O axente urbanizador
A figura de axente urbanizador, que a lei recolle como tal, supón un dos maiores desvarios da política urbanística que nunca antes se deu neste pais. Este promotor ou promotores teñen a capacidade de urbanizar determinadas zonas residenciais ainda que non dispoñan da propiedade dos terreos sobre os que pensan edificar. Abonda con que posuan o 50 % de ditos terreos para que, posteriormente e dacordo cos concellos, lles sexa posíble expropiar o resto das fincas para levantar a urbanización.
O extremado poder deste axente, aínda que poida parecer que un 50% sexa difícil de conseguir, é bastante doado, e máis en Galiza onde en xeral hai bastantes propietarios distintos nunha zona, xa que estes (de non haber acordo entre eles) lánzanse a vender de primeiros para conseguiren uns prezos máis “xustos” que despois cando chegue a expropiación (ou espoliación?) do outro 50%. Evidentemente o axente expropiador-urbanizador xoga co poder da ameaza: “Se ti non vendes, xa venderán outros e despois ...”
Estas expropiacións soen taxar-se a prezo de saldo cando a venda
posterior das parcelas adoitas acadar uns valores desorbitados. No caso
de Perbes, tan preto e tan exemplar, deron-se casos de expropiacións de
fincas polas que se pagaron 600.000 pesetas e posteriormente o promotor
vendeu-nas por 25.000.000 de pesetas.
![]()
Esta lei está pensada para
beneficiar aos grandes promotores inmobiliários en detrimento dos
pequenos propietários, por canto estes non teñen a capacidade
suficiente para afrontar os gastos dunha urbanización de semellantes
características. Ao propietário dunha pequena parcela nestes terreos
non lle é posíbel construir a sua vivenda e sen embargo pode face-lo
un construtor capitalista que logo venderá a prezos inalcanzabeis para
as economias máis modestas.
A acción de expropiar deberia ser
unha medida excepcional que só tivese lugar cando o obxecto da
expropiación fose a consecución dun ben público, mais aquí dá-se a
circunstáncia de que o beneficiado é un particular que busca un alto
rendemento económico a través da especulación, unha figura que debe
considerar-se tamén delictiva. Vermos pois que o axente urbanizador
ademais de especulador posue a facultade de dispoñer dos bens alleos
para o seu uso particular. Difícil entender que esta lei sexa
compatíbel coa Constitución que di preservar os bens privados de todos
os cidadáns por igual. Chegará o dia no que algún tribunal a declare
anticonstitucional e se proceda á sua derogación pero mentres tanto
terá conculcado os dereitos e propiedades de milleiros de pequenos
propietários aos que será imposíbel resarcir das suas perdas. Ao que
hai que engadir o enorme prexuizo urbanístico e medio ambiental que
producirán as enormes urbanizacións que se levantarán ao longo das
nosas costas. Hai que lembrar que esta lei foi unha creación do Partido
Popular en Valencia e que ao dia de hoxe está extendida por numerosas
comunidades , entre elas Galiza. Resulta paradoxal que un goberno que
di defender os intereses dos galegos e á nosa terra, non teña xa
derogada esta lei dentro da nosa comunidade. O peso político dos
promotores inmobiliários parece que excede calquer programa de goberno dos grupos
políticos, sexan de dereitas ou de (presuntas) esquerdas. Tanto o PSOE
como o BNG teñen unha grande responsabilidade na pervivéncia desta lei
que máis recorda épocas feudais que sociedades modernas e progresistas
que respeiten os dereitos de todos os cidadáns. E non abonda que o
presidente da Xunta, desmentindo ao director xeral de urbanismo que
dicia que a figura do axente urbanístico é garante dun mellor
aproveitamento do solo, anuncie que "non
admite nin está de acordo nin asume nin vai desenvolver nunca o feito
da expropiación a realizar por urbanizadores privados». Mentres a lei
exista, o presidente non pode impedir a sua aplicación. O único xeito
de evitar os abusos dos axentes urbanizadores é derogar a lei. O demais
son discursos para a galeria que buscan calmar á opinión pública ante
semellante despropósito.
Curioso unha vez máis o artificio
da linguaxe que mediante eufemismos pretende desdramatizar a realidade.
A ninguén se lle escapa que verdadeira acepción do axente urbanizador
deberia ser a de axente predador.