ter un marco de referencia supramunicipal que
proporcione coherencia ao territorio e facilite o funcionamento dos
servizos, do abastecemento e dos equipamentos.
Unha nova lei que, partindo da protección de todo o solo non
urbanizable, estableza a obriga de demostrar a necesidade e
racionalidade de modificar esa protección polas necesidades de
crecemento dos núcleos de poboación.
Unha lei que debe significar tamén a desaparición do
axente urbanizador, unha figura que nos retrotrae a un pasado escuro e
feudal, con capacidade para decidir sobre as propiedades alleas.
Promover unha Estratexia de xestión integrada do litoral que
estableza a necesaria coordinación de todas as políticas
que inflúen sobre a zona costeira, que racionalice a
actuación das distintas administracións con competencias
sobre o litoral, e que estea baseada na protección dun tecido
económico diversificado.
Unha xestión que prime as actividades cun alto compoñente
de emprego estábel e que remate con esas políticas de
“pan para hoxe e fame para mañá” como a
promoción de segundas e terceiras vivendas na costa ou as
baseadas en industrias cun alto impacto ambiental e baixo nivel de
emprego como as que significan tráficos perigosos e nocivos nas
rías, as plantas de gas ou as piscifactorías.
Protección efectiva dos espazos naturais e ampliación das
figuras de protección ambiental. A protección ambiental
debe aplicarse de xeito rigoroso, definindo claramente os lugares
protexidos e creando corredores ecolóxicos, pontes de vida que
permitan manter ecosistemas dinámicos e interconectados
Exemplos como a delimitación por parte da Xunta do futuro Parque
Natural do Courel onde se deixa sen protexer grande parte da zona sur
para facilitar a instalacións de canteiras de pizarra,
indican claramente o desleixo da administración na
protección de espazos de alto valor ecolóxico.
Transparencia e participación da cidadanía nas
decisións que afectan ao territorio. As políticas
públicas, como indica o seu nome, esixen unha ampla
discusión entre a cidadanía e as administracións
implicadas e da contraposición dos distintos intereses que xiran
arredor delas para achar o balanzo máis positivo en termos
sociais, económicos e ambientais. Cómpre
desenvolver estruturas de participación cidadá efectivas
que permitan aos colectivos sociais participar dende o seu inicio no
desenvolvemento dos actuais e futuros procesos urbanísticos e
que a súa opinión sexa tida en conta.
Responsabilidade e concienciación ás persoas que
habitamos esta terra. A nosa vida non se entende sen o territorio:
sobre el temos a nosa vivenda, por el nos desprazamos, del tiramos
alimento e enerxía, nel deitamos os nosos residuos, traballamos,
pasamos o noso tempo de lecer… e facémolo
así desde hai séculos, nel está a nosa
historia. O territorio que habitamos conta con paisaxes fermosas e
singulares e alberga, ademais, moitas outras formas de vida, acubilla
biodiversidade. O xeito de relacionármonos co territorio que
temos cada un de nos, habitantes desta terra, definirá en grande
medida o noso futuro, polo que cómpre concienciármonos da
súa vital importancia e exercer a nosa relación con
responsabilidade, pensando no ben colectivo.
E reclamamos todas estas medidas porque, para a nosa desgraza, o
patrimonio que herdamos e permitimos que nos destruíran, xa non
o poderemos recuperar nunca. Pero, se nos quedamos de brazos cruzados,
acabaremos perdendo tamén, e para sempre, o que
aínda hoxe conservamos.
E para entón só nos quedaría a opción de chorar.
Pero non queremos nin lamentarnos, nin acomodarnos, por iso
estamos hoxe aquí, para expresar colectivamente, unha vez
máis, o noso rexeitamento a degradación da nosa terra e
para esixir, a aqueles que desde o poder teñen a capacidade de
facelo, que dean os pasos necesarios para deter esta destrución
planificada
Cada recuncho desta terra foi sempre, para os que vivimos nela, un ser
con vida propia, protagonista de moitas facetas das nosas propias
vidas. Tamén é unha paisaxe, a paisaxe da infancia, o
primeiro universo por nós coñecido, gravado no
máis fondo de nós e convertido en paisaxe interior de
cada un e cada unha.
Para outros, en cambio, é só un escenario de negocios, un teatro para a especulación.
Por iso, desde este lugar emblemático de Galicia, queremos
lanzar un fío de esperanza e resistencia a todos os reductos do
territorio galego ameazado, para xuntos e firmes defender o noso
patrimonio irrenunciable: a paisaxe, a vida e a identidade do noso
pais, do noso planeta.
Galicia non se vende. Terra viva e vida digna para todas e todos.!







