FUSQUENLLA | urbanismo sost�bel e racional

Pola defensa dun Pontedeume mellor


 

Pleno do Concello 

Despois da publicación no xornal La Opinión da noticia sobre a ilegalidade da obra que se realiza en Caldagueiro e na que saia a relucir unha orde de paralización que ditaran a Xunta de Galiza e o próprio Concello de Pontedeume, parece que este é impermeábel ao escándalo social orixinado. Non só seguen a realizar-se as obras paralizadas, a de Caldagueiro e a da Av. De Ferrol, senón que nen sequer ofrecen unha explicación aos cidadáns eumeses que demandan coñecer o por que de tan inexplicábel fraude. Tanto o Alcalde como o responsábel de urbanismo deben comparecer ante a opinión pública para aclarar que é o que está a suceder neste concello no que as infraccións das leis son moeda corrente e non penalizadas.

No pleno celebrado hoxe venres, 23 de febreiro, non só non respostaron ás preguntas que moitos cidadáns se plantexan senón que transmitiron a peor das imaxes que un goberno democrático que se di de esquerdas pode ofrecer: a do obscurantismo, a de negar a realidade a base de non comenta-la. Estas prácticas antidemocráticas xa foron utilizadas moito antes polos gobernos de dereitas. Abonda lembrar a actuación do executivo cando a catástrofe do Prestige. Máis ben parecia que non ocorrera nada importante e permitian-se ir de caza. Hoxe vemos como os nosos representantes fan mutis polo foro coa mesma frialdade. Nen Manuel Rei nen Tino Regueiro foron capaces de contestar ás preguntas que se lles fixo: estaban ao corrente da orde decretada polo Concello? Por que seguian a traballar nas obras paralizadas? Deuse conta ao Rexistro da Propiedade para practicar anotación preventiva?

(Seria recomendábel que estes concelleiros lesen a interpelación parlamentar que unha deputada do BNG fixo no Parlamento Galego a propósito da situación do litoral galego)


Belarmino segue empecinado en proclamar a situación legal das obras e permitiu-se afirmar que por enriba da Xunta en materia urbanística local estaba o Concello. Non sei se sabe o alcalde que segundo o Regulamento de Ordenación Urbanística, está obrigado a acatar os requerimentos da Consellaria de Política Territorial e de non face-lo, pode dar lugar á revogación das competéncias en matéria urbanística delegadas no Concello (Art.68)


Ademais das explicacións deben-se depurar responsabilidades se non se quere transmitir a impresión que a corrupción está enraizada no Concello cunha magnitude difícil de imaxinar.


Deben-se dar solucións aos compradores desas vivendas que, pola neglixencia ou corrupción dos promotores e responsábeis do Concello, están a soportar unha situación de indefensión que lles pode ocasionar unha perda importante dos seus aforros investidos nunhas vivendas que hoxe por hoxe son ilegais.


É preciso que dunha forma inmediata se garanta a real paralización das obras consideradas ilegais pois, de non ser así, estaria-se infrinxindo a lei até o punto de que se faria inevitábel a actuación do ministério fiscal, co conseguinte prexuízo para os estamentos e bo funcionamento deste concello. Cada dia que pase a obra continuada adquire unha dimensión difícil de repoñer ao seu estado legal. Non esquezamos que se o noso Concello fose cumpridor coa lei, a edifício de Caldagueiro non existiria hoxe.


  • Seccións

    • Principal
    • Manifesto
    • Urbanismo
    • Mercado municipal
    • Colaboracións
    • Galería
    • Lexislación
    • Contactar
  • Ligazóns

pontedeume.blogspot

Arquitectura galega

Prestige, nunca máis








FUSQUENLLA | urbanismo sostíbel e racional para Pontedeume