Regulamento de (in)disciplina urbanística (07-02-06)
A orde de paralización da obra que estaba a construir a empresa Lagares, S.L. na Av. de Ferrol e da que non dispuña da licenza correspondente deberia ser un motivo de alegria ao se impoñer o sentido común sobre as ansias desmesuradas dos promotores imobiliarios que non dubidan en conculcar a lei cada vez que o necesiten. Pero a realidade non deixa lugar para o acougo.
Unha orde de paralización implica obrigar ao promotor á reposición da legalidade vulnerada e esta reposición pasa pola demolición do construido ilegalmente. Non imos tolerar que esta obra quede á espera de tempos mellores nos que un futuro Plano de Urbanismo “legalice” as aberracións construídas no presente.
Non só non se dá esta circunstancia senón que a orde de paralización ainda non foi acatada polo promotor, facendo da lei un instrumento inútil. Débese lembrar que segundo a lexislación vixente (Regulamento de Disciplina Urbanística) o alcalde debe adoptar as medidas precisas para garantir a total interrupción da actividade e, se esta non se produce, deberá poñelo en coñecemento do Ministerio Fiscal. De non ser así, o alcalde estaria faltando á obriga do seu cargo ao deixar de perseguir os delitos dos que xa ten constancia, e isto penalizaríase coa inhabilitación para exercer o seu cargo.
Débese denunciar a pasividade e complicidade do goberno local coas empresas construtoras, que non dubida en situarse á marxe da lei. Intocabeis, cando non favorecidos, son os seus intereses económicos, ao mesmo tempo que se troca unha xestión política por unha xestión especulativa. Non é esta a función dun goberno que di defender os intereses dos veciños e que, por outra banda, fomenta nestes unha sensación de inutilidade da participación cidadá e dos estamentos democráticos.
Ante a indefensión creada pola xestión baldía do Concello débese pedir a intervención do Ministerio Fiscal, posibilidade que recolle a lei, para a depuración das responsabilidades penais.
Na mesma situación desta obra hai moitas máis que se atopan inmersas en procesos de denúncias, algunhas con manifesta vulneración da licenza concedida, e deben ser paralizadas en aplicación da Lei de Ordenación Urbanística. Sobre este aspecto, cabe lembrar que no inmóbel sito na Av. Dr. Villanueva, a carón de Correos, os promotores tampouco respeitaron a licenza concedida e están a levantar un dos maiores desatinos visíbeis desde calquer ponto da Vila, unha marca de identidade do chamado feísmo urbanístico.
Emprazamos ao Concello de Pontedeume a que antepoña a lei a calquer actuación interesada; que demostre que está disposto a preservar o entorno natural da Vila por ser este un valor que garante o noso futuro; e que amose firmeza fronte ás intencións especulativas dos promotores imobiliários.