FUSQUENLLA | urbanismo sost�bel e racional

Pola defensa dun Pontedeume mellor


 

O novo PXOM


Xa está elaborado o novo Plano Xeral de Ordenación Municipal de Pontedeume e hai que reparar, pola sua transcendéncia, en diversos aspeitos, algúns xa merecedores de crítica e outros de atención.

O novo plano de urbanismo ainda non foi amosado en público e sen embargo diversos promotores e especuladores xa dispoñen de cópias das que poden adiantar onde merece a pena facer a inversión que tantos beneficios lles reportará. Á condena desta práctica que prima os intereses de certos sectores por riba dos da comunidade, hai que engadir o menosprezo dos concelleiros responsabeis (ou irresponsabeis) que non se cansan de repetir que o PXOM non foi amosado a ninguén particular.

Por outra banda, coñecen-se algunhas das pretensións do novo plano, aquelas que pretenden dar estatus legal ás ilegalidades cometidas nos últimos meses por diversos promotores e construtores. Unha vez máis establece-se un agravio comparativo entre distintos sectores da sociedade: os particulares e os empresários da construción. Mentres un particular está obrigado a acatar as sentencias dos poderes públicos, os promotores están exentos da sua aplicación. Unha vivenda familiar en Ber ten ques ser demolida polo seu propietário, por orde expresa da Xunta de Galicia, mentres que nos casos das "grandes" obras de Lagares e Construeume é a Xunta quen delega no Concello de Pontedeume a aplicación das ordes de demolición e reposición das legalidade, coñecedores de que non se materializarán.

A esta política que consiste en legalizar os delitos cometidos no pasado, poderian-se-lle facer innumerabeis críticas.

  • De dubidosa ou manifesta inconstitucionalidade o feito de retrotraer ao pasado unha lexislación futura feita á carta, xa que sentaria-se un precedente polo cal toda senténcia deberia ser aplazada á espera dunha modificación lexioslativa que declara-se legal o que hoxe é ilegal.

  • Estaria-se lexislando non en función das necesidades reais da comunidade senón en función dos intereses dos promotores inmobiliários. A calificación do chan urbano non pode ser ditada polos beneficios ocasionados a uns poucos en detrimento da maioria.

  • Fomentan-se as actividades ilegais ao constatar a inutilidade das leis.

  • Favorece a corrupción como forma de acadar a impunidade.

  • Erosiona o sistema lexislativo e xudicial, fomentando a desconfianza cidadán.


Ao novo plano de urbanismo tamén se lle deberian exixir certas condicións para a sua aprobación definitiva. Entre elas a adecuación ás necesidades reais do crecemento demográfico de Pontedeume. Sabido é que esta vila ten un crecemento negativo durante os últimos anos o que fai innecesário un grande aumento da edificación e do chan urbanizábel. Se se permite aumentar considerablemente, como se pretende, o chan para edificar atoparemo-nos cunha vila chea de vivendas que permanecerán desertas a maior parte do ano creando unha situación que, ademais de non sostíbel pola inxente cantidade de servizos cos que hai que dotar as novas urbanizacións, resultará intolerábel para os habitantes desta vila.


De igual forma hai que exixir-lle ao PXOM que sexa totalmente respetuoso coa franxa costeira de Pontedeume, sendo esta un dos principais valores do noso património. O certo é que as intencións dos redactores do novo plano van por camiños opostos pois pretende-se conceder a posibilidade de crear unha nova urbanización en Ber, cando a realidade é que o actual complexo urbanístico xa foi un dos maiores despropósitos desde o ponto de vista da agresión medio ambiental.


Urbanizar a parte alta de Pontedeume baixo a escusa de abrir unha estrada desde Caldagueiro até O Barro para desconxestionar un tráfico irrelevante, é outra das posibilidades que abre o novo proxecto. Numerosos terreos xa foron adquiridos polos que sempre están á espreita do diñeiro fácil e ameazan redebuxar o aspeito de vila medieval de Pontedeume. Tamén Breamo corre un sério perigo como entorno paisaxístico se esta estrada se materializa. Este deberia ser outro dos fundamentos do plano de urbanismo, a protección dos lugares máis representativos e históricos do noso património; un património que vai máis aló do que é o casco histórico da vila, xa que , afortunadamente, posuimos unha grande cantidade de lugares que hoxe están ameazados polos intereses inmobiliários, como poden ser toda a zona costeira, o entorno das Fragas do Eume, Breamo e o Castro de Centroña.


Por todo o anterior, o Colectivo Fusquenlla vai solicitar da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda que sexa estricta e conforme á lei na valoración que faga do PXOM de Pontedeume antes de proceder á súa aprobación.



  • Seccións

    • Principal
    • Manifesto
    • Urbanismo
    • Mercado municipal
    • Colaboracións
    • Galería
    • Lexislación
    • Contactar
  • Ligazóns

pontedeume.blogspot

Arquitectura galega

Prestige, nunca máis








FUSQUENLLA | urbanismo sostíbel e racional para Pontedeume