Solidariedade cos traballadores de EINSA
A empresa EINSA está a facer unha regulación de emprego que afecta á case totalidade da sua empresa en Pontedeume. Non se sabe que as contas da empresa sexan deficitárias pero si se sabe que os seus donos están mercando terreos na zona onde está ubicada a sua fábrica para adicar-se ao negocio da especulación, unha actividade das máis frutíferas entre todas as posibeis. Non só deixan sen traballo a case un cento de persoas senón que esquilman un dos bens máis preciados que temos hoxe en dia en Pontedeume: o entorno das terras dos Andrade.
Este empresário “modelo” que mesmo gozou dos favores da Administración ao conceder-lle subvencións a fondo perdido para botar a andar a sua empresa e ao que o Concello tivo a ben outorgar o título de fillo predilecto de Pontedeume, pretende agora urbanizar, coa aquiescéncia unha vez máis dos poderes públicos, unha zona que entendemos deberia conservar-se como património do noso futuro. Debemos lembrar-lle ao Concello de Pontedeume que este empresário ten unha débeda cos cidadáns desta comarca traducida en forma de subvencións e prebendas, e que non debe admitir operacións especulativas que deterioren a nosa paisaxe a base de construcións irracionais que a degradan. O Concello ten a obriga de defender os dereitos dos traballadores de Einsa e pode face-lo exixindo á empresa un comportamento acorde co trato que aquel lle dispensou no seu dia á vez que deixando moi claro que non se permitirán operacións especulativas.