Radiografia dun especulador
Se hai algo que está patas arriba neste mundo que habitamos
é o que chamamos con tanta familiaridade escala de valores, un
raseiro polo cal podemos medir o papel desempeñado por certas
persoas na nosa sociedade. Os critérios que se barallan non
adoitan ser moi racionais e moitas veces están contaminados pola
propaganda mediática, sexa televisión ou calquer outro
médio de comunicación. Un modelo que está a facer
furor é o de triunfador, entendendo como tal o que é
capaz de gañar cartos con suma facilidade. Hai quen se vende a
si mesmo e quen vende o dos outros.
De neno xa se decatara que as matemáticas e o latín non
levaban a nengures. O seu pai tiña a ben vangloriar-se de facer
un bon negócio cando mercara un terreo ao seu viciño que
logo vendeu polo dobre do seu valor a uns madrileños que querian
facer un “chalé” para pasar os veráns. Desde
aquela, chegou á conclusión de que os números
só serven se son para somar. Na escola non aprendia pero era un
gran observador do seu território. Por exemplo, as persoas
máis admiradas ou respeitadas eran aquelas que tiñan
cartos, pois ainda que non fosen o que se di intelixentes, eran as que
logo mellor se relacionaban, as que se paraban a falar co cura, as que
tiñan capacidade para recomendar a “fulanito” para
un traballo, etc
De adulto, xa abandonados os estudos por improdutivos e por
imposíbeis, adicou-se, como xa fixera o seu pai, a mercar
terreos para revende-los logo aos veraneantes que viñan a pasar
as vacacións á sua vila. Os cartos, segundo din
algúns, fan traballar as neuronas máis que calquer outra
razón; quizais por iso perguntou-se por que renunciar a facer el
mesmo as casas que reportaban uns bons benefícios, por que
quedar-se a metade de camiño se podia completar a cadea
compra-construción-venda.
Debe ser certo que a maior motivación é sempre a
económica. Agudizou tanto o seu maxín que para facer-se
con fincas non dubidou en viaxar ao estranxeiro e merca-las aos que de
nenos viran-se na obriga de facer as maletas para sobreviver, ou
aproveitar o estado de necesidade dalgún dos seus viciños
para lle adquirir as suas propiedades e así, xa de paso, saca-lo
da situación calamitosa na que se atopaba. Por suposto, todo
isto acompañado da misa dos domingos e dos consabidos actos de
caridade.
Ademais, a sua actividade creaba postos de traballo entre os xoves da
comarca, razón suprema de toda actividade honrosa e benefactora;
claro que tamén os proxenetas creaban traballo e riqueza, pero
non se podia estabelecer esa comparación que os seus
detractrores manexaban malintencionadamente. A proba de que o seu labor
gozaba dunha consideración social que aqueles non tiñan
era que fora nomeado fillo predilecto polas autoridades locais en
recoñecimento á sua contribuizón ao
desenvolvimento da vila, un progreso patente nos grandes
edifícios que incluso superaban en altura ao campanário
da igrexa local e ocultaban as pequenas casas avellentadas que daban un
aire xa caduco a unha vila que deberia enganchar-se ao carro da
modernidade; nos aparcadoiros soterrados símbolo das grandes
cidades respectuosas cos imprescindíbeis automóbeis; nas
grandes áreas comerciais que demandaban os lugareños para
poder codear-se cos habitantes da capital, ainda que os pequenos
comerciantes saísen prexudicados pola competéncia brutal
das cadeas comerciais francesas que ateigaban todo espazo comercial que
merece-se ser explotado. A el non se lle podian pedir responsabilidades
polas consecuéncias nefastas que tiñan que aturar os
comerciantes locais pois entendia que estes non souberon modernizar-se
ao carecer do espírito emprendedor do que el mesmo fixo gala
durante toda a sua vida. Non tiña claro se por incapacidade dos
pequenos comerciantes ou por aptitudes próprias dun home
triunfador como el.
Que algunha vez se extralimitou nas medidas das obras que tiña
que levantar? Quen non se equivocou nalgunha ocasión ao
botar números? Non pretenderian os seus detractores que o
progreso se interrompe-se por mor duns metros cadrados de máis,
por moito que as leis fosen explícitas no referente ás
medidas. Afortunadamente tanto os alcaldes como os arquitectos
tiñan o mesmo parecer que el, e se non o tiñan sempre
habia unha posibilidade de leva-los polos camiños do progreso,
sobre todo económico.
Non foi moito o que aprendeu pero si o suficiente como para saber que
cos cartos poden-se mercar homes e mulleres. Tamén imaxe. Imaxe
de persoa respeitábel, poderosa e pulcra. Ainda que logo non
resulte respectuosa, nen sexa xusta, nen estexa limpa.